Recollémolo a través dunha completa reportaxe na sección de “Con lupa”, na que damos contexto e analizamos o que pode supoñer para o sector lácteo que a área implicada pase a ser unha das maiores zonas de libre comercio do mundo. Centramos o debate con preguntas concretas e, sobre todo, recollemos as demandas do sector: reciprocidade en estándares, controis, trazabilidade e garantías para evitar competir en desigualdade.
En “O leite” contamos as bondades do leite A2 para lactantes co equipo de Pro A2 Health, un spin-off do Campus Terra, que é o exemplo perfecto de como a investigación pode xerar valor cando se transforma en solucións e proxectos.
A visita de “Na granxa” lévanos á gandería Los Fuertes, en Algadefe (León), con máis de 1.000 animais en total. Centrámonos no manexo, na organización do persoal e na produción de forraxes propias, apoiada en 330 hectáreas de cultivo. Miramos de preto como se ordena o traballo, como se coordinan equipos e como a base forraxeira se integra na planificación anual.
Como entrevistados, contamos con Laura Molina, que aborda a saúde na recría e os puntos críticos das primeiras etapas; con José Eduardo Santos, quen afonda na suplementación cunha visión técnica aplicada, e con Noelia Silva, a cal nos explica o seu método de traballo en California e a importancia de equipos ben formados para soster investigación e transferencia.
Por outra banda, comparamos dous modelos de recría eficiente (Finca Fonteboa e Granja San José), recollemos a crónica de FIMA 2026 tras o percorrido do equipo de Vaca TV pola feira e resumimos os temas principais dos Encontros Ibéricos de Calidade de Leite, organizados por Anembe e o CPSU.
Os artigos técnicos completan como sempre este número. Abordamos aspectos relativos á saúde podal, saúde animal, manexo, lexislación e recría. Así mesmo, o especial de ensilado de herba reúne contidos sobre sostibilidade, calidade nutricional e fermentativa, rendibilidade en pacas e sinerxías microbianas en pradeira e millo.
Por último, o artigo de opinión, que asina a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, trata a renovación dos contratos lácteos, precisamente en desenvolvemento durante estas semanas.
Pola nosa parte, a reflexión é clara neste sentido: se o sector lácteo español é hoxe referente mundial, éo como resultado de anos de facer ben as cousas, de potenciar instalacións, benestar animal e controis co fin de obter un produto da máxima calidade. A esa base sumóuselle, nos últimos tempos, unha maior estabilidade de prezos e convén que esa tendencia non se rompa agora.
Conseguiuse empezar a valorizar o leite nos lineais e xa case (case!) podemos falar dun prezo digno para o produto. Ademais, cada vez máis xente está disposta a pagar un plus pola calidade, se entende o que compra. Por iso, xunto a contratos equilibrados, debemos seguir promovendo a etiquetaxe de orixe e defendendo a forma de producir de aquí, sempre con altos estándares. Por todo isto, e vendo o panorama internacional, non podemos deixar pasar a oportunidade de pedir que a letra dos contratos protexa, e non que deixe o produtor desvalido.