Clun e Leite Celta crean CoRural

Clun e Leite Celta crean CoRural

Clun e Leite Celta, dúas das principais empresas do sector lácteo en Galicia, acadaron un acordo para sumar recursos, colaborar e abordar de forma conxunta os retos do mercado. CoRural, Corporación Rural Láctea, será a nova entidade común resultante deste proxecto, cuxo modelo de negocio pon ao gandeiro no centro e está concibido para achegar estabilidade, eficiencia e futuro á primeira potencia produtora de leite de España e unha das máis destacadas de Europa.

En CoRural confluirán a base cooperativa de Clun e a solidez industrial e comercial de Leite Celta, conservando ambas a súa identidade. Esta suma de recursos prevese que se materializará nun operador con 1.400 produtores de leite, 800 persoas empregadas, 8 plantas industriais, un volume de negocio anual de 600 millóns de euros e marcas recoñecidas como Celta, Feiraco, Clesa e Únicla.

A nova corporación permitirá garantir unha subministración estable dun alimento esencial como é o leite, incrementar a capacidade de recollida e transformación, diversificar produtos e ampliar a resposta industrial ante as demandas do consumidor e da distribución. Tamén nace para reforzar a sustentabilidade económica das ganderías.

Unha vez obtidas as autorizacións necesarias por parte das autoridades de competencia, José Ángel Blanco, presidente de Clun, asumirá a presidencia, mentres que Javier Bretón, actual director xeral de Leite Celta, e Juan Gallástegui, actual director xeral de Clun, asumirán as funcións de conselleiros delegados da nova entidade, cuxa sede social estaría prevista en Santiago de Compostela.

"CoRural dá resposta á demanda histórica do sector de crear un gran grupo lácteo en Galicia, e sempre sobre a base dunha cooperativa forte, do mesmo xeito que ocorre nos grandes grupos lácteos europeos", afirma Juan Gallástegui. Pola súa parte, Javier Bretón engade que "xuntos seremos máis grandes e eficientes. Queremos optimizar os procesos de produción e diversificar produtos. Estaremos mellor posicionados no mercado e en mellor situación para afrontar os cambios de ciclo no sector".