Vaca Pinta 20, xa dispoñible en galego!

Acabada de saír do forno e de camiño aos fogares dos nosos lectores. Ese é o estado actual da nova edición de Vaca Pinta, que xa podedes consultar en galego na hemeroteca desta web.

Entre outros contidos, en Vaca Pinta 20 ofrecémosvos un ‘Especial africores’ con motivo da renovación dos órganos de goberno de Africor Lugo, Africor Coruña e Africor Pontevedra. Achegámonos ás explotacións dos tres novos presidentes e conversamos con eles acerca das expectativas e os retos cos que asumen os seus respectivos mandatos. Este número de outono tamén inclúe o habitual especial sobre recría, que debullamos máis abaixo, unha reportaxe sobre a gandería do expresidente de Afriza Jorge Hernández e outros temas que detallamos a continuación.

ENTREVISTA

Falamos con José Luis Benedito, que desde o pasado 11 de agosto ocupa a presidencia do Colexio de Veterinarios de Lugo, sobre as bases da súa candidatura e as perspectivas de traballo no sector veterinario con todo o planeta en alerta pola covid-19.

ESPECIAL: RECRÍA

Román González, da SAT Prolesa, abre o dossier cun artigo sobre os mecanismos de monitorización e control nas principais fases da recría, con especial atención á etapa lactante e á desteta. Nas seguintes páxinas, a investigadora do IRTA Marta Terré propón un manual práctico para o manexo do calostro e, a continuación, a veterinaria Laura Molina pon o foco no procedemento de desmochado/descornado, atendendo ás pautas para facelo de forma adecuada, de xeito que se respecte o benestar animal e se cuantifique o beneficio económico de forma sinxela e palpable. Completamos o especial cun artigo asinado polo veterinario de Virbac José Luis Vázquez sobre prevención e manexo das diarreas neonatais.

ALIMENTACIÓN

Javier López, de Kemin Industries, presenta un estudo sobre os métodos de avaliación de produtos ruminalmente protexidos e Luis Cardo, de Qualivet Evonik, afonda no papel da metionina protexida ruminalmente de cara a mellorar a produción e a saúde da vaca de leite.

SAÚDE ANIMAL, SAÚDE PODAL E MANEXO

Na sección de ‘Saúde Animal’ recollemos un artigo sobre a queratoconxuntivite infecciosa bovina, as súas causas, os factores que contribúen á súa expansión e algunhas recomendacións para controlala e para previla, o cal asina o técnico de ruminantes de Laboratorios Syva Raúl Martínez.

Na sección de ‘Saúde Podal’, Daniel Zalduenzo e Adrián González, de ANKA, falan da aplicación de conceptos médicos xerais de prevención en saúde podal segundo as bases establecidas por Wirchow.

E, finalmente, na sección de ‘Manexo’, Alberto Jurado e Gema Moyano, responsables de Instalacións Gandeiras e Calidade de Leite na Covap, respectivamente, reflexionan sobre os aspectos a ter en conta para acadar o éxito na súa tarefa como asesores en calidade de leite.

OUTROS CONTIDOS

O noso colega e colaborador Xoán Ramón Alvite asina un artigo de opinión que leva por título O Acordo para a sostibilidade do sector, só a medias, e na sección de ‘Actualidade’ facemos un repaso do que deu de si a primeira edición dixital da Space, debido á pandemia da covid-19.