Agromuralla, a asociación de gandeiras e gandeiros que xerminou nas tractoradas de 2015 polos baixos prezos do leite, conmemorou os seus dez anos de vida. Nun acto público celebrado este venres no Edificio Administrativo da Xunta en Lugo situaron o sector ao nivel das actividades relacionadas co automóbil ou o téxtil en Galicia.
A entidade promoveu un acto baixo o lema O papel dos produtores na alimentación: desmontando bulos, coa idea de concienciar o consumidor dos beneficios de introducir lácteos na dieta e do papel positivo que exercen as ganderías sobre o territorio, o medio ambiente e a fixación de poboación no medio rural.
Na sesión participaron o médico e divulgador científico Manuel Viso; o xornalista da Cadena COPE en Andalucía e divulgador do medio rural, Emilio Gómez; a xogadora de baloncesto do Durán Maquinaria Ensino, Elba Garfella; e Luís Pérez, presidente de Agromuralla e gandeiro en Casero SAT (A Pastoriza, Lugo).
Durante a xornada repasáronse datos de relevancia para o sector en Galicia, como que a actividade agroalimentaria representa o 7 % do PIB, segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE).
"O sector leiteiro é tan importante para Galicia como a Citroën para Vigo ou Inditex para A Coruña, pero non é igual de valorado pola Administración nin pola sociedade. As ganderías de leite somos o motor económico de comarcas enteiras do interior", recalcou Luís Pérez.
Ademais, lembrouse a función esencial que cumpre a actividade gandeira na xestión activa do territorio. As granxas contribúen ao mantemento da paisaxe agraria e á prevención de incendios.
Pola súa banda, Manuel Viso manifestou as múltiples propiedades dos lácteos. "Non hai superalimentos, pero o leite é o alimento máis completo que existe". O especialista en medicina interna aproveitou para desmitificar bulos: "O leite é un potente antiinflamatorio, ten beneficios no ámbito cardiovascular e tamén anticanceríxeno".