A Subdirección Xeral de Producións Gandeiras e Cinexéticas, dependente da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, publicou o Informe de Declaracións de Entregas de Leite Cru aos Primeiros Compradores correspondente a febreiro. No documento reflíctese un prezo medio do leite en España de 0,538 €/litro no segundo mes do ano.
O valor mantense en cifras similares ás dos últimos meses (0,541 €/litro) e é superior ao rexistrado en febreiro de 2025 (0,496 €/litro). Non obstante, esas cifras xa non se corresponden coa realidade actual, tras as rebaixas formuladas polas industrias lácteas neste período de renovación de contratos que comezou en Galicia.
No que respecta ao volume de produción mensual, o informe amosa unha nova subida con respecto ao mesmo período do ano anterior. Mentres en febreiro de 2025 se declararon 579.240 toneladas de leite, en febreiro de 2026 a cifra situouse en 588.371 toneladas. No que vai de 2026, a produción de leite aumentou arredor de 18.000 toneladas con respecto aos dous primeiros meses de 2025.
Pola súa banda, as comunidades autónomas que rexistraron o prezo máis alto en febreiro foron Canarias (0,639 €/litro), País Vasco (0,584 €/litro) e A Rioxa (0,565 €/litro). Pola contra, os valores máis baixos corresponden a Andalucía (0,520 €/litro), Estremadura (0,514 €/litro) e Illas Baleares (0,472 €/litro).