A Consellería do Medio Rural, da Xunta de Galicia, reforzará os controis para supervisar a renovación dos contratos do sector lácteo e garantir o cumprimento da normativa vixente. Así o anunciou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tras manter unha reunión con representantes de Unións Agrarias (UUAA) para analizar a situación da renovación dos contratos lácteos dos vindeiros días.
O encontro prodúcese nun contexto complexo para o sector, marcado pola entrada no mercado de excedentes de leite procedentes da Unión Europea a baixo prezo e polo incremento dos custos de produción que afrontan as explotacións. Ante esta situación, a titular de Medio Rural subliñou a necesidade de extremar a vixilancia sobre os contratos para asegurar que se axusten ao establecido na lei da cadea alimentaria.
Ademais, Gómez avanzou que a Xunta impulsará novas accións para supervisar a etiquetaxe do leite no mercado, co obxectivo de detectar posibles incumprimentos relacionados coa orixe do produto.
A conselleira tamén anunciou que se solicitará ao Goberno central que leve a cabo un seguimento exhaustivo destes contratos para garantir o cumprimento da lexislación. Así mesmo, pedirá que, ante o conflito xerado en Oriente Medio, se reduzan os impostos sobre a enerxía, o gasóleo, os plásticos e os fertilizantes, co fin de aliviar os custos que soporta o sector.
No marco destas medidas, para a vindeira semana está prevista unha reunión coas principais industrias lácteas de Galicia. Posteriormente, a Consellería manterá encontros coas cadeas de distribución para reclamarlles corresponsabilidade e reforzar o futuro do sector lácteo galego.