Agropec 2026 abordou os principais retos para o futuro e a eficiencia das ganderías de leite

As restricións vixentes impediron este ano a celebración do tradicional Concurso Nacional da Raza Frisona en Agropec. Coincidindo coas datas previstas para o certame, Conafe e Ascol organizaron no seu lugar dúas xornadas técnicas centradas no futuro e na eficiencia das ganderías de leite, nas que tamén participou o equipo de Vaca Pinta. Máis en Vaca Pinta 62.

A imposibilidade de celebrar este ano o Concurso Nacional da Raza Frisona, debido ás limitacións establecidas pola Dermatose Nodular Contaxiosa, levou a Conafe e Ascol a formular unha programación alternativa coincidindo coas datas nas que estaba previsto desenvolver o certame na 40.ª Feira do Campo e das Industrias Agrícolas, Gandeiras, Forestais e Pesqueiras. O resultado foron dúas xornadas técnicas, “Sementando futuro gandeiro” e “Claves para unha gandería máis eficiente”, que reuniron en Xixón técnicos, representantes de distintas entidades e gandeiros para abordar algúns dos principais retos aos que se enfronta o sector.

Durante as dúas sesións tratáronse cuestións como a remuda xeracional, a dixitalización, a identificación electrónica, a xenómica, a alimentación, a robotización, a monitorización ou a intelixencia artificial, cunha ampla presenza de xente nova entre o público. O equipo de Vaca Pinta participou na condución das xornadas e moderou dúas das mesas redondas incluídas no programa.

A directora xeral de Gandería e Sanidade Animal do Principado de Asturias, Rocío Huerta, abriu a primeira xornada cunha breve intervención na que se referiu, entre outras cuestións, á importancia da bioseguridade ante os novos retos sanitarios, á remuda xeracional e á necesidade de analizar con rigor a viabilidade dos proxectos antes de acometer unha incorporación ou un investimento. As axudas, apuntou, son un apoio, pero non poden substituír unha boa planificación empresarial.

A continuación, Alfredo Zavala, responsable de Tecnoloxía de MSD Animal Health en Asturias e Cantabria, abordou as posibilidades que ofrece a identificación electrónica. Fronte á consideración do crotal como unha obriga, presentouno como unha ferramenta que permite dispoñer de información fiable, reducir erros, axilizar tarefas e mellorar a trazabilidade.

A través de lectores e aplicacións, explicou, pódense xerar listaxes de animais, rexistrar vacinacións, tratamentos, diagnósticos de xestación ou inseminacións e establecer alertas para localizar con rapidez os animais sobre os que é necesario actuar. A súa principal mensaxe foi que o valor destas ferramentas non está só en recoller información, senón en utilizala para tomar decisións.

Cooperación, tecnoloxía e remuda

A mesa redonda “O papel das cooperativas agroalimentarias no futuro do sector”, moderada por María Melle, xornalista de Vaca Pinta, reuniu a Rubén Hidalgo, director de Investimento e Impacto de Central Lechera Asturiana; Rubén López, responsable de Innovación e Sanidade Animal de Campoastur e do programa Campoastur Next, e Eva Pando, directora da Fundación Caja Rural de Asturias.

Os tres participantes coincidiron en sinalar que a remuda xeracional non depende só da rendibilidade das explotacións, senón tamén de factores como a formación, a innovación, o acceso a novas tecnoloxías e unhas condicións de traballo que fagan atractiva a actividade para os mozos.

Hidalgo repasou algunhas das liñas de innovación desenvolvidas desde Central Lechera Asturiana en ámbitos como o benestar animal, a saúde do solo, a descarbonización ou a remuda. Tamén defendeu a importancia de establecer alianzas entre entidades e empresas tecnolóxicas para facilitar a chegada de novas solucións ao sector.

Pando incidiu en que o mantemento do territorio está ligado á existencia de actividade económica e de persoas que queiran seguir vivindo nel. Neste contexto, referiuse a Paraíso Natural Impact, unha iniciativa impulsada xunto con Central Lechera Asturiana para investir en empresas innovadoras capaces de xerar actividade e achegar tecnoloxía ao medio rural.

Pola súa banda, Rubén López explicou a experiencia de Campoastur Next, un programa de formación e actividades dirixido a mozos vinculados coa gandería. A iniciativa deseñouse a partir das súas propias demandas, entre as que apareceron cuestións relacionadas coa formación empresarial, a tecnificación e a posibilidade de dispoñer de máis tempo libre.

A conciliación tivo un peso destacado no debate. Os participantes defenderon que a introdución de tecnoloxía non debe formularse só desde o punto de vista produtivo, senón tamén como unha vía para organizar mellor o traballo e mellorar a calidade de vida de quen traballa nas ganderías.

Experiencias de mozos gandeiros

A remuda tivo continuidade nunha segunda mesa, moderada por Mónica Fernández, directora de Sector Primario e Agroalimentación de Caja Rural de Asturias, na que participaron mozos con traxectorias e puntos de partida moi diferentes.

Plácido Mayo, de Casa Patrón, explicou a transformación dunha granxa familiar que pasou de muxir arredor de cen vacas en sala a traballar con catro robots e unhas 210 vacas en produción. A falta de man de obra foi un dos motivos que impulsaron esa modernización.

Julián Rodríguez, de Ganadería Flora, sinalou que sempre tivo claro que quería continuar no sector e destacou a utilidade de visitar outras explotacións, coñecer distintos sistemas e extraer deles ideas que despois poidan adaptarse a cada realidade.

Arturo Álvarez, de Ganadería Rato, achegou unha experiencia diferente. Criado en Xixón, acabou incorporándose á granxa da familia da súa muller. Á hora de falar de investimentos, defendeu a necesidade de avanzar con prudencia, facer números e evitar comprometer o futuro da explotación con proxectos que non teñan unha base sólida.

Tamén participaron mozos sen un negocio familiar de partida que, despois de traballar en servizos de substitución, están valorando a posibilidade de acceder a unha gandería propia. Os seus casos permitiron introducir cuestións como o acceso a granxas, a formación, o investimento inicial ou a importancia de contar con acompañamento técnico e financeiro.  

A xornada completouse cunha intervención de Pablo Piñeiro, responsable de MSD Animal Health en Asturias e Cantabria, centrada nas posibilidades da intelixencia artificial. Mostrou distintas aplicacións xa dispoñibles para consultar e organizar información, interpretar documentos ou apoiar tarefas de xestión, e defendeu que o seu uso irá gañando presenza tamén nas ganderías. Piñeiro volveu intervir sobre esta materia durante a segunda xornada.

Ademais, na clausura da primeira sesión, José Emilio García, presidente de Ascol, dirixiu unha mensaxe especialmente centrada nos mozos presentes. Recordou que el e a súa muller comezaron con cinco vacas en 1985 e repasou algunhas das dificultades que atoparon daquela, desde os investimentos e os créditos ata unhas condicións de traballo moi distintas ás actuais. García destacou que quen se incorpora hoxe dispón de máis tecnoloxía, mecanización, asesoramento e unha ampla rede de cooperativas e entidades de apoio, e animounos a aproveitar eses recursos e a manter a ilusión polo sector. “Se vos gusta a gandería, apostade por ela, que ten futuro”, concluíu.

Morfoloxía, xenómica e alimentación

O programa do sábado centrouse en cuestións vinculadas coa eficiencia das explotacións. Santiago Mato, xefe do Departamento de Morfoloxía de Conafe, analizou a relación entre conformación, produción e lonxevidade a partir de datos de preto de 900.000 vacas.

Os resultados mostraron diferenzas relevantes en produción vitalicia entre os distintos grupos de cualificación. Mato recordou que a morfoloxía non determina por si soa a calidade dunha vaca, na que interveñen tamén factores como a produción, a fertilidade ou a saúde, pero defendeu o seu papel para conseguir animais funcionais, lonxevos e eficientes.

Sofía Alday, directora xerente de Conafe, abordou despois a importancia que adquiriu a xenómica dentro do programa de cría da raza frisona. Esta ferramenta permite dispoñer de información a idades moi temperás e adiantar decisións sobre selección, descartes e apareamentos.

Alday insistiu, non obstante, en que o xenotipado non substitúe o control leiteiro, a cualificación morfolóxica nin o resto de datos recollidos nas granxas. Toda esa información, explicou, compleméntase e permite traballar con maior precisión. O obxectivo non debe centrarse en maximizar caracteres illados, senón en buscar un equilibrio entre produción, saúde, fertilidade, lonxevidade e eficiencia.

Tras isto, Carlos Martín, do servizo técnico de Ruminantes de Cargill, trasladou a análise á alimentación e á conta de resultados. Partiu dunha idea básica: a gandería debe xestionarse como unha empresa e, para iso, é imprescindible coñecer os custos, establecer obxectivos e analizar os resultados.

Na súa intervención repasou cuestións como a calidade e conservación das forraxes, a inxestión, o confort, a recría, a saúde ou a necesidade de manter protocolos estables de traballo. Tamén insistiu en que o resultado dunha ración non debe medirse só pola produción a curto prazo, senón tendo en conta a saúde e a lonxevidade dos animais.

A continuación, Luis Cardo, veterinario e asesor de ganderías, centrouse na implantación de robots de muxido. Subliñou que estes equipos non deben entenderse como unha sala convencional na que a vaca acode soa a muxirse, senón como un sistema que modifica o comportamento do rabaño e obriga a adaptar instalacións, tráfico, alimentación e manexo.

Por último, Marta Isabel Vicente, do servizo técnico de SenseHub de MSD Animal Health, pechou este bloque cunha intervención dedicada á monitorización desde as primeiras etapas da recría ata a vida produtiva. A medida que aumenta o tamaño das explotacións, sinalou, resulta máis difícil manter a observación individual de cada animal.                                                                         

Neste contexto, os sistemas de monitorización permiten detectar cambios no comportamento, saúde, reprodución ou resposta ao estrés por calor e axudan a anticiparse a posibles problemas. Vicente insistiu tamén nunha das ideas repetidas ao longo das dúas xornadas: o reto non consiste en dispoñer de máis datos, senón en que sexan fiables e útiles para actuar.

Retos e oportunidades para a gandería que vén

A última mesa redonda, “A gandería que vén: retos e oportunidades”, estivo moderada por Gemma Martínez, xornalista de Vaca Pinta. Nela participaron Manuel Sandamil, gandeiro e presidente de Conafe; Andrés Planillo, gandeiro e presidente da Asociación Frisona de Navarra; Ángel Revilla, responsable da Unidade de Ruminantes e Tecnoloxía de MSD Animal Health, e Luis Cardo.

Entre os principais retos apareceron a remuda xeracional, a dispoñibilidade de man de obra, o custo das materias primas, a produción de forraxes, a carga administrativa e a xestión dunha cantidade cada vez maior de información.

O debate volveu tamén sobre a influencia da tecnoloxía na calidade de vida. Revilla defendeu que a mellora das condicións de traballo, xunto coa rendibilidade e unha mellor consideración social da profesión, pode contribuír a que máis mozos consideren atractiva a actividade. Planillo apuntou que as novas xeracións parten ademais con maior facilidade para traballar con ferramentas dixitais e xestionar datos.

A evolución dos custos e dos mercados internacionais ocupou outra parte da conversa. Neste punto, Cardo defendeu a necesidade de distinguir entre os factores sobre os que unha explotación pode actuar e aqueles que quedan fóra do seu alcance. Fronte a cuestións externas, sinalou, as ganderías aínda contan con marxe para mellorar aspectos como a utilización dos datos, a produción de forraxes ou a organización dos seus procesos.

Os participantes coincidiron tamén en destacar o nivel técnico alcanzado por moitas granxas españolas e as posibilidades que abren ferramentas como a xenómica, a monitorización, a intelixencia artificial ou a automatización. O reto, apuntaron, estará en integrar ben esas ferramentas e convertelas en melloras reais de xestión e competitividade.

A programación finalizou coa entrega de recoñecementos de Conafe a distintas ganderías polos seus resultados nos índices ICO e IMET, cualificación e produción vitalicia.

RECOÑECEMENTO
GANDERÍA

MELLOR GANDERÍA POR ICO

SAT AGOSTO DARRIBA

SEGUNDA MELLOR GANDERÍA POR ICO

GB GANDERÍA SC

TERCEIRA MELLOR GANDERÍA POR ICO

FINCA MOURISCADE

MELLOR GANDERÍA POR IMET LEITE

SAT AGOSTO DARRIBA

MELLOR GANDERÍA POR IMET QUEIXO

VALLS – GOL SCP

MELLOR GANDERÍA POR IMET PASTO

CASA PAULINO

MELLOR GANDERÍA  POR IMET ECO

CASA ARAGUXO

MELLOR GANDERÍA CRIADORA POR CUALIFICACIÓN

MANTOÑO HOLSTEIN

SEGUNDA MELLOR GANDERÍA CRIADORA POR CUALIFICACIÓN

BADIOLA HOLSTEIN

TERCEIRA MELLOR GANDERÍA CRIADORA POR CUALIFICACIÓN

BAIXO HOLSTEIN SC

MELLOR GANDERÍA POR PRODUCIÓN VITALICIA

LA NAVE SC

SEGUNDA MELLOR GANDERÍA POR PRODUCIÓN VITALICIA

SAT ARENAS Nº 3919

TERCEIRA MELLOR GANDERÍA POR PRODUCIÓN VITALICIA

SAT LLUISA