As comunidades da cornixa cantábrica reclaman ao Goberno central que contemple as súas peculiaridades na aplicación da futura PAC

As comunidades autónomas da cornixa cantábrica (Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco) coinciden en reclamar ao Goberno central que teña en conta as súas peculiaridades no deseño e a aplicación da futura PAC 2023-2027.

Os conselleiros de Medio Rural destes catro territorios subscribiron esta mañá por vía telemática un documento conxunto coa súa postura común ao respecto. Así, o texto foi asinado por José González, conselleiro de Medio Rural de Galicia; Alejandro Calvo, consejero de Medio Rural y Cohesión Territorial de Asturias; Guillermo Blanco, consejero de Desarrollo Rural, Ganaderia, Pesca, Alimentacion y Medio Ambiente de Cantabria, e Arantxa Tapia, consejera de Desarrollo Económico, Sostenibilidad y Medio Ambiente do País Vasco.

Os territorios que conforman a cornixa cantábrica teñen en común unhas características peculiares, como as súas explotacións, que na maioría dos casos teñen un tamaño pequeno ou mediano e un carácter profesional, pero eminentemente familiar. Explicaron ademais que a súa orientación produtiva ten que ver sobre todo con sectores gandeiros coma o lácteo, algo que as diferencia doutras zonas de España. Por iso, as catro comunidades defenden que o Plan Estratéxico nacional da PAC se apoie e recoñeza ese modelo de explotación familiar agraria sustentable do norte de España.

Neste contexto, as autonomías cantábricas esixen a Madrid -desde unha posición “construtiva e leal”- que teña en conta esas peculiaridades e amosan a súa preocupación pola orientación “mediterránea” que semella estar adoptando o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación á hora de trasladar ao ámbito nacional os postulados da nova PAC.

AXUDA BÁSICA Á RENDA

Así, por exemplo, indicaron que na axuda básica á renda dos agricultores e gandeiros é preciso ter en conta que as comunidades do Cantábrico teñen unha porcentaxe de superficie con dereitos de pago moi inferior á media española. Este desequilibrio debe corrixirse como paso previo a unha eventual transición cara un sistema de pago por superficie. A maiores, no documento considérase “inaceptable” que se propoña a incorporación das superficies de viñedo, froitas e hortalizas -ata agora excluídas e nas que a zona mediterránea resulta claramente beneficiada-, e ao mesmo tempo se dificulte a entrada de superficies doutros usos ou sistemas produtivos (como os pastos arbustivos).

Por outra banda, os conselleiros trasladaron que, no deseño das axudas á renda, é imprescindible que se reflictan, a nivel de toda España, as diferentes realidades existentes, no plano agronómico e socioeconómico. Así, engadiron, deben terse en conta tanto as diferenzas existentes entre as dimensións económicas das distintas explotacións como aquelas que se dan entre as diversas orientacións produtivas dos diferentes territorios.

Con respecto ás axudas acopladas (asociadas aos diferentes sectores), para estas comunidades, segundo explicou González, é prioritario que se manteñan para os sectores de vacún de leite, de carne e ovino-caprino cunha dotación polo menos similar ao período 2014-2020.

Sobre o capping ou límite de axudas, o documento conxunto insiste na necesidade de establecelo nos 60.000 euros por explotación e ademais amosan a súa preocupación porque estes mecanismos pasan a ser voluntarios para os países e non de obrigado cumprimento.

AGRICULTOR XENUÍNO

En relación coa definición de agricultor xenuíno, avógase por establecer unha porcentaxe mínima, que se propón do 30 %, dos ingresos agrarios sobre os totais, excepto para os afiliados á Seguridade Social como traballadores por conta propia no sector agrario. Advírtese, ademais, como inadecuada a proposta do MAPA de incluír a aquelas persoas que perciben menos dun certo volume de axudas directas, con independencia dese peso dos ingresos na súa renda. Isto, dise no texto acordado, “desnaturaliza a propia definición de agricultor xenuíno”.

No que atinxe ao pago redistributivo, as catro comunidades amosan o seu desacordo con que a súa aplicación deixe de ser obrigatoria para facerse voluntaria e reclaman un orzamento “ambicioso”, cun maior pago ás primeiras hectáreas, para beneficiar ás pequenas explotacións, a aquelas cunha dependencia significativa dos ingresos agrarios e sempre dando prioridade aos agricultores profesionais.

ECOESQUEMAS

Sobre os ecoesquemas, unha nova liña de axudas comunitarias que priman a sustentabilidade ambiental, as comunidades cantábricas apoian que se destine a estas axudas o 20 % do montante dispoñible para pagos directos. Porén, lamentan que os ecoesquemas propostos polo MAPA aborden problemáticas e realidades produtivas características, principalmente, do centro e sur peninsulares, quedando a España húmida moito máis desatendida. Por iso, demandan, entre outras cuestións, a modificación das propostas do Ministerio e engadir outros ecoesquemas adicionais, para atender a súa realidade. A maiores, defenden introducir, de modo transversal, melloras como a de aplicar un complemento vinculado á prevención de incendios ou a de incorporar unha modulación da axuda por estratos de tamaño.

Por último, sobre o segundo piar da PAC (desenvolvemento rural), a reclamación das autonomías cantábricas pasa por un incremento das asignacións dos fondos europeos de polo menos o 5 % para elas, tendo en conta as súas necesidades. Ademais, con respecto ao cofinanciamento, demandan que se recupere o equilibrio entre as achegas da Administración central e das comunidades autónomas que se rompeu no período 2014-2020 e consideran que o deseño das intervencións deste segundo piar debe ser realizado por cada comunidade autónoma, en función da realidade e necesidades específicas do seu medio rural.