Santiago de Compostela acolleu esta mañá a entrega dos galardóns á excelencia da calidade hixiénico-sanitaria de produtores de leite cru de vaca de Galicia, coñecidos como premios Exceleite.
O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu o acto e puxo en valor os produtos do agro en xeral e o leite en particular, “temos a mellor materia prima”, matizou, e engadiu que esa calidade -máis que recoñecida- vén avalada polo traballo e seriedade dos gandeiros nas explotacións. Un traballo, dixo, que está reforzado coa actuación dos técnicos, dos veterinarios e de todo o persoal que asesora aos produtores, incluíndo tamén a industria e a distribución.
Terceira edición
Estes premios teñen como finalidade recoñecer aos gandeiros máis comprometidos co seu traballo e, polo tanto, coa calidade do leite que producen nas súas explotacións. Así, estes galardóns distinguen ás granxas en tres categorías en función do seu tamaño (pequenas, medianas e grandes) e, á súa vez, estas subdivídense en tres grupos segundo o sistema de produción (intensivo, semiextensivo ou extensivo). Tamén se recoñecen de xeito específico as mellores explotacións ecolóxicas.
A estes premios optaron todas as explotacións leiteiras de gando vacún de Galicia que realizan os seus autocontrois de calidade no Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e que estiveran dadas de alta no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi) e, no caso das ecolóxicas, no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Polo tanto, os gañadores pasaron uns controis serios e rigorosos levados a cabo por profesionais do Ligal, veterinarios e técnicos da Consellería, e que dan mostra do comprometidos que están coa calidade do seu produto.
Gañadores dos premios Exceleite 2019
