Agromuralla denuncia irregularidades detectadas nas analíticas do leite realizadas polo Ligal

Agromuralla denuncia irregularidades detectadas nas analíticas do leite realizadas polo Ligal

Recentemente, unha alta porcentaxe de gandeiros produtores de leite de vaca galegos tiveron problemas coas analíticas do punto crioscópico. Unha vez feitas as revisións técnicas necesarias, puideron comprobar que non se debe a un problema que exista nas súas granxas. O único laboratorio existente en Galicia para facer análises de leite é o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal).

Unha vez recibidas múltiples queixas por parte de varios gandeiros, desde Agromuralla optouse por levar diversas mostras ao laboratorio oficial doutra comunidade autónoma para facer análises de contraste: "Non só no punto crioscópico se observa un valor que penaliza máis ao gandeiro, senón que outros parámetros que se analizan e que inflúen directamente no prezo do leite na orixe, como é o caso do contido en graxa, tamén arroxan resultados dispares, o que se traduce nun menor prezo do leite para o gandeiro ao que se lle analizaron no Ligal", afirman desde a asociación.

Ante esta problemática, desde Agromuralla solicitan unha reunión con carácter urxente coa persoa competente do Ligal, aínda que por agora non obtiveron resposta. "Mantivemos unha reunión coa conselleira do Medio Rural para informala do que está a suceder e pedirlle que se tomen as medidas oportunas para regularizar a situación", informan.