Xa dispoñible na nosa web o libro do concurso e a poxa da Moexmu 2026

Esta fin de semana terá lugar a XLII Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta (Cospeito, Lugo). O sábado celebrarase, a partir das 10:30 horas, o XXXIV Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga e o XL Concurso de Gando Frisón da Moexmu. Durante a mañá xulgaranse as seccións de xatas e xovencas, mentres que a partir das 15:00 horas chegará a quenda das vacas.

O xuíz do certame será Julián Rodríguez Pérez, de Conafe, e nesta edición participarán 20 ganderías de Lugo, A Coruña e Pontevedra. O programa completarase co XXIII Concurso Internacional de Novos Preparadores de Gando, o venres ás 15:30 horas; co XLV Concurso Internacional de Novos Manexadores, o domingo ás 11:00 horas, e coa XXX Subasta de Gando Selecto, tamén o domingo, ás 12:30 horas.

Xa tedes á vosa disposición a edición dixital do libro.

O dobre concurso do sábado poderá seguirse en directo a través da nosa web.