Esta mañá o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e o presidente de Soaga, Carlos Vila, asinaron o convenio de colaboración para impulsar a elaboración de novos fertilizantes que melloren o rendemento de cultivos de cereais (millo e trigo), pataca e pradaría. O acordo enmárcase dentro do grupo operativo ‘Diagrint’, está coordinado pola empresa galega Soaga en colaboración coa USC, a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e Blue Agro Chemicals, e finánciao o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e o Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020.
O convenio permitirá compartir o coñecemento científico dos investigadores do campus de Lugo da USC co coñecemento empírico que atesoura Soaga de agricultores de diferentes partes de España, de tal forma que se obteñan patróns de fertilización con novas fórmulas destinadas a mellorar a nutrición dos cultivos e os seus rendementos sen danar o medio ambiente. Deste xeito, espérase que os primeiros resultados, que chegarán en 2020, permitan ao agricultor dispor de novas formulacións que reduzan os custos económicos e os danos ambientais.