Agromuralla inicia o proceso de reclamación contra as industrias do cártel lácteo

Medio cento de produtores de leite galegos pertencentes á asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla iniciaron xa os trámites necesarios para reclamar ás industrias lácteas sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) as cantidades non abonadas entre os anos 2000 a 2013 como consecuencia da fixación de prezos á baixa por parte das distintas empresas de recollida.

O caso baséase na sanción imposta en xullo de 2019 pola CNMC, iniciado ao detectar que empresas e asociacións do sector lácteo intercambiaron entre os anos 2000 e 2013 información para influír nos prezos e pagar menos aos gandeiros. Un total de dez industrias lácteas foron sancionadas neste caso cunha multa que supera os 80 millóns de euros.

Entre os gandeiros que deron o paso de presentar a reclamación atópase o presidente de Agromuralla, Roberto López, que anima "a todos os gandeiros galegos que nos vimos prexudicados durante tantos anos polas prácticas irregulares levadas a cabo polas industrias lácteas a solicitar a devolución das cantidades que deixamos de percibir durante máis dunha década, importantes ingresos que son froito do noso traballo e esforzo, que nos pertencen e que temos dereito a recuperar".

O PRAZO DE RECLAMACIÓN REMATA O 11 DE XULLO

O prazo para exercer o seu dereito por parte dos gandeiros expira o próximo 11 de xullo. Agromuralla xa chegou a un acordo co bufete de avogados madrileño Eskariam, especializado en dereito da competencia e en presentación de reclamacións colectivas, para facilitar desta forma a presentación de demandas a aqueles gandeiros interesados en recuperar as cantidades que deixaron de percibir durante ese tempo.

Segundo a resolución sancionadora da CNMC, estímase unha manipulación do prezo aproximada do 10 %, aínda que podería ser mesmo maior en función do resultado concreto da peritaxe de cada granxa, o que significa que cada gandeiro podería reclamar, dependendo do caso, entre 10 % e o 12,5 % da súa facturación relacionada coa venda de leite cru de vaca do ano 2000 ao 2013, máis intereses.

Así, todos aqueles gandeiros que vendesen leite nese período poden reclamar, aínda que pechasen a súa explotación gandeira desde entón, ben por xubilación ben por cambio de actividade.


VER VÍDEO: Entrevista a Roberto López (presidente de Agromuralla)


LER NOTA DE PRENSA: Agromuralla anima os ganaderos a reclamar contra o cártel lácteo por pactar os prezos do leite