Subdirección Xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas, dependente da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, fixo público o Informe de Declaracións de Entregas de Leite Cru aos Primeiros Compradores correspondente a xuño de 2026. No documento reflíctese un prezo medio do leite en España de 0,469 €/litro durante o sexto mes do ano, 0,8 céntimos menos que en maio.
O valor mantén así a tendencia descendente, tras as rebaixas aplicadas polas industrias lácteas na última renovación de contratos. Ademais, o importe medio situouse 2,7 céntimos por debaixo do rexistrado en xuño de 2025, cando alcanzara os 0,496 €/litro.
En canto ao volume de produción mensual, o informe mostra un incremento do 1,7 % con respecto ao mesmo período do ano anterior. Mentres que en xuño de 2025 se declararon 618.299 toneladas de leite, en xuño de 2026 a cifra ascendeu a 628.730 toneladas. No conxunto do primeiro semestre producíronse 3.830 millóns de quilos, un 1,3 % máis que durante os seis primeiros meses de 2025.
Por comunidades autónomas, os prezos máis elevados en xuño corresponderon ás Canarias (0,642 €/litro), á Comunidade Valenciana (0,515 €/litro) e ao País Vasco (0,510 €/litro). Pola contra, os valores máis baixos rexistráronse en Galicia (0,449 €/litro), Estremadura (0,458 €/litro) e nas Illas Baleares (0,462 €/litro).