A cooperativa Aira acaba de pór en funcionamento unha planta fotovoltaica na súa fábrica de pensos de Taboada (Lugo), que lle permitirá xerar enerxía para abastecer un 10 % da demanda eléctrica desta industria, cun aforro estimado de 18.000 euros anuais. Trátase da primeira grande aposta desta cooperativa agroalimentaria polas enerxías limpas, a sustentabilidade e a redución da dependencia enerxética, para o que confiou na experiencia de Voltfer, empresa do vigués Grupo Alvariño especializada en solucións en enerxías renovables para particulares e empresas.
O director xeral de Aira, Daniel Ferreiro, explicou que esta instalación, que se suma a outra de 100 kW na delegación de Aira en Chantada, “é unha mostra da aposta de Aira pola eficiencia enerxética e as enerxías renovables, un compromiso no que seguimos avanzando con novos proxectos”. Neste sentido, subliñou “a importancia das liñas de axudas postas en marcha polo Inega para financiar proxectos de eficiencia enerxética en empresas do sector primario, da que se beneficiou esta instalación”.