GRANXA GRIXEIRA. COSPEITO (LUGO)

Unha gandería brillante: tecnoloxía, sostibilidade e gusto polos detalles

Esta granxa brilla especialmente no mes de decembro grazas á decoración de Nadal, pero, cando as luces de cores se apagan, segue destacando polo bo facer de Zeltia e de Pepe, dous gandeiros que apostaron desde moi novos por este sector e que agora aseguran que non hai futuro sen as novas tecnoloxías e sen ser capaces de adaptarse ás esixencias medioambientais do mercado e da sociedade. Máis en Vaca Pinta 56.

GRANXA GRIXEIRA. COSPEITO (LUGO)

Localización: Cospeito (Lugo)

Propietarios: Pepe García e Zeltia González

N.º total de animais: 280

Vacas en muxidura: 160

Media de produción: 37 l/vaca/día

Porcentaxe de graxa: 4,20 %

Porcentaxe de proteína: 3,50 %

Venda do leite: Entrepinares

Son moitos os negocios que no Nadal se adornan con detalles, agasallos e luces de diferentes cores, pero non é tan habitual ver este tipo de decoracións nas ganderías de leite. Por que non?

Granxa Grixeira saíu do rutineiro hai xa uns cantos anos e cada decembro resulta moi rechamante pasar pola estrada que rodea as súas instalacións. Unha enorme árbore creada con luces preside a súa entrada e dálles a benvida a todos os visitantes dunha maneira cálida e diferente.

Todo comezou grazas a Aldara e Antía, as fillas dos propietarios, Pepe García e Zeltia González, que “tiraron un pouco de nós para facer algo divertido, como din elas”. Na súa aldea, segundo conta Zeltia, quedan poucos veciños e calquera iniciativa convértese en algo positivo e dinamizador.

A tradición mantense desde aquel primeiro ano e cada decembro volven montar a árbore con luces. “Como quedou bonito e gustou moito, seguimos co bo costume”, asegura. Iso si, cada Nadal reinvéntanse e engaden algunha novidade: “Este ano optamos pola diversidade de cores das nosas vacas: unha negra, unha branca e unha marrón”, detalla.

A gandeira recoñece que lle produce satisfacción ver como a xente se achega a comprobar o seu traballo e como, dalgún modo, contribúen a darlle vida á contorna.

Aínda así, detrás desta decoración do Nadal hai unha reflexión máis profunda: a necesidade de mellorar a imaxe da gandería.

Zeltia considera que, igual que en calquera outro ámbito, a imaxe conta, e que iniciativas coma esta axudan a afastar prexuízos. “A xente tende a pensar que o campo é sucio ou que cheira mal, cando en realidade hai moito coidado e respecto polo benestar animal”, explica.

Amosar ese lado máis amable e coidado é, para ela, unha forma de achegar o sector á sociedade e conseguir que, cando alguén vexa de onde sae o leite, lle apeteza máis consumilo. Neste sentido, están sempre abertos a visitas e a colaboracións, por exemplo, con diferentes colexios nas que amosan a realidade do lácteo.

Por iso, o coidado das instalacións da gandería non só se manifesta nesta época do ano, senón que en Granxa Grixeira manteñen durante os doce meses unha atención especial pola decoración, os xardíns e a presenza visual do seu negocio.


“A xente tende a pensar que o campo é sucio ou que cheira mal, cando en realidade hai moito coidado e respecto polo benestar animal”

Un proxecto de vida

Esta forma de implicarse co seu non é de agora; vén de moito máis atrás, de hai uns catorce ou quince anos, momento no que Pepe e Zeltia decidiron formar un proxecto de vida en común arredor da gandería que iniciara a familia del.

Os avós de Pepe afrontaron o negocio das vacas de leite nos tempos da colonización, cando o Instituto Nacional de Colonización e Desenvolvemento lles concedeu unha propiedade que incluía unhas pequenas naves para o gando. “Por aquel entón todos comezaban con pouquiños animais, foron medrando pouco a pouco e foi o pai de Pepe, Rubén, quen acometeu os grandes cambios”, lembra Zeltia.

Tras varias ampliacións, pasaron de estabulación atada a estabulación libre e foron dando pequenos pasos ata que, polo ano 2018, tanto Rubén como a súa muller Mari se achegaban á idade de xubilación. Era o momento de tomar unha decisión.

Pepe, que estudou dous ciclos formativos ligados a este mundo, un de explotacións agrícolas e outro de produtos lácteos, probou sorte traballando por conta allea en varias empresas de maquinaria e de transportes, pero, finalmente, sempre estivo vencellado á granxa, porque na gandería traballo                                                             sempre había. “E o que si tivo moi claro desde sempre —subliña Zeltia— é que os seus pais merecían descansar cando lles chegase a idade de xubilación, porque xa traballaran bastante”.

Pola súa parte, Zeltia pensara en dedicarse á enfermería, pero “como Pepe xa andaba coa idea de quedar na gandería”, decidiu cambiar e decantouse por unha enxeñería agrícola.

Ao rematar os estudos, ambos incorporáronse á que por aquel entón se chamaba Gandería Rubén e, finalmente, en 2018 deron forma a Granxa Grixeira, unha gandería de produción leiteira na que buscan “ser o máis autónomos posible, garantir o máximo benestar animal e persoal, e acadar o maior dos rendementos”.


“Buscamos ser o máis autónomos posible, garantir o máximo benestar animal e persoal, e acadar o maior dos rendementos”

Instalacións e lotes

Actualmente, suman un total de 280 animais que distribúen en tres naves, dúas delas propias e unha alugada. A nave de produción está formada pola parte antiga da gandería e a súa ampliación, e nela descansan tres lotes de produtoras: as primíparas, as de segundo parto e as vacas adultas de tres partos ou máis. “En cada un destes lotes temos un robot de muxido e intentamos que nunca superen os 60 animais”, apunta Zeltia.

Noutra das naves propias manteñen a amamantadora e a recría máis nova, e na alugada, o resto da recría. Ademais, contan cunha instalación, a uns 600 metros, que dedican a almacén de forraxes e de maquinaria.

As vacas de produción descansan sobre camas de area, que “se limpan dúas veces ao día e se renovan cada sete ou dez días”, sinala a gandeira, mentres que as secas e a recría teñen camas de palla ás que se lles pasa unha encamadora cada dous días.

“A area parécenos o material máis óptimo por comodidade e hixiene, e coa palla aproveitamos o esterco e resulta un manexo cómodo”, matiza.

Por un lado, os comedeiros están recubertos de aceiro, formigón ou azulexo, dependendo da zona, pero todo co mesmo obxectivo: manter o alimento dos animais nas mellores condicións e sen que se quente. Por outro, os bebedoiros son todos de aceiro e de volteo, excepto os da amamantadora, que se limpan polo fondo para facilitar a tarefa. Adoitan limpar os das xatas e xovencas cada dous días, cando encaman, e os de produción, acotío.

Para o benestar animal, instalaron cepillos rascadores en todos os lotes de produción e na nodriza. “Nos lotes de recría non temos, porque necesitamos buscar a colocación ideal para que non dificulten a limpeza diaria”, comenta Zeltia.

Tamén incorporaron na nave máis antiga, onde está o lote de vacas adultas, ventiladores e duchas para combater o estrés por calor. “A nave de uralita, máis pechada, acumula moito máis a calor e o ambiente é máis cálido e cargado, algo que as vacas notaban e sufrían”, admite.

A limpeza dos corredores realízana con arrobadeiras automáticas, a maioría por cable e outras hidráulicas, que pasan con moita frecuencia para manter os patios o máis limpos e secos posible. Todo o esterco acumúlase en seis fosas de purín, catro delas cubertas, cunha capacidade total de 3.330 m3.

Algo curioso desta gandería lucense é que organizan o seu rabaño en moitos lotes con poucos animais: “A día de hoxe debemos ter uns 15 ou 16 lotes”. Desde que as xatas saen dos boxes individuais, aos sete ou oito días, pasan á amamantadora, onde hai dous lotes, e desde que se destetan, aos 70 días aproximadamente, permanecen en cada un dos seus grupos ata que se incorporan á produción. “Procuramos non mesturalas e que vaian sempre xuntas para que non exista competencia entre elas e evitarlles o estrés de andar cambiando de grupo”, aclara Zeltia.


“Cos robots non temos que estar tan pendentes do reloxo, que era algo que che angustiaba os 365 días do ano”

Automatización pensada para as persoas

Ata o ano 2019, en Granxa Grixeira muxían as vacas nunha sala en espiña de peixe de 10 puntos, pero “o muxido levábanos moito tempo” e comezaron a pensar nun cambio de sala.

Entón, a idea dos robots nin se lles pasaba pola cabeza, ata que visitaron unha gandería na que dous matrimonios xa se decantaran por robotizar o muxido dos seus animais e lles dixeron: “Pero pensastes ben o que estades buscando? No ano 2020 ides metervos noutra sala?”.

Zeltia recoñece que aquela pregunta lle quedou gravada na memoria e que lle propuxo a Pepe pensalo ben antes de tomar unha decisión: “Aqueles gandeiros abríronme os ollos e hoxe en día estou moi contenta de ter cambiado de idea”.

Lembran o primeiro ano como un tempo de adaptación, tanto para os animais como para eles e os seus traballadores, porque cualifican as tarefas como “completamente distintas”, pero, pasado un tempo, este sistema “permite facer moito máis en moitas menos horas”.

Aumentaron o número de muxidos ata acadar unha media de 3,5 ao día; as vacas están moito máis tranquilas, porque “cada unha fai un pouco o que lle parece: unhas están tombadas, outras pasean e outras están comendo”, e as persoas teñen outra calidade de vida e de traballo.

“Nós non temos que estar tan pendentes do reloxo, que era algo que che angustiaba os 365 días do ano. Agora, se non chegas ás seis, chegas ás oito ou ás dez, e non pasa absolutamente nada, porque, ao mellor, só tes un atraso dalgunha vaca á que non lle deu a gana de entrar a muxirse”, valora Zeltia.

A chegada dos robots marcou o inicio dun proceso de automatización máis amplo nesta gandería. Xunto a eles incorporaron os colares de actividade, un empuxador automático de alimento e unha amamantadora para a recría.

Os colares facilítanlles o control de todo o rabaño, especialmente da recría.

Axúdannos sobre todo a detectar os celos e tamén a ver se algunha vaca baixa de produción ou de actividade”, concreta a gandeira.

O empuxador, aínda que era unha solución que non tiñan prevista inicialmente, resultou clave: “Como as vacas non estaban afeitas a levantarse de noite para ir ao muxido, vimos necesario poñer algo que mantivese a comida sempre preto e as estimulase a moverse cara ao robot”.

E, por último, a incorporación da amamantadora automática para a alimentación das xatas completou un sistema que non só mellora a eficiencia e a comodidade do traballo diario, senón tamén o benestar dos animais e a conciliación familiar.


 Levan anos vendendo herba seca e bólas de silo a outras ganderías como un extra do negocio

Fases de alimentación

O proceso de alimentación das súas xatas e xovencas estrutúrase en varias fases. “As xatas acabadas de nacer toman o costro, o leite da nai, durante uns catro días”, indica Zeltia. Entre o quinto e o sexto día van mesturando o leite da amamantadora co da nai para que “ao décimo día poidan pasar á amamantadora e tomar só ese outro leite”. Nesta etapa, dispoñen sempre de penso a discreción; ao principio un starter con copos e, cando se achega a desteta, un penso de recría granulado que seguirán tomando ata aproximadamente os seis meses.

A recría, organizada en lotes de entre sete e nove animais, como xa comentamos anteriormente, vaise trasladando segundo o espazo e a fase de desenvolvemento. A partir dos seis meses “comezan a comer unha mestura de unifeed de recría, aínda que durante unhas semanas facemos a transición mesturando o penso anterior co novo, e dispoñen tamén —engade Zeltia— de herba a discreción para acostumarse á fibra”.

As vacas secas reciben “mestura específica de secas con uns 15 kg de silo de herba, 4 kg de palla e 3,5 kg de penso de secas” e son “punteadas quince días antes do parto cun penso de preparto e cun pouco da ración das de leite”, resume.

A auga, segundo sinala a gandeira, “está sempre dispoñible desde o primeiro día”, aínda que nos primeiros tempos “as xatas xogan máis con ela que beben realmente”.

As racións de xovencas, secas e vacas elabóranse cada mañá por Pepe no seu propio carro unifeed. A das produtoras está composta por 25 kg de silo de herba, 23 kg de silo de millo, 8,5 kg de penso e 1 kg de palla ou herba seca.

Forraxes propias e para a venda

Todas as forraxes que necesitan para a alimentación dos seus animais cultívanse nunha base territorial dunhas 250 hectáreas, 78 propias e o resto alugadas.

Aínda que as manexan todas nun radio duns 8 ou 10 quilómetros, “o tamaño das fincas non é moi grande, pero, a base de ir cambiando con uns e outros veciños, conseguimos ter parcelas un pouco máis aceptables”, afirma Pepe.

Dedícannas a dous grandes cultivos: millo e herba. Ao millo destinan entre 40 e 48 hectáreas e sementan dous ciclos diferentes: “Un 280 que se sementa antes, para as zonas máis húmidas, e outro máis curto, un 200, para o resto das terras”. Adoitan recollelo e ensilalo na primeira semana de outubro.

Para a herba usan unha mestura de raigrás con leguminosa nunhas 48 hectáreas e o resto o cultivan todo con raigrás. “Normalmente, facemos tres ou catro cortes, pero hai zonas nas que só podemos facer dous. Do que si nos aseguramos é de sacar adiante dous onde logo imos rotar con millo”, acentúa.

Como conseguen moito excedente de herba, levan anos vendendo herba seca e bólas de silo a outras ganderías, “veciños de sempre, outros gandeiros que acabas coñecendo polo boca a boca e incluso vendendo para Portugal”.

Para todos estes traballos contan cun importante parque de maquinaria —arado, gradas rotativas, sementadora tanto de millo como de herba, segadora con cinta, equipos de sega, restrelos esparexedores, rotoempacadora, encintadora, macroempacadora— que lles permite ser totalmente autónomos: “Só contratamos os ensilados de millo e de herba, o resto facémolo todo nós, entre os empregados e mais eu —aclara Pepe—”.

Para cumprir coas obrigas da PAC, en Grixeira nos últimos anos adheríronse aos ecorreximes de cultivos con especies mellorantes e de zonas de non sega. Pepe explica que sementaron “leguminosas e deixamos as áreas de non sega, no noso caso, unhas 4 hectáreas, preto de 5”, pero está pensando que o próximo ano non solicitará este último, porque “xa tiven algún problema con algún arrendatario, que non lle parece moi ben que non segue a súa finca e si a do veciño”.

Ademais, critica que “esas áreas non se poden segar ata o 1 de setembro, o que fai que non lle saquemos ningún proveito a esa herba, porque a esas alturas do ano xa está queimada ou, no caso de zonas moi húmidas, negra, e non serve para nada”.

Ángel Pizarro, asesor de Alimentación en Granxa Grixeira
“Realizo un seguimento da alimentación en todas as fases da granxa, pero non limitándome só á alimentación, tamén a detectar posibles erros ou motivos polos que non haxa bos resultados”

Desde cando traballa en Grixeira e por que comezou a súa relación?

Hai uns cinco anos que estou traballando aquí. Na miña primeira visita, vimos que había que revisar a circulación ao robot, xa que non conseguían moi boa media, e díxenlles unhas indicacións e a miña opinión sobre o que podía estar pasando. A partir de aí, Zeltia e Pepe viron que, coas modificacións que aplicaramos, logramos mellores resultados e, tras isto, comezamos a traballar na alimentación.

En que consiste o seu asesoramento?

Realizo un seguimento da alimentación en todas as fases da granxa, desde as máis pequenas ata as de lactación e secas, pero non limitándome só á alimentación, tamén a detectar posibles erros ou motivos polos que non haxa bos resultados nese momento. Pode deberse á variabilidade de cada silo —como pola calidade da herba ou pola forma de ensilar desta granxa—, a unha posible circulación vírica ou a calquera outra causa. O meu labor é identificar que pode estar pasando e corrixir esa circunstancia para recuperar os mellores resultados posibles.

Pode contarnos as racións que están administrando e por que se fan así?

Elaboramos a ración de lactación, unha de vacas secas, outra para xovencas e outra intermedia para xatas ata os nove meses.

De cinco a nove meses faise unha alimentación con produto seco para favorecer o desenvolvemento ruminal e, a partir dos nove meses, xa se introducen produtos húmidos, como o silo de herba, igual que na ración das xovencas de máis idade e das vacas secas.

Agora mesmo, a ración de lactación leva 8,5 kg de penso, 23 kg de silo de millo, 25 kg de silo de herba e arredor dun quilo de palla ou herba seca, segundo a súa calidade, para corrixir a humidade da ración.

A de vacas secas leva 3,5 kg de penso, 4 kg de palla e uns 15 kg de silo de herba.

As máis pequenas comen herba seca e 4 quilos de concentrado e as xovencas preñadas aliméntanse xunto coas vacas secas, por manexo.

En canto ao penso do robot, o plan inicial é de 7 quilos segundo táboa. Ao longo do ano estamos nun 94-95 % de consumo, grazas á boa circulación, e movémonos nunha media de entre 6,7 e 7 quilos por animal.

Como foi a adaptación ao robot?

Cando eu cheguei, levaban uns seis meses cos robots instalados e na primeira visita deixeilles unhas indicacións para modificar a configuración. Zeltia e Pepe aplicaron os cambios e xa notaron diferenzas no número de muxidos.

Na seguinte visita, analizamos a situación da granxa: días en leite, número de animais xestantes… Nese momento estaban en 235 días en leite e cunha media de 33 litros. Comezamos entón a traballar en mellorar a fertilidade, reducir os días en leite e mellorar a circulación das vacas no robot. Foi un proceso lento, pero ao longo destes cinco anos, pasouse de 235 a 185 días en leite e mellorouse en 15 puntos a porcentaxe de vacas preñadas.

Agora, o futuro está máis encamiñado, aínda que sempre hai cousas que seguir mellorando.

Están intentando mellorar algún aspecto concreto?

Si. Estamos traballando en reducir a variabilidade na calidade dos silos. Hai diferenzas entre fincas e, ademais, aquí ensílase en rampla e non en capas, o que fai que, a medida que se avanza no silo, cambie moito a composición.

Ás veces notamos cambios no comportamento dos animais sen saber ben por que, e o motivo adoita ser ese: pasamos dunha composición a outra en cuestión de días.

Hai uns meses instalouse un NIR no carro, co obxectivo de axustar mellor a analítica e traballar por materia seca, para corrixir a humidade da ración. Cando funcione plenamente, empregarano para analizar varios parámetros, pero sobre todo para axustar a cantidade de forraxe en función da humidade diaria.

E o asesoramento na recría?

Aquí o manexo está moi asentado. Facemos prevención fronte a Clostridium e procesos respiratorios. Durante bastante tempo fixemos medicións de crecemento e chegamos a un punto de traballo estable cunha táboa e unha curva na amamantadora, coa introdución do starter e o calendario de vacinacións ben definido.

A desteta varía un pouco segundo a capacidade que teñan para mover os lotes, porque eles traballan, salvo en casos de forza maior, con lotes pechados. En canto hai animais suficientes, destétase o lote completo, que permanece xunto ata o parto.

Que importancia lle dan á calidade das forraxes?

A calidade das forraxes depende moito do tipo de solo e da climatoloxía da zona. Fanse os traballos segundo se pode. O ano pasado, por exemplo, ensilouse moi tarde e baixou moito a calidade da herba. Co millo pasa algo parecido: cando comezan as primeiras choivas, hai que aproveitar un día para ensilar, porque, se segue chovendo, logo non se pode entrar coas máquinas. Polo tanto, a calidade é mellorable, sobre todo no manexo do ensilado, porque o cultivo depende en boa medida do solo e do clima.

Por que considera necesario este tipo de asesoramento? Como pode mellorar a rendibilidade?

O asesoramento é necesario porque cada granxa está sometida a moitos cambios ao longo do ano, tanto na alimentación como noutras circunstancias. O técnico é o encargado de manter unha liña de traballo conxunta co gandeiro, acorde coa filosofía de cada granxa.

Aquí, por exemplo, o principal hándicap é producir un leite de alta calidade pola esixencia da industria e iso condiciona toda a alimentación e a circulación das vacas. Sumado á variabilidade das forraxes e ás circunstancias do ano, faise imprescindible ter alguén que manteña esa liña e axude a cumprir os obxectivos. 


“Para nós, ser sostibles é pechar o círculo. O feito de ter hectáreas suficientes permítenos aplicar os xurros en boas condicións e, sobre todo, ter onde botalos no inverno”

Compromiso coa sostibilidade

Para Pepe e Zeltia, a sostibilidade vai moito máis alá do cumprimento dunha normativa ou dun requisito da PAC: “Para nós, ser sostibles é pechar o círculo. Ter todo controlado, facer os traballos no momento máis axeitado para recoller a materia prima nas mellores condicións”. Ese equilibrio conségueno grazas á súa autonomía no manexo das terras, á dispoñibilidade de man de obra e a unha maquinaria que lles permite actuar cando o tempo o permite, sen depender de terceiros.

Contar cunha base territorial ampla tamén lles facilita unha xestión eficiente dos xurros. “O feito de ter hectáreas suficientes permítenos aplicar os xurros en boas condicións e, sobre todo, ter onde botalos no inverno, grazas á capacidade de almacenamento que temos”, apunta Zeltia. Esta planificación garántelles un uso racional dos nutrientes, o que reduce o impacto ambiental e aprovéitanse mellor os recursos propios da explotación.

Realizan análises de terras para axustar a fertilización, así como análises periódicas de xurros e esterco, e todo queda rexistrado no seu caderno dixital. Tamén aplican un manexo moi estrito dos fitosanitarios: “Antes aplicábase o tratamento case por rutina; agora, agardamos a que emerxa o cultivo e facemos unha aplicación específica, só cando é necesario”.

A tecnoloxía tamén xoga un papel importante na súa xestión diaria. Instalaron hai meses un NIR no seu carro mesturador que analiza a ración en tempo real, adaptando as proporcións segundo a materia seca do momento. “Aínda que nos custou moito entender tecnicamente a súa aplicación —conta Zeltia, que pasou meses de formación cun técnico italiano—, permítenos optimizar o aproveitamento dos alimentos”.

Esta filosofía tamén se traslada ao ámbito da prevención sanitaria. Están aplicando secado selectivo e só usan antibióticos cando é realmente necesario: “Antes aplicábaselles o antibiótico a todas as vacas e, agora, revisamos o reconto de células somáticas e a clínica de cada animal durante a súa lactación. Só se proporciona cando fai falta e sabendo que antibiótico é o axeitado”.

Apostan pola prevención, “co uso de vacinas e un seguimento constante dos animais a través dos programas informáticos, tanto no robot de muxido coma nos colares”, afirma Zeltia. Logran así un control máis exhaustivo que lles axuda a manter o benestar animal e, ao mesmo tempo, reducir o uso de medicamentos.


“Apostar por tecnoloxía que che facilite o traballo é absolutamente fundamental no devir dunha gandería actual”

Exemplares equilibrados e sólidos

No proceso de automatización da gandería, Pepe e Zeltia monitorizaron os seus animais con colares de actividade grazas aos cales poden “controlar os celos de cada unha das vacas e, sobre todo, das xovencas, porque coas de produción sempre se interactúa máis e véselles mellor, pero ás naves de recría vaise menos e era máis complicado”.

Agora, revisan a información que lles proporcionan os colares para “poder inseminar no momento máis óptimo tanto a vacas como a xovencas sobre os 13 ou 14 meses” e están tendo unha media de inseminacións por preñez de 1,9 para xovencas e de 2,2 para vacas, e uns 2,5 partos por vaca.

Hai anos seleccionaban sementais grandes, pero hoxe en día buscan touros máis ben equilibrados: “As vacas grandes sofren moito de patas e son máis difíciles de adaptar aos cubículos e aos robots, por iso agora decantámonos por exemplares equilibrados, con boas patas e, sobre todo, cunha boa colocación dos ubres e dos tetos”.

Apostan ao 100 % pola raza holstein e tamén revisan ben aqueles animais que transmitan bos sólidos de graxa e proteína. Entre probados e xenómicos, adoitan utilizar máis probados, aínda que “se hai algún xenómico que nos convenza tamén o compramos. Gústanos ir máis a paso firme e saber con certeza o que nos podemos atopar”, admite Zeltia.

O seme sexado resérvano para a primeira inseminación de xovencas e de vacas ou daqueles animais que queren recriar. Para o resto, usan seme convencional e naquelas repetidoras ou nas que non queren recriar poñen angus.

Para a reprodución, o programa sanitario, a calidade do leite e a clínica recorren aos servizos de asesoramento do Centro Veterinario Meira.

A produción media en Grixeira é duns 37 litros por vaca e día, cunhas porcentaxes de 4,20 % de graxa e 3,50 % de proteína.

Véndeno todo a Entrepinares desde o ano 2018. “Esta industria —comenta Zeltia—, ao ser unha queixería, esíxenos uns mínimos de sólidos e é por iso que nos estamos centrando máis en conseguir graxa e proteína que litros de leite”.

O prezo agora mesmo é de 0,51 €/litro máis calidades. “A pesar de que o prezo subiu e se mantivo máis ou menos estable, o resto das materias primas tamén subiron e nunca máis volveron baixar, o tema da man de obra continúa estando complicado e a burocracia ás veces nos asfixia”, así describe Zeltia a situación actual do sector.

Con catro traballadores actualmente na gandería, gustaríalles poder manterse así. “Tres deles levan xa moito tempo connosco e desta forma é como podes ter todo cuberto, en caso de calquera imprevisto, e organizar libranzas e vacacións”, conclúe.

Ademais de manter o equipo estable, aseguran que apostar por tecnoloxía que “che facilite o traballo, para que sexa áxil e máis cómodo e para que, se quedas sen persoal, se poida sacar o día a día adiante, é absolutamente fundamental no devir dunha gandería actual”.

Como cambiamos en trece anos

Corría o ano 2012 cando o equipo de Vaca Pinta visitou por primeira vez a Pepe e a Zeltia, de Granxa Grixeira. Naquel entón, a gandería aínda non se chamaba así e, en comparación coa actualidade, había algún que outro aspecto diferente. Repasámolos?

O nome da granxa era Gandería Rubén, o mesmo ca o do pai de Pepe, que naquel entón dirixía o negocio coa súa muller Mari. Zeltia e Pepe decidiran había pouco tempo quedar co proxecto familiar e acababan de ser pais da súa primeira filla, Aldara, que hoxe en día xa ten 14 anos, e outra irmá de 12, chamada Antía.

Tras todo este tempo, Mari e Rubén xubiláronse e agora as rendas pasaron ao seu fillo e á súa nora. Sumaban un total de 160 animais cunhas 80 vacas en produción e, nestes anos, o crecemento foi paulatino ata chegar aos 280 exemplares e dobrar exactamente o número de produtoras: 160.

As antigas naves da gandería seguen activas, pero moito máis ampliadas. Na primeira nave de produción derrubaron parte dos muros e instalaron tamén sistemas de ventilación e duchas para loitar contra o estrés por calor. Pola súa parte, a organización do rabaño segue a ser a mesma, con moitos lotes e grupos de animais que medran xuntos desde moi pequenos ata que chegan ao parto e se incorporan á produción.

O que si transformou moito o día a día desta gandería foi a chegada das novas tecnoloxías e de varios robots. A sala en espiña de peixe 2x5 na que muxían as súas vacas dúas veces ao día foi substituída por tres robots de muxido, que agora logran unha media de 3,5 muxidos diarios. A limpeza coas arrobadeiras manuais pasou a ser automática e de catro fosas para o xurro pasaron a seis, o que aumentou considerablemente a súa capacidade de almacenaxe.

Case se esqueceron de alimentar as xatas acabadas de nacer, porque agora desa labor encárgase unha amamantadora, e o control da actividade e dos celos de cada unha das súas vacas é moito máis rigoroso tras a monitorización de cada animal con colares.

A súa base territorial multiplicouse por catro ou máis, pois en 2012 traballaban 56 hectáreas e en 2025 xestionan 250 ha. Agora, tamén se dedican a vender o excedente de herba como un extra do negocio.

Outra diferenza interesante foi o cambio de industria á que venden o leite. Naquel ano destinaban toda a súa produción a Danone e, a día de hoxe, son provedores de Entrepinares. O prezo de Danone en 2012 era de 291 €/tonelada. Trece anos despois, o prezo pagado polo seu leite é de 510 €/tonelada, máis calidades á parte en ambos os casos.

O destino da produción, unha queixería, tamén fixo virar a súa maneira de selección xenética. Daquela, estaban enfocados na cantidade e, agora, nos sólidos: na graxa e na proteína. De feito, a produción mantense máis ou menos igual, de 36,5 litros/vaca/día pasou a 37, pero as calidades incrementáronse considerablemente dun 3,72 % en graxa a un 4,20 % e dun 3,15 % en proteína a un 3,50 %.

O que non cambiou en ningún caso foi a súa paixón polo negocio familiar, polas vacas e polo mundo da gandería nin a súa filosofía de traballo: a procura dun manexo cada vez máis cómodo e adaptado aos tempos que corren, que lles permita conciliar mellor a súa vida profesional co seu núcleo familiar.

Tampouco variaron os seus esforzos por manter unha imaxe bonita e coidada da súa gandería, coas zonas comúns extremadamente recollidas e limpas, e con xardíns que favorecen unha imaxe positiva do sector lácteo.