¡Vaca Pinta 11, xa en castelán!

Tras a publicación da edición en galego a semana pasada, xa podedes consultar o número 11 de Vaca Pinta en castelán na hemeroteca desta web. Entre os contidos deste número de verán destacan un especial sobre calidade do leite e muxido; unha ampla cobertura sobre a celebración do Congreso de Anembe en Sevilla; os resultados dos concursos morfolóxicos de San Miguel (Azores), Asturias, Renedo e Treceño (Cantabria), as reportaxes das explotacións Planillo Holstein, de Navarra, e Son Vives, de Menorca, e a inauguración da sección `Patas para arriba´, un espazo de colaboración coa Asociación de Profesionais de Podoloxía Bovina (APPB) dedicado ao coidado dos pezuños e á saúde podal.

O dossier de `Calidade do leite e muxido´ integra tres artigos asinados, respectivamente, por Manuel Cerviño e Pilar Folch (Boehringer-Ingelheim Animal Health España) –sobre RCS, a súa utilidade no diagnóstico e o secado selectivo–, J. M. Díaz (estudante da USC) e Yolanda Trillo (Lely) –acerca da evolución da tecnoloxía nas granxas robotizadas– e José Manuel Pereira e Ángel Castro (USC) –sobre tipoloxías e estrutura de explotacións leiteiras con sistema de muxido robotizado no norte de España e grao de satisfacción–.

Na sección de `Manexo´ publícase un novo artigo de Israel Flamenbaum sobre o uso do índice da relación verán/inverno para definir establos eficientes contra o estrés calórico. Ademais, Manolo Liz (Servizos Veterinarios da Pontenova, Servepo) reflexiona sobre os principais motivos de recriar na granxa e propón algunhas solucións para conseguir animais máis eficientes e lograr máis beneficios na produción de leite. Os enxeñeiros agrónomos Francesc Oliva e José Luis Sánchez (GEA Farm Technologies Ibérica) abordan unha das solucións dispoñibles no mercado para a xestión de xurros, a separación de sólidos e a súa conversión nun produto compostado e hixienizado para o seu uso en camas máis confortables.

En `Investigación´, Cristina Castillo, José Luis Benedito e Joaquín Hernández, do departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria da USC, poñen o foco nos beneficios que a carne de vacún achega á nutrición humana, baseándose nas súas características nutricionais, incluídas as propiedades antioxidantes que se poden fornecer coa alimentación en condicións intensivas.

O apartado de `Formación´ contén un texto con dúas entrevistas aos directores dos dous centros de referencia en formación agraria da cornixa cantábrica como son Luís García (Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa) e Elsa Carbonell (IES Luces). A continuación inclúese un artigo de Luís García sobre a estadía dun grupo de 21 estudantes do CFGM de Produción Agropecuaria á rexión francesa de Borgoña, unha experiencia de tres semanas que lles brindou a oportunidade de mellorar as súas competencias e tomar nota do modelo agrario francés.

Vaca Pinta 11 tamén se fai eco das distincións honoríficas Fefriga 2018 e contén un artigo de opinión coa firma de Marcos Vázquez, labrador de Láncara (Lugo) e doctorando da Universidade de Santiago de Compostela.