Despedimos outubro co lanzamento do sexto número de Vaca Pinta en galego, o cal xa tedes dispoñible na hemeroteca da web. Nesta edición, cuxo especial está centrado na recría, damos cobertura ao nacional frisón, visitamos o Space Rennes e entrevistamos ao profesor Paul Galama (Universidade de Wageningen), quen nos fala do proxecto holandés Familiekudde de rabaños familiares, así como a un grupo de expertos en nutrición que nos explican o papel dos aminoácidos nas dietas animais. Ademais, o presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños, asina o artigo de opinión, centrado nos problemas de falta de man de obra no sector.
ESPECIAL: RECRÍA
O apartado sobre recría componse de catro artigos. O primeiro deles, de Fernando Soberón (Trouw Nutrition), aborda a importancia da nutrición e a epixenética; ségueno o texto de Holger Kruse (Holm & Laue) sobre os diferentes métodos de rexistro de peso e o traballo conxunto dos membros do Grupo Invesaga (USC) e da ADSG Vacasan (Chantada), que presenta os resultados da investigación levada a cabo sobre diarreas neonatais nas granxas de leite galegas. Conclúe esta sección o artigo do equipo de Zoetis, composto por E. Peralta, X.A. Peón, A. Suárez Inclán e J.M. Sanmartín, sobre as enfermidades infecciosas respiratorias en xovencas.
ACTUALIDADE
No repaso á actualidade do sector facémonos eco, entre outras cousas, das primeiras xuntanzas do novo conselleiro do Medio Rural, José González, e das próximas actividades anunciadas polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia.
A PÉ DE PISTA
Este sexto número dá tamén unha ampla cobertura ao Concurso Nacional da Raza Frisona de Conafe celebrado en Xixón o pasado mes de setembro, así como ao Nacional de Manexadores e ao da Raza Parda. Inclúe, a maiores, os resultados do Usías Holsteins de Dos Torres (Córdoba), do Prim’Holstein Atlantique de Rennes (Francia) e do Open AgroSemana da Raza Holstein-Frisia de Póvoa de Varzim (Portugal).
NA GRANXA
Desta volta, desprazámonos ata Castroverde para visitar a explotación Casa Román, na que nos falaron amplamente da súa filosofía de traballo, baseada na simplificación dos procesos e na prudencia á hora de introducir innovacións no seu negocio.
INTERNACIONAL
Volve tamén o apartado de Internacional, no que vos presentamos o GAEC du Champ Aubry, unha explotación das Costas de Armor (Francia); e no que vos falamos de cales foron as novidades presentadas no Space Rennes 2018.
ECONOMÍA E MANEXO
Ademais do especial sobre recría, Vaca Pinta 6 recolle artigos de Javier Bueno (USC) sobre o mercado dos tractores en Galicia, de Israel Flamenbaum (Cow Cooling Solutions) sobre os custos extra que lles provoca o estrés por calor aos produtores, de Luis Miguel Jiménez (Servet Talavera) en relación ao secado das vacas e a importancia do uso prudente de antibióticos e de Natividad Pérez (Trialvet) sobre as estratexias de secado no futuro.