A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe) anima a presentar alegacións sobre o proxecto de Real Decreto (RD) polo que se modifica o RD 666/2023. O prazo finaliza este xoves 19 de febreiro e dende a entidade poñen a disposición o formulario para levar a cabo esta acción.
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación abriu o 29 de xaneiro a consulta pública do proxecto de modificación do dito RD, que regula os medicamentos veterinarios, co obxectivo de simplificar e modificar a súa aplicación.
Segundo o Goberno de España, con esta proposta mellórase o réxime de cesión de medicamentos, clarifícase a prescrición e o uso de antibióticos e redúcense as cargas administrativas asociadas a base de datos do Sistema Informático Central de Control de Prescricións Veterinarias de Antibióticos (Presvet).
O Real Decreto orixinal suscitou moita polémica entre os veterinarios. En Vaca Pinta recollemos as demandas dos profesionais, entre outras ocasións, nas Xornadas de Africor Lugo 2025, coa participación de Juan Rodríguez, Fermín Rico, Roi Capón e Román González.