A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse este mércores con representantes das principais industrias lácteas con presenza en Galicia. Nese encontro, apelou á responsabilidade das empresas para garantir a sostibilidade do sector.
María José Gómez, acompañada do director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros, e do director da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, censurou as reducións tan pronunciadas nos prezos ofrecidos ás persoas gandeiras. “Non están xustificadas baixadas deste tipo”, valorou.
Esta demanda enmárcase no proceso de renovación de contratos aberto actualmente entre a industria e os produtores, nun contexto de aumento dos custos de produción derivados do conflito en Oriente Medio.
Na cita abordouse a situación actual do sector produtor leiteiro. A titular do Medio Rural lembrou que “o Goberno galego está reforzando os controis no que respecta aos novos contratos de compra-venda de leite, así como ante a entrada en España de excedentes de leite doutros países da Unión Europea a baixo prezo”.
María José Gómez tamén explicou que “se están planificando novas accións para verificar a trazabilidade do leite e detectar posibles incumprimentos na etiquetaxe sobre a orixe”. Ademais, reiterou “que se lle reclaman ao Goberno central varias cuestións urxentes no escenario actual”.
Segundo indican desde a Consellería, pídenselle ao Goberno que “faga, por medio da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), unha inspección exhaustiva dos contratos do leite ante a súa renovación, e que active a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) para avaliar a posible competencia desleal dos excedentes que entran en España doutros membros da UE”. Así mesmo, reclámanlle “que reduza impostos, en particular no gasóleo agrícola”.