Nesgo na ciencia alimentaria: Nutri-Score e a controversia sobre os lácteos

Nesgo na ciencia alimentaria: Nutri-Score e a controversia sobre os lácteos
O póster científico A highly significant publication bias between authors that are or are not affiliated with the front-of-pack logo Nutri-Score [‘Nesgo de publicación altamente significativo entre autores que están ou non afiliados ao logotipo Nutri-Score no frontal do envase’] foi presentado recentemente nun congreso internacional de nutrición celebrado en París (Francia). Hans Verhagen, de Food Safety & Nutrition Consultancy, e Stephan Peters, da Dutch Dairy Association, son os autores do traballo, no que evidencian como as conclusións sobre Nutri-Score difiren segundo a vinculación dos investigadores co sistema. O nesgo de publicación e os propios criterios deste método de etiquetado explican en gran parte por que moitos lácteos obteñen cualificacións baixas de forma inxustificada. Máis en Vaca Pinta 56.

Nutri-Score, que clasifica a calidade dos alimentos, gañou gran visibilidade nos últimos anos. Con todo, persisten as dúbidas sobre a solidez da evidencia que o apoia. Entre outros aspectos, penaliza especialmente os produtos con maior contido en graxas saturadas, sal ou enerxía, como sucede con numerosos lácteos, o que alimenta a polémica.

Os responsables do póster xa cuestionaran en traballos anteriores a validez deste sistema. En 2022, por exemplo, recorreron ao marco da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) para analizalo de forma crítica. Na investigación presentada este ano poñen o foco no nesgo de publicación, particularmente nos estudos asinados por autores vinculados aos impulsores do modelo, o que reforza a necesidade de indagar máis na relación entre afiliación e resultados publicados.

Peters e Verhagen xa abordaran esta cuestión nun artigo de 2024, no que revisaron a literatura dispoñible e clasificaron as conclusións como favorables ou desfavorables ao sistema, distinguindo aos investigadores afiliados dos independentes. Os seus achados recibiron unha réplica de Touvier et al. Os dous traballos inclúense neste póster académico para avaliar a consistencia e significación dos resultados. O que se observa en ambos, tal e como afirman os autores, foi realmente o mesmo: un claro nesgo de publicación.

Os datos obtidos son reveladores. Segundo Peters e Verhagen, o 93 % das investigacións asinadas por autores con vínculos reportaron conclusións favorables, fronte ao 39 % dos non afiliados. Touvier et al. sinalaron que os primeiros informaron exclusivamente de impactos positivos (100 %), mentres que os segundos presentaron unha distribución máis equilibrada: 45 % favorables e 55 % desfavorables. Os autores do póster académico fan fincapé en que ambas as análises demostran a forte relación entre a afiliación e as conclusións.

De aí que Verhagen e Peters sosteñan que non existe suficiente apoio científico para considerar Nutri-Score unha ferramenta fiable de saúde pública, dado que a evidencia actual resulta parcial e limitada. Garantir unha avaliación científica imparcial é clave para determinar con precisión a validez do sistema e orientar adecuadamente as decisións políticas sobre este etiquetado.


Garantir unha avaliación científica imparcial é clave para determinar con precisión a validez de Nutri-Score

Como afecta isto á puntuación dos lácteos?

No seu estudo de 2024 (1), os autores presentaron unha táboa comparativa de todos os traballos revisados, na que avaliaron un a un os resultados para establecer unha análise equilibrada. Nel obsérvanse valoracións moi distintas sobre como Nutri-Score cualifica certos produtos lácteos.

O primeiro exemplo é o de Charlotte van Tongeren e Léon Jansen (2). Neste caso, viu que o queixo resultou especialmente prexudicado polo sistema. Os investigadores, sen relación cos impulsores, cualificaron o seu rendemento coma desfavorable.

No artigo presentan os lácteos de maneira positiva, xa que mencionan que para a sociedade neerlandesa forman parte dos cinco grupos de alimentos básicos na dieta do país, xunto coas froitas e verduras, entre outros. Os expertos analizaron, ademais do queixo, outros tres grupos de produtos: comidas preparadas, sopas e salsas.

O estudo revelou que a distribución de puntuacións non estaba equilibrada: a maioría dos queixos recibiu un D (non saudable) e só uns poucos alcanzaron un A ou B (saudables). Aínda que presentaban unha alta achega proteica, este factor quedou eclipsado polos puntos negativos asociados a graxa, sal ou enerxía. Así, produtos con bo perfil nutricional quedaron mal cualificados.

En total, incluíronse 1.396 queixos, dos cales apenas o 0,1 % logrou un A, o 0,6 % un B e o 4,1 % un C, mentres que o 83,5 % obtiveron un D e o 11,7 % un E. Os autores resaltaron que moitos produtos con cualificación baixa cumprían coas pautas de sodio, pero aínda así non alcanzaban notas superiores, o que resulta desconcertante.

Van Tongeren e Jansen engadiron que esta situación pode confundir os consumidores neerlandeses, para quen o queixo é un produto tradicional e unha fonte esencial de calcio e vitamina B12. Tamén sinalaron que Nutri-Score non ten en conta o tamaño da porción, un aspecto crucial en certos grupos de alimentos.

Un segundo exemplo corresponde ao estudo de Cui et al., de 2022 (3). Nel, analizaron que tipo de etiquetado prefiren os pais na China e, para iso, usaron cinco formatos habituais, entre eles Nutri-Score. Un dos grupos incluídos foi o leite e os seus derivados. Neste caso, os autores —tamén independentes— consideraron este método de etiquetado como non favorable.

Cabe recalcar como neste traballo se fala positivamente dos lácteos fronte ás outras dúas categorías analizadas: “O leite e os seus derivados conteñen gran cantidade de nutrientes, como proteínas, aminoácidos e vitaminas. Os nenos necesitan un consumo axeitado de nutrientes para favorecer o crecemento infantil e o desenvolvemento do seu organismo. Os produtos de panadería e as bebidas azucradas, por outra banda, considéranse en xeral pouco saudables, xa que conteñen cantidades excesivas de azucre e graxa, que a miúdo contribúen á obesidade infantil”.

Curiosamente, dos cinco logotipos avaliados, Nutri-Score foi o peor valorado en tres dimensións: capacidade de guiar cara a unha dieta saudable, utilidade para os pais e atractivo.


O sector lácteo debe seguir esforzándose por transmitirlle á sociedade os beneficios e bondades destes alimentos

O terceiro caso corresponde ao traballo de Aguenaou et al., de 2021 (4). Nel, Nutri-Score preséntase de maneira positiva. Con todo, os autores manteñen vínculos cos impulsores, polo que, segundo Peters e Verhagen, as súas conclusións son cuestionables.

Un dos produtos avaliados foi o iogur, moi consumido en Marrocos e de composición nutricional variable. Os investigadores sinalaron que Nutri-Score mellorou en máis dun 30 % a precisión das respostas dos participantes en todas as categorías de alimentos avaliadas, alcanzando un 76,3 % de acertos coa etiqueta, fronte ao 46,5 % sen etiqueta no caso do iogur. Non obstante, en ningún momento especifican as características nutricionais dos iogures que utilizaron e que eles estiman coma mellores ou peores. Este factor resulta curioso tendo en conta que é habitual que Nutri-Score castigue de forma inxusta con valoracións negativas aos lácteos.

O estudo concluíu que Nutri-Score foi a etiqueta mellor valorada en canto a identificación (82,2 %), comprensión (74 %) e rapidez de información (68,8 %), e situouse como a preferida polo 64,9 % dos enquisados.

Cabe remarcar que, incluso na réplica de Touvier et al., desacredítanse dalgún modo os lácteos —en concreto os queixos— poñéndoos ao mesmo nivel que as carnes procesadas, así coma os alimentos e bebidas con alto contido en graxas saturadas, sal ou azucre: “O artigo de Peters e Verhagen ten como obxectivo xerar sospeitas sobre os investigadores públicos académicos e os estudos que estes publicaron en revistas con revisión por pares, co obxectivo final de desacreditar Nutri-Score, unha ferramenta de saúde pública que afecta aos intereses das empresas alimentarias”.

En definitiva, o sector lácteo debe seguir esforzándose por transmitirlle á sociedade os beneficios e bondades destes alimentos, apoiándose na evidencia científica que o secunda. Deste xeito, poderase contrarrestar a discriminación que sofren con sistemas de etiquetado como Nutri-Score, que en moitas ocasións favorecen a produtos menos saudables.

Bibliografía

(1) Verhagen e Peters. (2024). Publication bias and Nutri-Score: A complete literature review of the substantiation of the effectiveness of the front-of-pack logo Nutri-Score [‘Nesgo de publicación e Nutri-Score: unha revisión completa dos estudos que apoian a efectividade do etiquetado frontal Nutri-Score’]. PharmaNutrition.

(2) Charlotte van Tongeren e Léon Jansen. (2020). Adjustments needed for the use of Nutri-Score in the Netherlands: lack of selectivity and conformity with Dutch dietary guidelines in four product groups [‘Axustes necesarios para o uso de Nutri-Score nos Países Baixos: falta de selectividade e conformidade coas pautas dietéticas neerlandesas en catro grupos de produtos’]. International Journal of Nutrition and Food Sciences.

(3) Cui et al. (2022). Types and aspects of front-of-package labeling preferred by parents: insights for policy making in China [‘Tipos e aspectos do etiquetado frontal preferidos polos pais: claves para a formulación de políticas na China’]. Nutrients.

(4) Aguenaou et al. (2021). Comparison of appropriateness of Nutri-Score and other front-of-pack nutrition labels across a group of Moroccan consumers: awareness, understanding and food choices [‘Comparación da idoneidade do Nutri-Score e outras etiquetas nutricionais frontais entre un grupo de consumidores marroquís: coñecemento, comprensión e decisións alimentarias’]. Archives of Public Health.