O National Mastitis Council presenta o programa do seu próximo congreso internacional sobre calidade do leite

Alfonso Lago
Alfonso Lago

O National Mastitis Council (NMC) celebrará do 25 ao 28 de xaneiro de 2027 o seu 66.º congreso anual na cidade de Jacksonville (Florida, Estados Unidos). O programa desta cita, baixo o lema "Da ciencia á acción", reunirá investigadores, veterinarios e outros profesionais para abordar os avances científicos e tecnolóxicos relacionados coa calidade do leite e a súa aplicación práctica nas granxas.

"Hoxe, o noso sector conta con máis coñecemento científico, máis datos e máis tecnoloxía ca nunca. O verdadeiro valor dese coñecemento está en aplicalo para tomar mellores decisións nas granxas, que melloren a saúde do ubre, a calidade do leite e a rendibilidade das ganderías de leite", destaca o veterinario galego Alfonso Lago, de DairyExperts Inc. e vicepresidente do NMC, que tamén participará como relator nesta edición do congreso.

Especialistas internacionais abordarán os principais retos

O programa inclúe sesións xerais e cursos especializados sobre o diagnóstico e tratamento da mamite, a nutrición, as técnicas de muxido e a utilización de novas ferramentas dixitais. "O programa deste ano abordará as novidades, o que funciona e o que está por vir. Sobre todo, queremos que os asistentes leven ideas que poidan poñer en práctica ao seu regreso", subliña Alfonso Lago.

Entre os relatores confirmados figuran Ynte Schukken, da Universidade de Wageningen, que analizará os temas emerxentes en mamite e calidade do leite; Noelia Silva del Río, da Universidade de California-Davis, que afondará na relación entre a alimentación e as defensas das vacas, ou Pam Ruegg, da Universidade Estatal de Míchigan, que abordará o manexo dos casos de mamite clínica que non responden ao tratamento ou que reaparecen.

A intelixencia artificial terá tamén un papel destacado, con intervencións de Miel Hostens, da Universidade de Cornell; Pádraig Lucey, de Elanco Animal Health, e Sofie Piepers, da Universidade de Gante, centradas nas súas aplicacións para a análise de datos e a resolución de problemas relacionados coa mamite.

A programación completarase con cursos prácticos sobre a limpeza dos equipos de muxido, a interpretación de alertas de mamite, o uso de antimicrobianos e o manexo das camas para mellorar a saúde do ubre, entre outros aspectos. Ademais, realizarase unha visita técnica á granxa Full Circle Dairy (Lee, Florida).