Vaca Pinta 18, tamén dispoñible en galego

Tan só uns días despois do seu lanzamento en castelán, xa podedes consultar na hemeroteca de vacapinta.com a edición en galego de Vaca Pinta 18, a revista técnica do vacún leiteiro. No interior deste número estival atoparedes un especial sobre calidade do leite e muxido; unha reportaxe da explotación asturiana Casa Roxo, liderada polo xuíz nacional da raza frisona Javier Freije; os resultados das últimas avaliacións xenéticas de Conafe; dous artigos de opinión asinados polos veterinarios Xabier Bermúdez e Francisco Javier Rojo, e moitos máis contidos que debullamos a continuación.

ESPECIAL: CALIDADE DO LEITE E MUXIDO

Damos inicio ao dossier co Traballo de Fin de Grao do veterinario Elio López, centrado na evolución das melloras produtivas e reprodutivas derivadas da implantación do robot de muxido nunha vintena de granxas galegas. O segundo artigo asínao a directora técnica do Ligal, María Luisa Barreal, e nel exponse o protocolo que seguen neste laboratorio para a detección de residuos de antibióticos en leite cru de vaca. “A calidade do imprescindible” é o título do terceiro e último artigo do especial, asínao o veterinario de Seragro José Luís Míguez e nel revísanse algúns dos factores coñecidos que máis inflúen na saúde de ubre e analízanse algunhas prácticas de manexo.

MANEXO E ZONA WELFARE

Na sección de Manexo Israel Flamenbaum (Cow Cooling Solutions) presenta os resultados dunha enquisa sobre o uso do índice de relación verán-inverno no rendemento das vacas leiteiras en diferentes rexións de EE. UU.

Pola súa banda, Marcello Guadagnini (Elanco) aborda o problema das moscas nos rabaños de vacas leiteiras para mellorar o seu benestar e a súa rendibilidade.

Na sección de Zona Welfare, varios investigadores de distintas áreas de coñecemento da USC, da Universidade Sueca de Ciencias Agrícolas e do Servizo de Gandería de Lugo (Xunta de Galicia) asinan un artigo sobre os principais aspectos do comportamento social do gando vacún en relación co seu benestar.

INVESTIGACIÓN

Nun contexto global onde o respecto polo medio ambiente adquire cada vez máis relevancia, o noso colaborador Antonio Jiménez (Ceva Salud Animal) argumenta por que a inclusión de lácteos ou carne de vacún na dieta non aumenta a nosa pegada de carbono persoal.

ALIMENTACIÓN, ECONOMÍA E SAÚDE PODAL

No apartado de Alimentación deste número, o especialista en nutrición Adrián González pon o foco no emprego de ácidos graxos en vacas de leite para camiñar cara á alimentación de precisión.

Manuel Fernández, veterinario da Coop. Central de Frades, analiza, na sección de Economía, como calcular os custos ocultos das granxas, tanto os relacionados coa conta de resultados coma os relacionados cos custos de oportunidade.

Por outra banda, na sección de Saúde Podal o socio da APPB Javier Sáez céntrase no manexo e nas instalacións que poden mellorar a saúde podal do rabaño.

FORMACIÓN

Pensando xa no próximo curso académico, facemos un repaso da oferta formativa da rama agraria que ofrecen os principais centros de formación da cornixa cantábrica, os cales tratan de adaptarse ao contexto social, económico, territorial e ambiental de cada zona.

ACTUALIDADE E DISTINCIÓNS

Na sección de Actualidade facemos un resumo do que deu de si o encontro virtual entre representantes dos sectores lácteos de Galicia e Israel co obxectivo de intercambiar experiencias dos dous países relativas a como se afrontou a crise da covid-19 e como lle afectou ao traballo diario e nos resultados das explotacións.

En Vaca Pinta 18 recollemos tamén as listas de distincións de Fefriga ao traballo dos mellores criadores galegos.