Vaca Pinta 16, tamén dispoñible en castelán

A semana pasada anunciabamos a publicación do número anual que Vaca Pinta lle dedica ao cultivo do millo forraxeiro e hoxe, a pesar de que seguimos en circunstancias parecidas pola persistencia da pandemia do Covid-19, facemos o propio coa edición en castelán da revista, que xa podedes consultar na hemeroteca desta web.

ESPECIAL: SEMENTEIRA DO MILLO FORRAXEIRO

O especial inclúe varios artigos asinados por expertos na materia –que detallaremos máis adiante–, unha serie de recomendacións prácticas ofrecidas por técnicos de casas comerciais e de empresas distribuidoras de sementes de millo e de fertilizantes e enfocadas á consecución de producións óptimas, así coma unha entrevista en profundidade con Jesús María Mangado, investigador do Instituto Navarro de Tecnoloxías e Infraestruturas Agroalimentarias (INTIA) e un dos precursores da creación da Rede de avaliación de variedades de millo forraxeiro.

Como é habitual, entre os artigos técnicos figuran os resultados das avaliacións de variedades comerciais de millo forraxeiro en Galicia, Asturias e Navarra, realizadas por investigadores do CIAM, do Serida e do INTIA, respectivamente.

O enxeñeiro agrónomo Gustavo García (Limagrain Ibérica) presenta un estudo acerca da elección do millo máis adecuado segundo o tipo de gandería ou a dieta da explotación, mentres que o seu homónimo Pablo Amado (Dekalb) fai o propio cun traballo sobre os novos parámetros de calidade que se están analizando nos silos de millo.

Os investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (USC) Adolfo López e Miguel Fernández poñen o foco no coñecemento e na conservación do chan como capital produtivo insubstituíble da explotación.

Completa o especial un artigo sobre a xestión integrada de pragas en millo forraxeiro en Galicia, elaborado polo Servizo de Sanidade e Produción Vexetal, o CIAM e o FOGGA, todos pertencentes á Consellería do Medio Rural.

ENTREVISTAS

En Vaca Pinta 16 recollemos senllas entrevistas feitas durante a FIMA a dous grandes coñecedores do sector: o xornalista César Lumbreras e o catedrático emérito da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e asesor de Figan Carlos Buxadé.

MANEXO E SAÚDE PODAL

Na sección de ‘Manexo’ publicamos a primeira parte dun estudo elaborado polo profesor Israel Flamenbaum sobre os efectos do estrés por calor e o arrefriamento das vacas na economía da granxa leiteira. Na de ‘Saúde podal’ fálase, esta vez, de dermatite dixital e baño de pezuños.

OUTROS CONTIDOS

Na sección de ‘Actualidade’ recollemos, entre outras novas, unha ampla reportaxe da Xornada Técnica de Africor Lugo, que este ano se centrou na xestión de datos.

Por outra banda, a granxa protagonista deste número é Loma de La Copada, de Pozoblanco (Córdoba), gañadora de varios dos grandes títulos dos últimos certames morfolóxicos celebrados na provincia.

E falando de concursos, en ‘A pé de pista’ atoparedes os resultados do que tivo lugar en Trofa (Portugal) a principios de mes, así como as cotizacións das poxas de Ordes (A Coruña) e Chantada (Lugo).

Na sección de ‘Opinión’ contamos coa firma de Albert Poch, de Redi Abogados, e na de ‘En Vaca TV’ atoparedes algúns dos novos contidos dispoñibles na nosa canle de televisión on-line, como a cerimonia de entrega do Premio Aresa e unha xornada de formación organizada por Inatega.