A 39ª edición de SPACE deu comezo hoxe no Parque de Exposicións de Rennes e terá lugar ao longo das próximas tres xornadas, ata o xoves 18 de setembro.
A localidade francesa acollerá este encontro, coñecido como «Planeta Gandería», que conta con máis de 1.200 expositores e 100.000 visitantes de 120 países, máis de un cento de conferencias, unha plataforma de novidades reforzada, entrevistas para a mocidade, un «Espace for the Future» para ofrecer ferramentas de reflexión de cara ao futuro sobre intelixencia artificial, job-datings e «top compradores» procedentes de todo o mundo.
A ubicación da SPACE, en pleno centro do «Grand Ouest», primeira rexión gandeira de Francia, supón unha vantaxe realmente única. Bretaña, Normandía e Países do Loira producen na actualidade o 75 % do gando porcino francés, o 60 % da produción de aves de curral, o 44 % da produción nacional bovina e o 53 % da produción leiteira. Esta posición de liderado, obtida grazas ao bo funcionamento do seu ecosistema, as súas vantaxes climáticas e a competencia profesional dos seus agricultores, convértea nun auténtico territorio de futuro para a gandería en toda a súa diversidade.
A intelixencia artificial, que rebautizaron como «Intelixencia Agrícola», será o tema central de numerosos debates e do «Espace for the Future». Grazas a estas presentacións e a estes diálogos con expertos, os gandeiros poderán atopar na SPACE respostas e explicacións sobre o uso da intelixencia artificial nas súas profesións.