O sábado terá lugar unha nova edición do Concurso Rexional de Asturias

O 44.º Concurso Rexional de Asturias da Raza Frisona levarase a cabo, como é habitual, no recinto feiral Luis Adaro de Xixón, que tamén acollerá a V Poxa Ascol. Ambos eventos desenvolveranse ao longo do sábado día 15 de xuño e o xuíz do certame será o irlandés Gary Jones.

Ás 10:00 horas sairán á pista as xatas e xovencas participantes. Unha vez celebradas as primeiras seccións do día, ás 13:00 horas comezará a V Poxa Ascol e, xusto despois, entregaranse os galardóns ás ganderías destacadas no Control Leiteiro do ano 2023. Xa en horario de tarde, a partir das 16:30 horas, xulgaranse as vacas e grupos participantes.