FIMA 2026, escaparate da tecnoloxía máis avanzada para o campo

Máis de 1.200 marcas amosaron as súas novidades en Feria de Zaragoza. A innovación e a preocupación pola remuda xeracional foron os temas centrais de diversos foros e encontros. A organización xa pensa agora na Feira Internacional para a Produción Animal, que se celebrará do 16 ao 19 de marzo de 2027. Máis en Vaca Pinta 57.

Entre o 10 e o 14 de febreiro, Feria de Zaragoza acolleu a 44.ª edición de FIMA, Feira Internacional de Maquinaria Agrícola. O evento, que se organiza con carácter bienal no recinto aragonés, volveu ser unha gran cita internacional do sector da maquinaria e a tecnoloxía agrícola.

O ambiente animouse co paso das xornadas e preto de 190.000 persoas, segundo datos da organización, asistiron a estas instalacións de case 90.000 metros cadrados, distribuídos en nove pavillóns. Arredor de 1.260 marcas procedentes de 35 países expuxeron as súas novidades.

“Para Feria de Zaragoza, FIMA é un encontro importantísimo. É a feira sectorial máis antiga que organizamos, desde o ano 1964. Ao principio era anual e agora celébrase cada dous anos, pero mantense como a pioneira e a máis grande en volume”, subliñou Rogelio Cuairán, director de Feria de Zaragoza.

Máis tecnoloxía e dixitalización

Nesta ocasión, un dos atractivos do certame situouse no pavillón 9, que acolleu o espazo FIMA Tech. Tratouse dun novo escenario destinado a potenciar o desenvolvemento tecnolóxico e a dixitalización no sector agrícola. Este punto de encontro reuniu startups, universidades, centros de coñecemento e empresas líderes que transforman o campo a través da robótica, a intelixencia artificial, o big data, a Internet das Cousas e a agricultura de precisión.

Cuairán explicou as razóns que os levaron a habilitar esta área específica: “Quixemos poñer en valor todas as tecnoloxías do sector agrícola, moitas veces descoñecidas ao ir integradas na propia maquinaria. Non obstante, implántanse tras moitos anos de investigación e desenvolvemento. É un sector supertecnolóxico”.

Un dos protagonistas en FIMA Tech foi Javier Bueno, profesor da Escola Superior de Enxeñaría do Campus Terra de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela. O docente exhibiu o proxecto PurinPreciso, un dos traballos estrela do seu grupo de investigación, BioModem.

“FIMA Tech é unha iniciativa moi interesante, dado que nos permite poñer en contacto as empresas que participan na feira cos centros tecnolóxicos, universidades e grupos de investigación que desenvolven calquera tipo de iniciativa relacionada co uso das novas solucións en agricultura”, subliñou Bueno.     


Cerca de 190.000 persoas pasaron por Feria de Zaragoza durante os cinco días de FIMA

Premios á innovación

Ademais, o profesor tamén formou parte do xurado avaliador das novidades técnicas que se premiaron na feira. Kuhn Ibérica foi a empresa máis galardoada con tres recoñecementos. Entre outros, destaca o seu sistema Variosmart, que recibiu o nomeamento de novidade técnica sobresaínte.

Este mecanismo, posto en marcha a través da empresa alemá Rauch, utilízase para a aplicación de fertilizante granulado con fetilizadoras de discos. Trátase dun embrague multidisco controlado hidraulicamente, que utiliza unha bomba integrada e unha válvula de control de presión proporcional altamente dinámica para regular a velocidade do disco esparexedor dereito das fertilizadoras centrífugas.

Javier Bueno manifestou a alta participación e os argumentos que seguiu o xurado: “Recibimos máis de trinta propostas e seleccionamos nove delas. Unha das nosas premisas é premiar aqueles lanzamentos que se consideren de uso práctico, é dicir, de utilidade interesante para os usuarios finais, que son os agricultores e gandeiros”.

“A escaseza de man de obra, tanto por falta de remuda coma polo descenso de poboación no medio rural, condiciona a nova maquinaria. A autonomía das máquinas, coa consecuente redución do persoal necesario para o seu manexo, é unha tendencia xeneralizada en case todos os fabricantes. Ademais, incorporan tecnoloxía que permite realizar traballos de maneira máis precisa, o que implica unha maior eficiencia no uso dos insumos e nos sistemas de produción agrícola; en definitiva, logran ser máis respectuosas co medio ambiente”, comentou Bueno.

Nesta edición tamén se impulsou FIMA Conecta Talento, tras dar o seu sinal de partida en FIGAN 2025. Durante unha xornada promoveuse o diálogo entre empresas, profesionais e mozos interesados en desenvolver a súa carreira no ámbito agrícola.

O Centro de Congresos acolleu novamente sesións institucionais, mesas de diálogo, presentacións técnicas e reunións sectoriais que atraeron a un elevado número de profesionais.

“A innovación e a sostibilidade son dous dos puntos que sempre estiveron presentes en FIMA. Os nosos expositores así o demostran e no noso concurso premiamos estas características. Tivemos moita afluencia. Ademais de toda a parte expositiva e congresual, a feira é o punto de encontro do sector agroalimentario de España. Estamos orgullosos de que aquí sexa”, remarcou o director da institución.

FIMA pecha as súas portas ata 2028. Con todo, Feria de Zaragoza volverá abrirllas ao sector en 2027 para organizar a nova edición de FIGAN, Feira Internacional para a Produción Animal. Este evento levarase a cabo do 16 ao 19 de marzo do vindeiro ano.

“Xa tivemos o primeiro comité organizador de FIGAN, no cal cambiamos a súa presidencia. Ramón Alsina, CEO do grupo bonÀrea, pasa a exercer este cargo. Convido a todas as marcas que queiran vir a expoñer a inscribirse. Sei que faltan moitos meses, pero desde Feria de Zaragoza traballamos con esta previsión, xa que organizar grandes eventos como FIMA e FIGAN require desta antelación”, concluíu Rogelio Cuairán.