A Fenil esixe nun comunicado prezos xustos para a industria láctea

A Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) fixo balance nun comunicado de como se está desenvolvendo 2022 para a industria láctea española, un ano que cualifica como complicado. "Este ano estivo marcado pola incerteza e a espiral inflacionista dos custos de produción, que están a recortar as marxes das industrias, e non trasladamos á distribución o aumento do prezo do leite en orixe (prezo pago pola industria ao gandeiro) e dos seus propios custos de produción", asegura o seu director xeral, Luis Calabozo.

Sinala, ademais, que a industria láctea está a sufrir especialmente a subida no prezo do gas e da electricidade, xa que é un sector intensivo en consumo de enerxía, e que a alza do custo das materias primas para os gandeiros está a trasladarse ao prezo do leite en orixe, que aumentou xa un 45 % no que vai de ano. Con todo, "o prezo de venda ao público do leite líquido rexistrou un incremento de tan só un 25 %", apunta.

Luis Calabozo quixo destacar que, a pesar da dificultade do contexto e o aumento continuado do prezo do leite en orixe, a industria transformadora mantén o seu compromiso retributivo cos gandeiros e gandeiras. "Desde a entrada en vigor da Lei da cadea alimentaria, non consta que se rexistrou unha soa denuncia por parte dos gandeiros", afirma.

A maiores, Calabozo lembrou que "a industria láctea ten un firme compromiso coas máis de 30.000 persoas que, de forma directa, traballan no sector. Proba diso é o convenio colectivo nacional asinado no principio do ano coas principais organizacións sindicais que recolle unha subida salarial anual ligada á evolución do IPC ata decembro de 2024". Ao que engadiu que "máis do 99 % da industria láctea nacional está composta por pequenas e medianas empresas, que agora ven ameazada a súa supervivencia".

Da mesma maneira, lembra que a industria láctea é un sector estratéxico para a supervivencia e a revitalización da España rural, pois contribúe á fixación de poboación nos territorios con menos densidade, grazas á súa contribución en forma de emprego de calidade, sendo a única actividade industrial en numerosas zonas da España rural.

Por iso, reclamou unha retribución xusta para todos os elos da cadea alimentaria, que permita evitar o peche de empresas, a destrución do emprego e a desaparición de granxas de vacún, ovino e caprino de leite.

Neste sentido, Calabozo alertou de que se debe protexer tamén á industria transformadora, da mesma forma que se protexe ao resto dos elos, tal e como recolle a Lei de Cadea Alimentaria. "Para iso, é necesario que o leite deixe de usarse como produto de atracción de consumidores por parte de certas cadeas de distribución", finaliza.