A Organización de Produtores de Leite (OPL) mostra a súa preocupación ante diversos anuncios publicitarios referentes ao leite de pastoreo que devalúan a súa calidade e o custo de produción para o gandeiro. “Vemos con certa frustración que os argumentos que esgrimen as grandes distribucións son os mesmos de sempre”, denuncian.
Nesa liña explican que o prezo do envase nalgún supermercado “é ridículo” –0,57 €–, nin tan sequera chega aos 0,77 € cada litro. “Non entendemos que buscan as grandes cadeas de distribución con isto. Fannos entender que utilizan o prezo baixo nos seus lineais como un reclamo cara ao consumidor, devaluando o produto e ademais con ofertas enganosas”. Detallan, ademais, que nalgún caso os envases de leite xa nin sequera son dun litro, senón de 750 ml, cando antes un cartón de leite dun litro custaría 0,76 €.
Desde a OPL insisten en que un prezo menor aos 0,77 €/litro é insuficiente, especialmente para un leite, como o de pastoreo, que ao gandeiro lle custa máis producilo e lle supón maior traballo. Así mesmo, lembran que o beneficio económico dun pruducto de primeiro nivel “non debería repercutir tan só, e como sempre, nas industrias e na distribución”.
Ante esta situación, esíxenlle ao Ministerio de Agricultura que actúe con celeridade e que regule os prezos de todos eses leites. “As industrias que poñan dita publicidade nos seus envases deberán ofrecer información veraz e cumprir os estándares de calidade que venden. As autoridades deben esixirlles trazabilidade, pero non a que nos impoñan a nós as industrias, que esa xa a cumprimos; queremos que non se envase leite doutras procedencias neste tipo de envases, que esa trazabilidade chegue ao consumidor e que non se perda nas portas de entrada das industrias. Os gandeiros estamos cansados dos seus enganos e de que se lle minta ao consumidor. O Goberno debe velar, e de forma rigorosa, para que non soamente se beneficien os de sempre. Demandamos que se vixíe, ademais, o establecemento dun prezo de venda lóxico; non pode ser que do leite de calidade tamén se queira facer un reclamo para atraer xente aos lineais da gran distribución”.