Fonterra encadeou unha nova suba na última poxa, cun incremento do 0,1% no índice e un prezo medio de 4.330 dólares por tonelada, nunha sesión na que se comercializaron 19.500 toneladas.
Con este resultado, os prezos sitúanse por riba dos rexistrados nas mesmas datas do ano pasado (4.245 $/tonelada) e consolídase a tendencia alcista das últimas semanas.
No desglose por produtos, destaca particularmente a mellora do valor do leite desnatado en po: subiu un 5,2%, ata os 3.409 dólares por tonelada. Tamén avanzaron a mozzarella, un 0,5%, ata os 4.208 dólares, e o cheddar, un 0,1%, ata os 4.925 dólares. En cambio, o leite enteiro en po baixou un 4%, ata os 3.709 dólares, e a manteiga retrocedeu un 0,9%, ata os 6.868 dólares por tonelada.
A evolución de Fonterra enmárcase nun contexto internacional de maior firmeza nos prezos lácteos. Na Unión Europea, os derivados lácteos tamén rexistraron subas nas últimas semanas: a manteiga alcanzou os 435 euros por 100 quilos, cunha alza do 4,3%; o leite desnatado en po, os 242 euros por 100 quilos, cunha suba do 4,6%; o leite enteiro en po, os 332 euros por 100 quilos, un 5% máis; e o cheddar, os 348 euros por 100 quilos, cun incremento do 4%. Unha evolución que reforza a idea de que a tendencia alcista se está replicando nos principais mercados lácteos do mundo.