Suspendido o Concurso Nacional da Raza Frisona

A Xunta de Goberno da Confederación de Asociacións de Raza Frisona (Conafe) acaba de facer pública a decisión de suspender a edición 2020 do Concurso Nacional, cuxa celebración estaba prevista para os días 24 a 27 de setembro no recinto feiral Luis Adaro de Xixón (Asturias), dentro das actividades da Agropec, a Feira do Campo e das Industrias Agrícolas, Gandeiras, Forestais e Pesqueiras.

No seu comunicado fan referencia á crise sanitaria da covid-19 que estamos a atravesar e que afecta a practicamente todas as esferas da vida pública e privada. “Tendo en conta o risco de contaxio que se puidese producir pola afluencia de participantes e público nun recinto pechado, a dificultade que supón asumir o control do cumprimento das medidas obrigadas para minimizar o risco de contaxio e que estas medidas sexan compatibles co correcto coidado e preparación dos animais e a organización do propio concurso, a Xunta de Goberno considera que ten que pronunciarse neste sentido, aínda que a decisión sexa dolorosa”, explican.

Dende Conafe esperan poder celebrar a edición de 2021, pois será sinal de que a crise sanitaria foi superada.