A XLII edición da Mostra e Exposición de Muimenta (Moexmu) xa ten pregoneiro. César Álvarez Fernández, presidente da Fundación de Mostras de Vegadeo e alcalde deste municipio asturiano, será o encargado de ofrecer as palabras de benvida neste evento lucense, que se celebrará os días 10, 11 e 12 de abril.
Deste xeito, a organización da Moexmu quere mostrar o seu recoñecemento á Feira de Mostras de Vegadeo, considerada un referente no sector. Este evento iniciouse en 1964 e neste 2025 celebrou a súa sexaxésima edición.
A Feira de Vegadeo é un punto de encontro para a gandaría, a maquinaria agrícola e forestal e a industria. Nos últimos anos tamén evolucionou cara a outros sectores, como a artesanía, a agroalimentación, os servizos, o lecer e a cultura.
César Álvarez (Vegadeo, 1975) é profesor, emprendedor e dinamizador sociocultural. Desde 2015 é alcalde de Vegadeo.
Esta elección culminará a homenaxe da Moexmu ás súas feiras de referencia, despois de que en 2025 Ricardo José Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, lese o pregón, en recoñecemento ao evento celebrado en Silleda.
Ademais dos eventos habituais, na edición de 2026 da Moexmu celebrarase o 34.º Concurso Autonómico de Gando Frisón.