EDITORIAL

En defensa do traballo ben feito

En defensa do traballo ben feito
Como xa sabedes, en Vaca Pinta apostamos polo contido técnico feito por profesionais da comunicación, con formación específica, criterio editorial e coñecemento do medio, e, por suposto, sempre apoiados no asesoramento de expertos do sector agrogandeiro.

Esta non é unha oración de manual nin unha declaración para quedar ben. É o noso xeito de traballar. Cremos que a base formativa do noso equipo, unida á súa especialización en comunicación agrogandeira, é esencial e insubstituíble para ofrecer contidos á altura do rigor que este sector merece. Igual que non se improvisa o traballo nunha granxa ou nunha consulta veterinaria, onde cada día se toman decisións complexas, tampouco se vai ás cegas nunha revista técnica.

Ao fío de todo isto, alégranos contarvos que Transmedia Comunicación acaba de recibir o Premio á Comunicación Agrícola, concedido polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas do Centro. Un recoñecemento que distingue unha traxectoria de máis de vinte anos dedicada ao sector agrogandeiro, e que destaca un labor comunicativo de carácter técnico, solvente e comprometido coa difusión do coñecemento e o impulso da innovación no sector primario. Fainos ilusión, claro que si. Pero, sobre todo, reafírmanos.

Reafírmanos nunha idea que defendemos desde o primeiro día: o traballo ben feito merece respecto. O dos gandeiros, o dos veterinarios, o dos técnicos, o dos investigadores, o das empresas e tamén o de quen contamos todo iso coa maior profesionalidade posible. Nós xamais poñeriamos en dúbida a capacidade de quen abre as súas ganderías, xestiona os seus equipos, toma decisións sanitarias, produtivas ou económicas e sostén co seu esforzo unha parte esencial da nosa sociedade. Do mesmo xeito, agradecemos profundamente a quen entende e valora o noso oficio.

Esa é a tónica habitual, e sería falso pretender o contrario. Comprobámolo cada vez que chegamos a unha gravación. Recíbennos cunha xenerosidade que nunca damos por sentada. Ábrennos as portas dos seus negocios, e fano coa confianza de que sabemos movernos, preguntar, escoitar e contar o que alí sucede con respecto. Sabede que esa confianza depositada en nós tamén eleva moito a esixencia sobre o traballo final.

Hai unhas semanas conversamos con algúns veterinarios durante o noso paso polo Congreso Anembe e a opinión era unánime: o trato dos gandeiros adoita ser excelente. Nós podemos dar fe diso. Na inmensa maioría dos casos, non só se nos facilita o traballo, senón que se nos fai sentir parte de algo que merece ser ben contado.

Precisamente por isto que vos dicimos, polos valores que vertebran esta casa, non comungamos cos ambientes nos que se menospreza, se infantiliza ou se trata con condescendencia a quen está facendo o seu labor. Non o practicamos e tampouco o aceptaremos nunca para o noso equipo.

Seguiremos defendendo a comunicación feita con rigor, con humildade e con respecto. E seguiremos agradecendo a quen nos permite exercela así.