Dispoñible a edición en castelán de Vaca Pinta 21

Xa podedes consultar na hemeroteca de vacapinta.com a edición en castelán do último número de Vaca Pinta, publicado on-line en galego en días pasados e que moitos  xa recibiriades nas vosas casas ou puntos habituais de distribución.

No seu interior, Vaca Pinta 21 contén un especial sobre xenética e reprodución con cinco artigos e outro sobre sobre abonado de pradeiras con dous, ademais dos comprendidos nos apartados de saúde animal, alimentación e agricultura. A granxa protagonista é, esta vez,  Josjara SC, unha explotación de recente creación situada no concello lucense de Baleira. Neste número tamén atoparedes unha entrevista co conselleiro do Medio Rural de Galicia, José González, na que detalla os obxectivos da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego; ademais, conversamos co presidente de Anembe, Joaquín Ranz, sobre os próximos proxectos da Asociación.

ESPECIAL: XENÉTICA E REPRODUCIÓN

Abren o especial os técnicos de acoplamentos de Africor Lugo e de Africor Pontevedra, Fernando Rego e José Luis Méijome, cun artigo centrado nos novos índices a ter en conta para a selección de touros nas ganderías. A continuación, David Sánchez-Fraile (Delaval) aborda como xestionar con máis precisión a reprodución mediante a medida de concentración de proxesterona en leite. Pola súa banda, Aitor Fernández-Novo (Bovitecnia Consultoría Veterinaria), Octavi Fargas (VAPL SL), Juan Manuel Loste (Albaitaritza), Francisco Sebastián (Owvet SL) e Susana Astiz (INIA) presentan unha síntese do traballo de investigación realizado nunhas 20.000 vacas e xovencas Holstein co fin de albiscar cales son os principais factores de risco para a perda de xestación.  Óscar Ousinde e Daniel Martínez, da empresa Embriovet, asinan un artigo que leva por título “O mellor programa xenético para a miña gandería” e, finalmente, varios investigadores do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo abordan unha das patoloxías reprodutivas máis frecuentes no posparto, a retención de placenta, e as claves para facerlle fronte.

ESPECIAL: ABONADO DE PRADEIRAS

O enxeñeiro técnico agrícola Ángel Menéndez (Campoastur) preséntanos un estudo no que propón o labor do encalado para corrixir o problema de acidez do chan e optimizar o rendemento e a calidade do cultivo forraxeiro e o investigador do CIAM Juan Castro aborda o debate de se existe ou non exceso de xurro nas distintas explotacións e presenta os distintos escenarios que permitirían cumprir coa Directiva de teitos de emisións sen prohibir a aplicación deste fertilizante orgánico con prato de choque.

SAÚDE ANIMAL, ALIMENTACIÓN E AGRICULTURA

Na sección de ‘Saúde Animal’, o veterinario Oriol Franquesa (Qllet SLP) asina un artigo sobre a redución de antibióticos na saúde de ubre. Na de ‘Alimentación’, varios investigadores do CIAM e do Ligal presentan a síntese dun traballo de investigación cuxo obxectivo é achegar información acerca da relación entre a composición do leite e a dieta que consomen as vacas nos diversos sistemas de produción existentes en Galicia. Finalmente, na sección de ‘Agricultura’, Javier Bueno (Cetal) centra o seu artigo na descrición e a análise técnica e económica das colleitadoras autopropulsadas de forraxe.

OUTROS CONTIDOS

O secretario xeral da Asociación de Produtores de Leite de Portugal (Aprolep), Carlos Neves, ofrécenos un interesante artigo de opinión baixo o título “Unha aventura no supermercado”.

Na sección de ‘Actualidade’ atoparedes varias noticias de interese do sector, entre elas o cambio de xerencia de Africor Lugo que, desde o mes de novembro, asumiu o enxeñeiro agrónomo Fernando Rodríguez.

‘En Vaca TV’ ofrecémosvos os resultados do concurso frisón Usías Holstein que, a pesar das restricións derivadas da pandemia da COVID-19, se celebrou de maneira virtual e que nós transmitimos a través da nosa web vacapinta.com  e da nosa páxina de Facebook Vaca Pinta.