A Inlac lanza Quesea, unha campaña para pór en valor os queixos españois

A Organización Interprofesional Láctea (Inlac) lanzou a campaña Quesea para divulgar a oferta de queixos de orixe nacional nun contexto no que son moitas as referencias de importación de baixo valor engadido que copan os nosos lineais. Os produtores aliáronse con Carrefour, Carrefour Market, Eroski e Ahorramás e, desta forma, 295 centros, entre supermercados e hipermercados, participarán nesta iniciativa que pretende pór en valor ante o consumidor os queixos elaborados nalgunha das 17 comunidades autónomas.

A campaña Quesea terá tres anos de duración (2020-2022) e aspira a ser un motor de cambio cara a esta evolución positiva que esperan os gandeiros e fabricantes. Entre outros obxectivos, persegue potenciar o consumo de queixo español; vincular diferentes tipos de queixo a distintos momentos de consumo durante o día; aumentar a cultura do consumidor asociada ao queixo, conseguindo unha maior capacidade de diferenciación en canto aos distintos tipos de queixo español nos lineais, e situar o queixo español no mercado para competir ventaxosamente con outras alternativas de consumo.

“A idea que preside toda a campaña é animar aos consumidores a pedir queixo de España en super e hipermercados, tendas especializadas, mercados de abastos, bares e restaurantes”, destaca a presidenta de Inlac, Charo Arredondo. “Imos converter `quesear´ nun verbo de moda, como pasou co tardeo.  Grazas á sonoridad de `quesea´, as nosas mensaxes sempre transmiten que o queixo que elixas que sexa de aquí, de España. Convertemos o acto de tomar queixo en algo sinxelo, directo e divertido”, subliña Arredondo.

A campaña aspira a converter o acto de tomar queixo en algo sinxelo, directo e divertido, un concepto que pode estar en boca de todo o mundo dentro e fóra do fogar e un paraugas de comunicación grande co que podemos chegar a todos os medios e a todos os targets. Así mesmo, a páxina web quesosdeespaña.es ofrece ampla información ao consumidor a través de tres grandes seccións:

1) #quesear: un apartado que explica de maneira sinxela a esencia da campaña e as razóns para #quesear cos queixos de España.

2) A #quesoteca dos queixos de España que permitirá atopar o queixo que estás a buscar.

3) #quesea e non te perdas nada: unha sección de actualidade sobre o sector e os queixos de España con todas as novidades sobre os nosos produtos e a campaña, así como as últimas noticias relacionadas co mundo do queixo.

De igual forma, no marco da campaña sortearanse 100 táboas de queixo entre os consumidores que adquiran queixos de España, fagan unha foto á súa táboa preferida e a suban a Instagram (@quesea_es co #queseaconquesosdeespaña )

 

EN CIFRAS

O queixo forma parte da cesta da compra do 89 % dos fogares españois, que consomen ao redor de 7,78 quilos de media ao ano. De acordo con datos do Ministerio, en España producíronse 442.200 toneladas de queixo en 2019. Destes, 185.900 toneladas corresponden a queixo de leite de vaca (puro); 69.900 toneladas a queixo de leite de ovella (puro); 51.700 toneladas a queixo de leite de cabra (puro), e 134.800 toneladas a outros (mesturas).

Os fogares españois consumiron o ano pasado preto de 360 millóns de quilos de queixos por valor próximo aos 2.694 millóns de euros. O consumo de queixo en España, que é o destino principal do leite producido en pequenos rumiantes, é un dos consumos máis baixos de Europa, segundo os datos estatísticos da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e que recolle o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). O noso país está en trixésimo sétima posición mundial, por detrás da maior parte dos países europeos. A media da UE sitúase en 17,3 quilogramos por persoa e ano, dobrando os rexistros de España.