Os desafíos para a atracción de talento no sector lácteo, a debate en Vilalba

Os desafíos para a atracción de talento no sector lácteo, a debate en Vilalba

A empresa lucense Medrar Innovation Office organiza este xoves unha xornada baixo o título: “Oportunidades e desafíos para a atracción de talento e a incorporación de persoal laboral no sector lácteo en Galicia”.

Neste encontro, que se realizará en Vilalba, analizarase a situación laboral actual, destacando casos de éxito na incorporación de traballadores migrantes. Diversos representantes do sector intervirán desde a sede da Asociación de Empresarios de Vilalba. A entrada é gratuíta, pero as prazas son limitadas.

Arredor das 11:30 h, Carmen José López, directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, inaugurará a cita. Posteriormente, Alberto Portuondo, responsable de prospección empresarial e formación laboral na ONG Rescate, falará sobre a inserción laboral.

Ás 12:00 h está previsto que se celebre un coloquio centrado no talento na industria láctea galega, da man de Quico Ónega, investigador do Laboratorio do Territorio do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC); David Seijas, presidente da Asociación Capital Humano; e Ángel Algora, director de Persoas e Acción Social en Aira.

A continuación, outra mesa de debate tomará protagonismo. Cruz Montes, gandeira beneficiaria do programa; Harouna Sisoko, beneficiario da ONG Rescate; e un representante da entidade falarán sobre a integración de persoas migrantes no rural.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, pechará o acto.