Xundeva: 20 anos velando pola sanidade gandeira no Deza

Conversamos con catro das veterinarias que integran o equipo actual da ADSG Xundeva sobre a evolución desta agrupación con dúas décadas de historia dende a súa creación ata a actualidade e sobre como lograron reforzar a prevención e o control de enfermidades nas ganderías da zona grazas   a un labor coordinado e especializado. Máis en Vaca Pinta 50.

Formada inicialmente coa fusión doutras agrupacións, hoxe en día Xundeva é a única Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) na provincia de Pontevedra. Como todas as ADSG, está composta por gandeiros que se unen para mellorar a sanidade das súas explotacións e que contratan un grupo de veterinarios para levar a cabo este traballo esencial. A filosofía destas agrupacións baséase na prevención, aínda que, tal e como remarcan as profesionais que a integran na actualidade, os primeiros anos foron un proceso para situarse e analizar o estado das granxas que formaban parte dela.

A creación de Xundeva hai 20 anos respondeu á necesidade de controlar enfermidades preocupantes nese momento, como a IBR e a BVD, e foi impulsada co apoio da Administración, de cooperativas e de sindicatos. Hoxe en día, o equipo de Xundeva está composto por seis veterinarias e unha administrativa, encargadas de implementar o programa establecido. Se ben non poden abarcar toda a provincia debido ás distancias que isto implicaría, si cobren as principais zonas gandeiras de Pontevedra, que inclúen Agolada, Vila de Cruces, Silleda, Forcarei, A Estrada, Lalín, Rodeiro e Dozón.


Xundeva, a única ADSG de Pontevedra, atende case un milleiro de explotacións gandeiras e xestiona entre 43.000 e 44.000 UGM

Inicialmente, comprendía os municipios de Rodeiro, Lalín e Dozón. En 2013, expandiuse incorporando a Vacundeza (Vila de Cruces e Agolada), á ADSG da Estrada e ao concello de Forcarei, que naqueles momentos tiña parado este servizo. Máis recentemente, en 2021, tamén se fusionou Silleda, o que consolidou a Xundeva como representante dos concellos das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

Segundo os últimos datos, Xundeva préstalles servizo a aproximadamente 940 explotacións (chegaron a achegarse aos 1.100 socios, se ben o número de cabezas non variou) e atenden un volume de entre 43.000 e 44.000 unidades de gando maior (UGM). En concellos como Rodeiro, a porcentaxe de ganderías adheridas é próxima ao 80 %, mentres que en Lalín, que conta con moitas granxas, pero de menor tamaño, a cifra está máis próxima ao 60 %. A media de exemplares por negocio aumentou cos anos e na actualidade sitúase arredor dos 45 animais.

O EQUIPO


Gloria Martínez Sanz, iniciou a súa traxectoria profesional como veterinaria en 1987. Dende o ano 2013 forma parte da ADSG Xundeva e, na actualidade, a súa zona de traballo abrangue fundamentalmente as ganderías da zona de Lalín.

 

María Elena Buceta Solla, acumula trinta anos de experiencia como veterinaria. Hai vinte que traballa en agrupacións de defensa sanitaria gandeira e na ADSG Xundeva desempeña as súas funcións concretamente dende 2013. A súa área de traballo divídese entre Vila de Cruces, Agolada, Silleda e Lalín.

 

María Elisa Blanco Penedo, conta con 23 anos de experiencia como veterinaria e incorporouse á ADSG Xundeva hai un ano. Realiza o seu labor profesional en ganderías de Silleda e Lalín.

 

Paloma CarBajales Álvarez, comezou a súa carreira como veterinaria en 2007. Traballou durante dous anos no Hospital Universitario Rof Codina (Lugo) e, posteriormente, estivo 11 anos na ADSG Santa Isabel, en Outeiro de Rei. En 2021 pasou a formar parte da ADSG Xundeva, onde atende as zonas de Rodeiro e Lalín.

 

Bárbara Fernández García, exerce como veterinaria dende hai 23 anos. Dende hai unha década forma parte da ADSG Xundeva, desempeñando o seu labor nos municipios de Rodeiro, Dozón e Lalín.

 

Ángeles Álvarez González, conta con 34 anos de experiencia no exercicio da veterinaria. Está na ADSG Xundeva dende 2013, onde cobre as ganderías da Estrada, Forcarei, Cuntis e Lalín.
​​​​

 

MOTIVOS PARA A SÚA CREACIÓN E EVOLUCIÓN

A creación da ADSG Xundeva foi posible grazas á colaboración de numerosas cooperativas da rexión, que desempeñaron un papel esencial dende o principio. “De feito, ese protagonismo mantense ata hoxe porque a directiva está formada por representantes de cada unha desas cooperativas”, sinala Gloria Martínez, unha das veterinarias de Xundeva, quen subliña a importancia deste vínculo entre a agrupación e o cooperativismo local.

Pola súa banda, outra das súas técnicas, Elena Buceta, detalla que a creación das ADSG foi unha resposta conxunta ante carencias detectadas tanto pola Administración coma polos gandeiros. “A Administración, vendo as necesidades que había no sector, promove unhas leis ou reais decretos, e o sector, apoiándose neles, crea as ADSG”, di. Este esforzo compartido permitiu que Xundeva se consolidase como unha ferramenta clave para mellorar a sanidade gandeira na rexión.

En canto á súa evolución, Buceta destaca que a agrupación comezou con dous veterinarios. “Ademais, eran dous veterinarios homes, o que case foi a excepción, porque o resto fomos sempre mulleres”. Co tempo, incorporáronse máis profesionais ata chegar ao persoal actual.

Este crecemento tamén se reflectiu na ampliación do territorio cuberto. A expansión trouxo consigo unha maior diversidade nas explotacións gandeiras. Elena explica que “Rodeiro e Lalín son zonas moito máis gandeiras, en Agolada hai moita gandería de carne e en Vila de Cruces cada vez hai máis de carne e menos de leite”. Estas diferenzas tamén deixan constancia de como a agrupación se foi adaptando ás necesidades específicas de cada zona.


As ADSG axudaron a transformar o sector gandeiro, non só dende o punto de vista sanitario, senón tamén coma un apoio técnico e formativo para os gandeiros

Contan que, cando se empezou a traballar como ADSG, o estatus sanitario das explotacións respecto a enfermidades como IBR, BVD ou neosporose era pouco coñecido. As analíticas para determinalo eran escasas, mentres que hoxe xa falamos de que se está a avanzar cara a un programa estatal de erradicación da IBR, no que en Xundeva levan un par de anos traballando. “Analizamos o gando ao completo para coñecer o seu estatus sanitario, o que implica sangrar e vacinar moitos máis animais que daquela”, puntualizan.

A intensificación da gandería tamén incrementou a incidencia de enfermidades. “Antes era raro vacinar contra Clostridium ou pneumonías; agora é o habitual”. Explican que, en especial nas grandes explotacións profesionalizadas, onde contan con remuda xeracional, se planifica anualmente un calendario de vacinación, que inclúe as vacinas habituais e tamén as novas, como a da enfermidade hemorráxica epizoótica. “Iso tamén o levamos nós e hai 20 anos era practicamente testemuñal, así  que, si, o noso traballo neste tempo cambiou bastante, e cremos que para mellor, porque as nosas funcións son maiores, o que significa que podería haber máis profesionais da veterinaria traballando nesta área co tempo”, desexan. 

A RELEVANCIA DAS ADSG NO SECTOR

As agrupacións de defensa sanitaria gandeira axudaron a transformar o panorama do sector gandeiro en Galicia, non só dende un punto de vista sanitario, senón tamén como un apoio técnico e formativo para os gandeiros. Martínez lembra que formar parte dunha ADSG non é obrigatorio, pero quen participa adoita quedar polos beneficios que percibe. “É frecuente que vexan as vantaxes de estar nunha ADSG. De feito, ás veces, o que marcha sen que o botes, tamén volve sen que o chames…”, sinala.

“Se formar parte dunha ADSG sempre é positivo, formar parte da ADSG Xundeva diríache que xa é un punto extra”, bromea María Blanco, tamén veterinaria desta agrupación. “Supón un control de enfermidades non obrigatorias, pero que son importantes para a saúde dos animais e, polo tanto, para a produción”, explica. A base destas vantaxes radica no manexo de, fundamentalmente, catro enfermidades: IBR, BVD, paratuberculose e neosporose, as cales afectan directamente á reprodución e produtividade das ganderías, especialmente as leiteiras, predominantes na zona. “Unha explotación leiteira baséase en que as vacas dean leite, e para iso, evidentemente, antes teñen que preñar. Todas as enfermidades que atrasan a preñez repercuten na produción. Esa é a base de todo”, detalla.

Ademais do programa oficial que especifica a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, Xundeva aborda de maneira específica outras enfermidades, como diarreas neonatais, enterotoxemias e problemas respiratorios, cubrindo así un amplo espectro de patoloxías que poderían impactar no rendemento destes negocios.

Outro aspecto crucial destas asociacións ten que ver co compoñente formativo e de asesoramento técnico que lles ofrecen aos gandeiros. Dende o momento en que unha explotación se incorpora a Xundeva, as súas veterinarias proporcionan pautas de manexo básico, como limpeza, desinfección ou control de pragas, fundamentais para garantir a hixiene e o benestar animal. “Haberá xente que xa o saiba, pero outra apréndeo grazas a estar nunha ADSG”, expón Blanco.

As xornadas formativas tamén son un punto destacado. Permiten aprender e, ao mesmo tempo, desbotar información pouco fiable. “Escoitas xente profesional, cunha base científica, non algún que comenta ou que di segundo o que lle parece. Iso marca a diferenza”, apuntan. Ademais, estas xuntanzas fomentan a interacción entre os propios gandeiros, creando un espazo para compartir experiencias e coñecementos.


“É fundamental que todas as granxas teñan un programa sanitario mínimo, aínda que non sexa de maneira directa a través dunha ADSG, pero si cun veterinario responsable”

Así mesmo, contan as protagonistas desta peza que, en xeral, en calquera ADSG, a relación estreita  entre os produtores e os veterinarios  permítelles a estes últimos actuar como intermediarios entre as ganderías e a Administración pública. Martínez resalta este papel, mencionando que adoitan explicar de maneira directa e próxima as recomendacións oficiais. “Temos un trato moi familiar cos gandeiros e resúltanos moi doado transmitirlles as cousas. Ás veces, incluso intercedemos entre o inspector veterinario e eles, por proximidade”, conta.

Esta proximidade non só facilita a comunicación, senón que tamén reforza a confianza e o compromiso dos produtores coas boas prácticas. “Ocupámonos de facerlles chegar o coñecemento, pero tamén de rifarlles cando algo non está ben, porque é a nosa responsabilidade garantir que cumpran coas normativas e cos estándares de calidade”, asevera.

O LABOR FORMATIVO, OUTRO EIXE ESTRATÉXICO

As xornadas técnicas organizadas polas ADSG, como as que realiza Xundeva, son un elemento indispensable para a formación continua. Estas actividades non só responden á normativa, que esixe unha formación anual, senón que se converteron nun espazo esencial para a actualización de coñecementos tanto para gandeiros como para veterinarios. “Co paso dos anos fomos facendo formacións con máis peso, porque cada vez acode un maior volume de persoas, as ganderías son mellores e a xente está máis formada e demanda máis información”, comenta Martínez.

A elección dos temas tratados non é casual, senón que responde ás problemáticas máis relevantes do momento. As veterinarias desta agrupación recordan que cada ano se adaptan os contidos para previr e xestionar situacións complexas que poidan xurdir. “Intentamos ser pioneiros nos temas que tratamos e que lles sirvan para estar xa preparados”, sinala Martínez. Un exemplo diso foi a xestión da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE): “Cando Zamora, Estremadura e Salamanca xa tiveron un problema grande, trouxemos a unha persoa con moitísimo coñecemento ao respecto para explicarlles como reducir a incidencia, aínda que, ata que non tes o problema enriba, non es do todo consciente do que che contaron antes”.

Ademais da calidade técnica destes encontros, tamén destacan que a súa realización depende da colaboración de empresas farmacéuticas, que achegan relatores e apoio económico. “Sería inviable facer unhas xornadas dunha magnitude coma a das as nosas sen esa axuda”, sinala Gloria.

SOBRE AS ADSG

As agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ADSG) son asociacións creadas co obxectivo de mellorar a sanidade animal e previr enfermidades nas explotacións gandeiras dunha determinada zona. Estas agrupacións permítenlles aos produtores colaborar entre si e coas administracións públicas para aplicar medidas sanitarias máis eficaces e coordinadas.

Entre as funcións dunha ADSG atópanse:

  • Implementación de programas sanitarios comúns para a prevención e o control de enfermidades animais.
  • Asesoramento técnico aos gandeiros sobre prácticas de manexo e bioseguridade.
  • Participación na rede de epidemiovixilancia sanitaria, contribuíndo á detección e control de enfermidades emerxentes.
  • Mellora do benestar e da sanidade animal, o que se traduce en produtos máis seguros e de maior calidade.

Por outra parte, integrar unha ADSG repórtalles unha serie de beneficios aos gandeiros, tales como o acceso a programas de sanidade animal subvencionados, unha maior protección ante brotes de enfermidades, a redución do impacto económico das enfermidades gandeiras e a mellor organización e maior formación en temas sanitarios.

DIFICULTADES E RETOS AFRONTADOS

Poñen o foco na necesidade de promover a incorporación de explotacións a agrupacións como a súa. Paloma Carbajales, veterinaria desta ADSG, expón que este propósito ten un impacto directo na mellora da sanidade animal da comarca: “Lograr incorporar o maior número de granxas posibles á ADSG supón unha mellor sanidade en toda a zona, e ese é o noso obxectivo, traballar cada día con máis ganderías para ter máis controlada a sanidade deste territorio”.

Falando dos desafíos aos que fixeron fronte, apuntan cara á implementación do novo programa nacional de control de IBR, o cal lles esixe un intenso labor de mostraxe en granxa. “Tratamos de incluír o maior número de ganderías nel, pero iso implica mostrear todos os animais, o que supón un importante volume de traballo”, comenta Carbajales. Ademais, subliña o impacto da aparición de novas enfermidades emerxentes, como a EHE: “Aquí tivemos un brote moi forte e colaboramos moi activamente na toma de mostras”.


"Hoxe, a maioría dos gandeiros non introducen un animal sen saber de onde vén, que análises ten ou que enfermidades podería traer”

Outro aspecto importante para elas é lograr que os gandeiros adopten programas sanitarios e medidas de bioseguridade. “Á hora de establecer un programa sanitario, se os gandeiros non están a favor, non vas lograr implantalo. Tamén é crucial mentalizalos sobre a bioseguridade. Aquí non pode entrar todo o mundo de calquera maneira; hai que poñer controis e barreiras nas entradas para mellorar a seguridade do rabaño”, destaca.

Para rematar, identifican como un dos grandes retos do sector garantir que todas as ganderías, estean ou non nunha ADSG, cumpran cun programa sanitario básico. “De nada serve que nas ADSG eliminemos animais positivos se outras explotacións sen control moven os seus libremente. É fundamental que todas as granxas teñan un programa sanitario mínimo, aínda que non sexa de forma directa a través dunha ADSG, pero si cun veterinario responsable”, conclúe.

A EVOLUCIÓN DO SECTOR, BAIXO A MIRADA DE XUNDEVA

A ADSG Xundeva foi testemuña e axente implicado dos cambios que transformaron o sector gandeiro nas últimas dúas décadas. Dende a desaparición das cotas leiteiras ata a crecente dixitalización do agro, o panorama actual está moi afastado do que había cando botou a andar esta agrupación. A evolución, destacan, foi máis que evidente.

Neste contexto, as ADSG desempeñaron un papel clave, especialmente na mellora do estatus sanitario do gando e na concienciación sobre a bioseguridade. “Hai dez anos, había quen mercaba reses como se fose de rebaixas, sen preocuparse pola súa orixe sanitaria. Hoxe, a maioría non introduce un animal sen saber de onde vén, que análises ten ou que enfermidades podería traer”, sinala Elena Buceta. Esta transformación –asevera– é unha das principais achegas que fixeron as ADSG: “Axudamos a facelos conscientes de que non ten sentido traballar para mellorar o estatus sanitario do rabaño se logo o estragamos todo cun único animal que se merca sen garantías”.

Pero non só cambiou a forma de traballar, senón tamén o perfil dos gandeiros. As explotacións pasaron de ser pequenas e familiares, con 25 vacas como máximo, a ser de maior tamaño e estar xestionadas por mozos e mozas formados, moitos deles con estudos agrarios. “Menos mal que aínda hai quen ve as vantaxes do traballo coas vacas. Este labor, vencellado á terra, ao exterior, ten retos, pero tamén ofrece unha calidade de vida única”, poñen en valor.


“Esta é unha profesión moi bonita, moi enriquecedora; ás novas xeracións de veterinarios e veterinarias diriámoslles que deberían coñecela antes de descartala”

A profesión veterinaria, ao igual que o sector gandeiro, tamén evolucionou. Neste sentido, fan fincapé no crecente papel das mulleres no campo: “Cada vez hai máis veterinarias e gandeiras. Hoxe non chama a atención que a técnica que entra pola porta sexa unha muller. Creo que nos tratan de igual a igual, e iso é un avance enorme con respecto a outros tempos”, reflexiona Elena. Tamén subliña que esta profesión require vocación e considera que “traballar no campo proporciona liberdade, conéctate coa natureza e rompe coa monotonía”.

Sobre isto, Martínez recoñece a satisfacción persoal que atopou na súa traxectoria profesional, malia os retos físicos que implica o traballo con grandes animais: “Fisicamente nótase, claro, non é o mesmo estar nunha oficina que lidar co gando, pero eu fun moi feliz neste oficio. É un mundo moi bonito, ideal para quen non queira estar pechado entre catro paredes. Os gandeiros apórtanche moitísimo e os momentos agradables superan sobradamente os difíciles”.

De maneira xeral, poñen de manifesto unha preocupación crecente no sector: a falta de veterinarios de campo. “Temos moitísimos problemas para cubrir prazas. Estamos quedando sen persoal”, lamentan. Malia isto, a súa mensaxe final é optimista: “Esta é unha profesión moi bonita, moi enriquecedora; ás novas xeracións de veterinarios e veterinarias diriámoslles que deberían coñecela antes de descartala”.

Din as veterinarias integrantes desta ADSG que non poderían considerar Xundeva coma un referente, pero, sen dúbida, con máis de dúas décadas de traxectoria, é evidente que esta agrupación de defensa sanitaria gandeira se consolidou, cando menos, como exemplo, xa non só polos seus logros técnicos, senón tamén pola rigorosidade dun equipo comprometido coa mellora global da cabana gandeira galega.