Investigadores da USC acadan o II Premio PRAN á mellor publicación científica

As contribucións feitas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) no eido da loita contra a resistencia a antibióticos están a acadar recoñecementos importantes e agora veñen de recibir a concesión do II Premio do Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos (PRAN) á mellor publicación científica sobre esta temática. O galardón recaeu no artigo publicado na revista do Scientific Report, do grupo Nature, e en cuxa autoría participan, entre outros, Jorge Blanco Álvarez e Azucena Mora Gutiérrez, investigadores do Laboratorio de Referencia de E. coli (LREC) da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC.

Trátase do primeiro traballo no que se analizan as secuencias xenómicas completas de cepas de E. coli produtoras de carbapenemasas de tipo OXA-48 de grupos clonais de risco (ST131, ST58 e ST83) procedentes de infeccións humanas. Este tipo de cepas e encimas (OXA-48) constitúen unha ameaza emerxente e os investigadores do LREC da USC foron os encargados de realizar a caracterización molecular convencional das cepas e os ensaios de virulencia in vivo en modelo murino.