As entregas de leite en España crecen un 2,2 % en xullo

As entregas de leite en España crecen un 2,2 % en xullo

As entregas de leite de vaca en España acadaron en xullo as 637.497 toneladas, un 2,2 % máis que no mesmo mes de 2025, cando se situaran en 623.937 toneladas, segundo o último Informe de Declaracións de Entregas de Leite Cru aos Primeiros Compradores publicado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A evolución positiva mantense tamén no acumulado do ano. Entre xaneiro e xullo producíronse en España preto de 4,47 millóns de toneladas de leite, un 1,5 % máis que no mesmo período do exercicio anterior. Galicia continúa concentrando a maior parte da produción nacional, con 1,87 millóns de toneladas nos sete primeiros meses do ano, o 42 % do total. Séguena Castela e León, con 550.803 toneladas; Cataluña, con 464.552; Andalucía, con 331.793, e Asturias, con 295.069.

En canto ao importe medio declarado, en xullo situouse en 0,464 euros por litro, fronte aos 0,469 euros de xuño. O valor é tamén inferior ao rexistrado en xullo de 2025, cando a media nacional acadaba os 0,502 euros por litro.

Por comunidades autónomas, Canarias continúa rexistrando o importe medio máis elevado, con 0,641 euros por litro, seguida da Comunidade Valenciana, con 0,502 euros; o País Vasco, con 0,499 euros, e Asturias, con 0,491 euros. En Galicia, principal rexión produtora do país, o importe medio declarado situouse en 0,444 euros por litro, mentres que en Castela e León foi de 0,472 euros e en Cataluña de 0,470 euros.

En xullo realizaron entregas 8.481 gandeiros en España, 45 menos que en xuño. Galicia continúa concentrando tamén o maior número, con 4.780 produtores, seguida de Asturias, con 1.056; Cantabria, con 702, e Castela e León, con 590.