GANADERÍA LOBEIRO. MELIDE (A CORUÑA)

Volver á casa para tomar as rendas da gandería familiar

É a decisión que tomou Álvaro Costoya hai tres anos, máis ou menos, tras traballar como técnico de Africor Coruña e, a día de hoxe, a súa gandería combina instalacións renovadas, muxido robotizado, base territorial suficiente e unha aposta forte pola xenética, mentres desenvolve unha segunda parte do negocio cunha nave destinada ao porcino de ceba. Máis en Vaca Pinta 58.

GANADERÍA LOBEIRO

Localización: Melide (A Coruña)

Propietarios: Álvaro Costoya, Gloria Valiño, Rocío Costoya e Jesús Rodríguez

N.º total de animais: 220

Vacas en muxido: 123

Media de produción: 42,7 kg/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 3,90 %

Porcentaxe de proteína: 3,50 %

Venda do leite: CLUN

Prezo do leite: 0,52 €/litro

No sector gandeiro, hai proxectos que medran por sumar vacas e outros que medran por sumar persoas. O de Álvaro Costoya é máis dos segundos.

A historia da gandería de Álvaro, como en tantas casas do rural, vén de atrás, dos avós, das primeiras vacas en amarre e das ampliacións pouco a pouco ata chegar ao que é hoxe, un rabaño dunhas 220 cabezas, con arredor de 123 vacas en muxido. O punto de inflexión recente ten nome e apelidos, pois incorporouse á sociedade en 2023, despois de traballar por conta allea e xusto cando o seu pai se achegaba á xubilación.

Álvaro coñecía a granxa á perfección desde sempre, pero tamén coñecía o sector desde fóra. Antes de dar o paso, traballou seis anos como técnico en Africor Coruña, unha experiencia, di, que lle axudou a mirar a casa con outros ollos: “Estiven seis anos de técnico e, como meu pai se achegaba á xubilación, decidín incorporarme. Tiñamos boas instalacións, agora sumamos estas novas, e hoxe por hoxe contamos con bastante terreo para os animais que temos. Tiña o camiño medio feito e só debía continuar”.

A súa entrada non foi só un cambio de nomes na sociedade. Chegou acompañada dun plan de mellora, de novas instalacións, reorganización do manexo e, xa no horizonte inmediato, dun xiro relevante: o muxido robotizado.

A día de hoxe, a sociedade está composta por Álvaro; súa nai, Gloria Valiño; súa irmá, Rocío Costoya, e seu cuñado, Jesús Rodríguez. O equipo complétase cunha empregada, María del Carmen Monterroso, que leva xa con eles dezaseis anos de traxectoria.

A dinámica dos horarios está pensada para garantir organización e equilibrio: “Aquí traballamos un fin de semana si e un fin de semana non. Cando toca traballar a fin de semana, libras un día entre semana. E temos quince días de vacacións no verán e outros quince no inverno”, apunta o gandeiro.


“O obxectivo é sacar o máximo rendemento atendendo a todos os aspectos no seu conxunto, non só a uns poucos”

Todo suma

Ao inicio da nosa charla con Álvaro deixounos claras as bases da súa gandería: “Eu non son partidario de centrarme só na reprodución ou na alimentación ou incluso no benestar. Vai todo encadeado”. “Se consegues unha moi boa xenética, pero tes mal benestar, unhas camas mal preparadas ou non as moves a diario, non vale de nada”, engade. Para el, os piares dunha explotación leiteira son un conxunto no que cada peza condiciona a seguinte: xenética, manexo, benestar e alimentación. A clave está en que todo sume, sen que ningunha parte desequilibre o resto.

Esa visión encaixa ben co momento actual de Lobeiro: un período de cambios, con instalacións novas, robotización do muxido e reorganización de lotes, no que é doado perder o foco. Por iso, Álvaro, insiste en que “o obxectivo é sacar o máximo rendemento atendendo a todos os aspectos no seu conxunto, non só a uns poucos”.

En canto a cifras, a granxa, aínda en fase de adaptación ao robot, xa mostra números de produción interesantes: “Hoxe mesmo estamos en 42,7 kg de media, cun 3,90 % de graxa e un 3,50 % de proteína”. Son datos que, de momento, poden estar condicionados polo cambio, pero útiles para situar o nivel de produción no que se move o seu rabaño.     


  “Nas camas levamos un tempo longo con carbonato e serraduras e estamos moi contentos”

Unha granxa pensada por zonas

As instalacións de Ganadería Lobeiro están divididas por etapas e necesidades. A visita ás instalacións é un percorrido desde a parte máis antiga ata a máis nova, e nese camiño aparecen os distintos lotes: vacas en muxido, recría, secas e preparto.

Na parte máis antiga hai arredor de 90 camas e na nova outras tantas, co matiz de que nesta última se apostou por solucións máis modernas: colchóns e cubículos flexibles. Álvaro está especialmente satisfeito con ese detalle: “Adáptanse moito máis aos animais; como é flexible, o animal ten un pouco máis de mobilidade. Están funcionando moi ben”.

O manexo das camas non é accesorio; é un eixo de saúde e calidade do leite. Probaron distintos materiais e quedaron cunha fórmula clara: carbonato con serraduras. “Antes, traballabamos con serraduras só e non sempre era doado de conseguir. Despois, cambiamos a casca de arroz e non nos funcionou, dábanos moitísimos problemas, había que traballar moito as camas e, aínda así, ocasionounos moita dificultade para desfacernos das mamites. Agora, levamos un tempo longo con carbonato con serraduras e estamos moi contentos. Practicamente non temos problemas de mamites”.

A cama, xa sexa en cubículo tradicional ou sobre colchóns, mantense sempre cuberta: “O colchón case non se ve. Intentamos telas sempre recheas con material”. E a rutina de mantemento tamén é constante: limpeza diaria dúas veces ao día e renovación de material os martes e os venres. Na recría pequena traballan con cama quente con palla, tamén renovada dúas veces por semana.

Para os bebedoiros non hai negociación: “É moi importante limpalos todos os días”. Son bebedoiros abatibles, o que facilita o traballo e asegura auga limpa.

A limpeza dos corredores faise con arrobadeiras. Na parte antiga, son hidráulicas e, na nova, por cable, con programación para pasar aproximadamente cada dúas horas.

A ventilación, pola súa parte, converteuse nun investimento, porque o estrés por calor lles afectaba bastante na produción e na reprodución, e decidiron hai uns oito anos colocar ventiladores e aspersores sobre o comedeiro na zona máis antiga. “Segundo os nosos cálculos, o leite que recuperariamos nun verán daríanos para pagar todos os ventiladores”, afirma. Nas novas instalacións procuraron corrixir xa o problema de base, polo que deron máis altura e máis capacidade de ventilación sen correntes directas.

O benestar complétase con cepillos rascadores, un en cada lote dos robots e outro pensado para recría. “Úsanos moito. Nótase no benestar e tamén na limpeza; ves as vacas máis arranxadas”, apunta.

A granxa dispón de tres fosas cubertas, con capacidades aproximadas de 1,2 millóns de litros, 1,6 millóns e outra de arredor de 600.000 litros. Esa capacidade permítelles sacar o xurro dúas veces ao ano, cadrando coas campañas de millo e herba.

Para as forraxes traballan con silos de trincheira, seis en total, aínda que non todos en uso ao mesmo tempo. Nalgúns, ademais, almacenan complementos como bagazo de cervexa. Teñen tamén almacén de penso e palla.

Para o aforro enerxético contan cun detalle que pode gañar importancia coa robotización: 40 placas solares instaladas hai uns cinco anos. “Antes muxiamos sempre de noite e non se aproveitaban tanto. Co robot, o consumo é 24 horas; penso que agora se van notar máis”, opina.


Robotizaron o muxido para evitar o problema da falta de man de obra nun futuro e mellorar a calidade de vida

 

Muxido robotizado: tecnoloxía para vivir mellor

O cambio ao robot chegou por varios motivos, pero hai un que Álvaro coloca sempre en primeiro plano: a visión de futuro. “O muxido podería converterse nun problema pola falta de man de obra que vemos nas explotacións, aínda que nós, de momento, non o sufrimos”. A iso sumábaselle a idea de que as novas tecnoloxías permitirían sacar máis proveito do animal, especialmente con producións altas: “Máis visitas ao robot, máis comodidade, menos estrés e tamén máis información”.

Os robots instaláronse en setembro do ano pasado e o proceso foi progresivo. Primeiro, fixeron o adestramento poñendo dous quilos aproximadamente de penso para que os animais se vaian familiarizando co robot: “Ao final, entran polo penso, non por muxirse”, indica Álvaro.

O salto real chegou despois do Nadal, cando arrancaron cos primeiros 30 animais, aqueles que mellor circulaban, e, progresivamente, foron sumando vacas pouco a pouco ata completar o cambio. De feito, o día que visitamos a gandería foi o último que muxiron coa sala de muxido. Quedará para a historia de Lobeiro esta coincidencia de que o día que o equipo de Vaca Pinta gravou esta reportaxe, foi o día en que pasaron 100 % ao muxido robotizado.

Antes tiñan unha sala de espiña de peixe con 10 puntos. Muxían dúas veces ao día no tramo final, aínda que houbo un período, do 2015 ao 2018 no que chegaron a tres muxidos. Despois, coa entrada do porcino (da que máis tarde falaremos) e o aumento de tarefas, volveron a dous. Agora, cos dous robots, están nunha media de arredor de 3,1 muxidos por vaca.

Na sala xa contaban con colares para detección de celos e algo de información de produción, pero coa robotización tamén renovaron esa parte. Os colares actuais aportan ruminación, descanso, tempo de alimentación e alertas máis completas. A utilidade, para Álvaro, está en dúas cousas: “Podemos inseminar no mellor momento e adiantámonos a moitas enfermidades. Se vemos que o animal non vén ao comedeiro, ten pouca actividade ou está moito tempo deitado, mirámolo e adiantámonos ao proceso”.

Aínda que recoñece que levan pouco tempo e que aínda falta experiencia, un dos primeiros cambios que notaron foi moi práctico: “Polas mañás tiñamos moito leite nas camas tirado. Doce horas sen muxido era moito tempo para vacas de alta produción. Cos robots iso nótase moito, porque entran “tres ou catro veces a muxírense. Ese leite tirado non é só perda, tamén é un factor de risco para as camas e, por extensión, para a saúde de ubre. Agora, ese problema tende a reducirse”, destaca.

E, por suposto, está a calidade de vida: “Antes empezabamos ás seis da mañá; co robot non hai esa necesidade de madrugar tanto”, recoñece. Aínda que a rutina de supervisión segue existindo, o robot lles cambiou moito a dependencia dun horario ríxido e abriulles a porta a outro tipo de organización.

 

Tres racións e un obxectivo común

En Lobeiro prepáranse tres carros de comida distintos: un para produtoras, outro para xovencas e un terceiro para secas. A ración das vacas en produción inclúe 16 kg de silo de herba, 20 kg de silo de millo, 3 kg de gran húmido, 11 kg de bagazo de cervexa, 3 kg de colza e 2 kg de penso. Nas xovencas combinan 12 kg de silo de herba, 5 kg de palla e 2 kg de penso adaptado, mentres que as secas van con 9 kg de silo de millo, 4 kg de bagazo, 5 kg de palla e 3 kg de penso.                                                                 

“Facemos as tres mesturas os 365 días do ano; para iso, vénnos o carro de CLUN”, afirma Álvaro. Da mesma cooperativa, contan con diferentes servizos, como o de ADSG, con Andrés Ares. Para as recomendacións de nutrición, en cambio, traballan man a man co asesoramento de Ana Rama, de Seragro.

O protocolo de alimentación para recría está ben definido. Ao nacer, as xatas pasan a boxes individuais para recibir calostro. Segundo explica o gandeiro: “Damos os calostros os tres ou catro primeiros días. Despois, pasan a leite en po ata os 10-12 días e, a partir dese momento, entran na amamantadora”. A desteta final aplícase aos 80 días e pasan a un lote no que xa comen penso e van incorporándose progresivamente á ración das produtoras.


“Facemos tres mesturas os 365 días do ano: unha para produtoras, outra para xovencas e unha terceira para secas”

ana rama
Ana Rama, asesora de Nutrición en Ganadería Lobeiro
“Na ración de produtoras reducimos gran, colza e núcleo, porque unha parte do penso a consomen no propio robot”

Desde cando traballa nesta gandería?

Comecei a traballar en outubro de 2022. Chamáronme porque nese momento tiñan pouca produción e querían incrementala.

En que consiste o seu asesoramento?

En principio, o meu encargo é a nutrición dos animais. Basicamente, consiste en analizar os alimentos que hai na granxa, ver a dispoñibilidade de cada un e compensalo cos alimentos que compramos. Habitualmente, tomo mostras das forraxes e materias primas. Visito a explotación de forma mensual para ver condición corporal, observar as feces —que nos dan moita información de como están dixerindo— e recoller datos de produción e de fertilidade, para avaliar como vai a granxa en xeral.

Que ración están administrando agora e por que se formula así? Que obxectivos perseguen?

Como estamos en pleno cambio a robots, a ración base móvese, aproximadamente, entre 20 e 25 quilos de silo de millo, arredor de 16 quilos de silo de herba e uns 11 quilos de bagazo, ademais de gran húmido producido na propia explotación. A proteína proporcionámola con colza e formulamos un núcleo con minerais e vitaminas.

A diferenza entre sala e robot está nos concentrados: na ración de produtoras reducimos gran, colza e núcleo, porque unha parte do penso a consomen no propio robot. Se no futuro poden separar primíparas de adultas, aí si que habería racións base diferentes, porque os consumos e necesidades non son iguais. Se non se separan, o normal é traballar cunha ración única.

Como está sendo a adaptación ao robot?

Está sendo moi progresiva e tranquila. Os primeiros trinta e pico animais que empezaron a muxirse no robot eran vacas que xa entraban por iniciativa propia a comer, porque había un robot colocado na nave vella con acceso libre. Fixouse unha cantidade de penso e algunhas vacas, por seren máis inquedas, entraron soas. Esas foron as que se trasladaron á nave nova e, como alí xa non había sala de muxido, muxíronse si ou si no robot. Ao estar acostumadas a entrar a comer, adaptáronse moi ben.

Despois foron pasando grupos de cinco en cinco. Ao ver as compañeiras entrar soas, o resto entrou con moita facilidade. A diferenza doutras granxas onde hai que metelas todas de golpe, aquí puideron facelo pouco a pouco. Primeiro, acostumáronse ao penso e, a partir de aí, ao muxido.

Que estratexia deseñou para a adaptación?

O habitual é que os primeiros días consuman moi pouco penso no robot. Por iso, inicialmente, o unifeed mantense igual, sen cambios, mentres a maioría non teña un consumo suficiente no robot. Día a día, a medida que sobe o consumo no robot, vaise retirando concentrado do unifeed, pero, mentres non haxa unha media de 1,5 ou 2 quilos de penso na maioría das vacas, non te podes permitir baixar o concentrado do carro, porque, se non, caería a produción.

Que aspectos pretenden mellorar a partir de agora?

A granxa estaba moi ben antes de empezar. É certo que hai un par de meses baixou algo a produción, pero viñan tendo datos espectaculares. O que si pasou é que as obras duraron máis do previsto, como adoita ocorrer, e iso xera estrés por ruídos e movemento. Neses meses a fertilidade puido baixar un pouco. Agora, esperamos que se recupere, aínda que imos ter un período con menos partos, porque as obras sempre pasan factura nas vacas. 

andrés ares
Andrés Ares, veterinario e responsable da ADSG CLUN Melide na que está integrada Ganadería Lobeiro
“Estamos facendo especial fincapé en minimizar riscos para manter o estado sanitario da explotación o máis óptimo posible”

En que consiste o seu asesoramento en Ganadería Lobeiro?

O noso traballo aquí é levar a cabo e desenvolver, dentro da ADSG, o programa sanitario. Trátase dun control preventivo no que traballamos, principalmente, sobre catro enfermidades: IBR, BVD, paratuberculose e neospora. Para iso, realizamos distintas actuacións ao longo do ano, baseadas en mostraxes e cheques, tanto en leite de tanque como en seroloxía, ademais do control de parasitos mediante análise de feces para poder orientar as desparasitacións e axustalas ás campañas correspondentes. A idea é dirixir mellor o manexo e evitar tratamentos innecesarios ou mal formulados.

Que valor engadido achega a ADSG en relación coa entrada de animais novos?

Un dos valores engadidos é o sangrado de novas incorporacións, é dicir, de calquera animal que se compra e entra na explotación. No caso de Ganadería Lobeiro, isto é especialmente relevante porque desde hai tempo traballan sobre a súa propia recría e non incorporan animais comprados. Iso é unha vantaxe moi grande á hora de minimizar a entrada de enfermidades na explotación. Aínda así, o protocolo de control de incorporacións existe e é unha ferramenta clave cando se necesita.

Se xorde un problema sanitario ou unha alerta durante o ano, como se actúa?

A filosofía é preventiva, pero, se hai algún problema ou algunha alerta ao longo do ano, actúase de forma inmediata para intentar resolvelo canto antes. Ter un programa estruturado e datos periódicos axuda a detectar cambios, a intervir e a tomar decisións con rapidez.

Que importancia lle dan á bioseguridade?

A bioseguridade é un dos piares fundamentais para controlar enfermidades e evitar que entren nas explotacións. O sector cambiou: as granxas son máis grandes e hoxe hai moitas máis visitas, tanto de técnicos como de comerciais, ademais de xente que vén comprar gando ou realizar traballos. Nese contexto, a bioseguridade é imprescindible. Estamos facendo especial fincapé en minimizar riscos para manter o estado sanitario da explotación o máis óptimo posible.

Como foi a evolución sanitaria de Ganadería Lobeiro nos últimos anos?

Hai que ter en conta que, ao principio, cando non se contaba cunha base epidemiolóxica nin con datos suficientes, foron aparecendo enfermidades. Co paso do tempo, e cunha política firme de erradicación e mellora, foron controlándose. O obxectivo final do programa e do traballo da ADSG é que a explotación poida estar cualificada sanitariamente ao maior nivel posible. Nese sentido, a evolución foi moi boa.

Máis alá das enfermidades do programa, que recomendacións trasladan ante riscos emerxentes?

Aínda que non sexa un traballo directo noso, intentamos aportar pautas de asesoramento e control en relación con enfermidades emerxentes como a lingua azul, a enfermidade hemorráxica ou a dermatose nodular. Ao seren patoloxías transmitidas por vectores, insistimos moito na limpeza e desinfección do conxunto do establo e, en épocas de máximo risco, en realizar campañas intensas de desinsectación e control de insectos: moscas, carrachas e outros vectores.

Ata que punto é necesario contar con programas como os das ADSG?

Considero que a función das ADSG é primordial, porque traballamos desde a prevención e o control. Cantos máis datos teñamos —seroloxías, leite de tanque e seguimento das enfermidades do programa—, máis claro queda o estado sanitario dunha explotación e mellor se pode actuar. Ademais, Galicia é un exemplo neste ámbito. O seu status sanitario é alto, en parte porque contamos con laboratorios de referencia que garanten un bo funcionamento das probas. A Administración tamén entende que é necesario e, desde o punto de vista técnico, reivindicamos que se sigan apoiando as ADSG para manter e mellorar o control do gando.

Que achega a coordinación coa Administración neste contexto?

A coordinación e o fluxo de información son unha garantía. Aínda que moitas das novas enfermidades non sexan competencia directa das ADSG, a información que trasladamos e a coordinación coa Administración axudan a que se actúe mellor. Canta máis coordinación e máis datos haxa, máis posibilidades temos de que Galicia siga gozando dun status sanitario alto, tanto nas enfermidades do programa das ADSG como nas campañas oficiais de saneamento.

 

90 hectáreas nun raio de tres quilómetros

A gandería dispón dunhas 90 hectáreas, das cales arredor de 25 son en propiedade e o resto arrendadas. A maioría están nun raio duns 3,5 km, o que facilita a loxística e reduce tempos.

Os cultivos principais son dous: herba e millo. Traballan, sobre todo, con raigrás inglés e intentan manter rotacións, aínda que nos últimos dous anos concentraron arredor de 60 hectáreas en millo e o resto queda con herba ou en descanso.

Da herba fan un corte e vai todo para silo. Do millo, arredor de 40 hectáreas destínanse a silo, e o resto a gran húmido, que preparan en “salchichas”. O seu obxectivo coa elaboración do gran húmido é claro: reducir custos de alimentación. “Os compoñentes que xa achega o gran húmido os teriamos que compensar nos pensos e así aforramos custos”, detalla.

Un punto diferenciador é que non teñen maquinaria propia: “Contratamos todos os traballos de campo con empresas externas. Nós centrámonos no manexo e o control do rabaño”, matiza.


“Xenotipar é adiantarse ao futuro, saber con moita fiabilidade que animais vas ter e en cales PAGA a pena investir”

Xenética orientada ao muxido con robots

Para a reprodución do seu rabaño, inseminan ás xovencas arredor dos 13 meses, tendo en conta a súa idade e a súa altura. “Antes faciámolo máis tarde, pero agora, co uso do seme sexado, que proporciona unha mellor facilidade de parto, adiantámolo”, concreta Álvaro.

Usan sexado na primeira e segunda inseminación das xovencas e naquelas vacas de alto valor. No resto, utilizan seme convencional e en animais de descarte ou con repetición de inseminacións recorren a azul belga. Os machos e cruzamentos véndenos cuns 30 días.

Un salto importante na selección xenética do seu rabaño foi o xenotipado, que levan facendo arredor de tres anos. Así, hoxe, teñen todo o rabaño xenotipado. “No momento de pasar á amamantadora, tomamos mostra de cartilaxe e con iso fáiselles a proba. Xenotipar é adiantarse ao futuro, saber con moita fiabilidade que animais vas ter e en cales paga a pena investir”, resume.

En touros, a liña é conservadora, pois decántanse principalmente por probados, e, tras a robotización do muxido, hai tres parámetros nos que poñen o foco: ubres, colocación de tetos e velocidade de muxido. “Se queres sacarlles o máximo proveito ás vacas no robot, eses tres caracteres son moi importantes”, considera.


“Somos dos poucos sectores que non sabe o que vai cobrar a final de mes”

Venda do leite a Clun

A comercialización do leite faise a través de CLUN. Álvaro fala con naturalidade de cifras: “Estamos nunha media de 75.000 ou 76.000 euros ao mes”. O prezo final do leite está arredor de 52 céntimos, aínda que insiste na volatilidade: “Somos dos poucos sectores que non sabe o que vai cobrar a final de mes”.

No plano técnico, o reto é o habitual: aumentar produción sen perder sólidos. “Se tes moitos quilos, as calidades son máis difíciles de conseguir. Por iso, o obxectivo é seguir subindo en litros e, en paralelo, buscar ferramentas en alimentación e manexo para manter ou mellorar graxa e proteína”, admite.

 

A granxa de porcos: unha segunda pata para repartir riscos

En 2018 decidiron abrir unha vía paralela ao leite co porcino de ceba. A motivación era estratéxica: “Quixemos buscar outro gremio paralelo ao das vacas, porque nunca se sabe o que pode pasar. Podes atoparte con algún problema, un baleiro sanitario”. Hoxe teñen 1.200 prazas e un proxecto para construír unha segunda nave de 1.400 prazas ao lado da existente.

O sistema é o habitual traballando con integradoras. “Entran porcos con 12-15 kg e saen ao matadoiro aos catro meses e unha semana, cun peso medio de 120-122 kg”, explica Álvaro. Deste xeito, chegan a facer arredor de 3,8 camadas ao ano. Segundo nos comenta o coruñés: “A integradora achega penso e medicamentos cando fai falta; a granxa pon instalacións, traballo e manexo diario”. Entre camadas fan baleiro sanitario e limpeza e desinfección completa.

Ademais do ingreso, Álvaro destaca un beneficio agronómico: “O xurro do porcino, xunto co das vacas, é unha axuda importante como fertilizante, o que reduce a compra de minerais e pecha un pouco máis o ciclo na base territorial”.

Consolidar a organización e deixar a porta aberta

No curto prazo, Ganadería Lobeiro está nun momento de reordenación interna, no que definirán ben a distribución final dos lotes e da recría para estabilizar o traballo dos dous robots ao 100 % e consolidar rutinas que hoxe están en proceso. “Deixaremos dous lotes de recría na parte máis antiga, os dous lotes de muxido nas zonas centrais cos robots e, no extremo das instalacións novas, as secas e as xovencas próximas ao parto cun acceso ao exterior para aportarlles maior benestar”, enumera.

A punto de terminar as obras de ampliación e co muxido robotizado xa en marcha, a idea é estabilizarse en torno ás 120 vacas en produción, pero Álvaro tamén admite que co futuro nunca se sabe: “Sempre que se fixo unha obra aquí, recordo dicir a frase ‘agora si que vai para sempre’ e pasaban cinco ou seis anos e volviamos aumentar. Se as cousas van ben, nun prazo de anos, podería entrar un terceiro robot”.

Sobre o sector, Álvaro ve posibilidades de vivir da gandería como de calquera traballo, pero preocúpalle a inestabilidade dos prezos, a presión da burocracia e o peche constante de explotacións. Precisamente por iso, aposta por un modelo con cimentos sólidos: instalacións adaptadas, base territorial suficiente, xenética para robot e unha diversificación que lle dá certo colchón.

Ao final, o que está facendo Álvaro ao volver á casa non é repetir o camiño dos seus pais, é coller as rendas da mesma gandería, pero poñela a xogar noutra liga de tecnoloxía, datos e eficiencia, sen perder o que a fixo viable ata aquí: a cultura do traballo e do coidado do detalle.