Seragro logra un novo éxito de asistencia no seu foro técnico anual

  • Máis de 800 persoas congregáronse hoxe na Facultade de Veterinaria de Lugo para asistir ás XVII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro.
  • Calidade do leite, biotecnoloxía, lactosubstituíntes e descarte de vacas na explotación leiteira foron algunhas das palabras máis repetidas ao longo da primeira sesión do encontro.
  • Esta edición conta cunha ampla presenza internacional encarnada polos expertos Gordon Jones, Peter Van’t Veld e Juan Moreno.

Tras o acto inaugural –no que participaron a presidenta de Seragro, Noelia García; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; o concelleiro de Desenvolvemento e Emprego, Mauricio Repetto, e o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina–, o enxeñeiro agrónomo especialista en industrias lácteas Jaime Magdalena abriu a quenda de intervencións técnicas cunha conferencia na que expuxo como a calidade do leite en orixe condiciona a calidade dos produtos lácteos nos procesos industriais, e como nela teñen unha grande importancia o estado sanitario do animal, as condicións de hixiene na explotación e o almacenamento do leite.

O seguinte relatorio, tamén relacionado coa calidade do leite en canto á garantía da seguridade para o consumidor, correu a cargo da directora técnica do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), María Luisa Barreal, que compartiu cos asistentes o protocolo de inhibidores en leite de acordo coas obrigas que exixe a lexislación española, en especial en canto á presenza de antibióticos, e a metodoloxía de traballo que seguen no Ligal.

Barreal asegurou que a maioría dos antibióticos (máis do 90 %) que atopan nas mostras de autocontrol son betalactámicos, que se empregan en tratamentos de mamite e de secado. Non obstante, tamén afirmou que en 2018 só un 8 % das 7.907 explotacións analizadas deron positivo a inhibidores, aínda que non perdeu a oportunidade de insistir no “uso prudente destes medicamentos para garantir a súa eficacia”.

Despois do café pasaron polo estrado tres relatores estranxeiros que compartiron os seus coñecementos en distintas áreas.

O primeiro en falar foi o colombiano Juan Moreno, CEO da empresa Sexing Technologies, que departiu acerca das oportunidades que as novas tecnoloxías no ámbito xenético (biotecnoloxía) ofrecen para a produción sostible de proteína animal nun mundo que, segundo as previsións da ONU, alcanzará os 9 billóns de habitantes no ano 2050. “O noso obxectivo como produtores de leite é mellorar a xenética e a alimentación das vacas para producir máis con menos e para isto contamos con numerosas ferramentas xenéticas, coma o xenotipado, que podemos utilizar para competir con outros sectores de produción de alimentos, mellorando a conversión de alimento”, aseverou.

Seguiuno o consultor internacional de vacún leiteiro e socio dunha granxa en Wisconsin (EE. UU.) na que moxen unhas 3.500 vacas Gordon Jones, que puxo o foco no manexo e na alimentación do período seco da vaca para conseguir resultados satisfactorios e asegurar unha produción óptima e sen problemas na seguinte lactación.

Xa en horario vespertino, o veterinario Peter Van’t Veld ofreceu unha conferencia sobre a calidade e o manexo de lactosubstituíntes.

O experto holandés argumentou por que os lactosubstituíntes representan unha mellor opción que o leite de vaca para a cría de xatas, ao garantir unha alimentación sen deficiencias nutricionais e ao eliminar o risco de transmisión de enfermidades, entre outras razóns. Non obstante, concluíu que “incluso con leites maternizados da mellor calidade, os resultados obtidos van depender da súa preparación e aplicación adecuadas (concentración e temperatura da mestura, número de tomas, temperatura de inxestión, método de aplicación, hixiene…) e duns procedementos de xestión de recría de xatas lactantes ben establecidos”.

A continuación subiu ao estrado o profesor da Universidade de Lleida Ramón Armengol para explicar como establecer un plan lóxico de descarte e eliminación de vacas a fin de maximizar a eficiencia produtiva e reducir as baixas involuntarias. “Planear e analizar a eliminación e o descarte axuda a identificar os puntos débiles da explotación, a reducir a mortalidade, a aumentar a rendibilidade, a eliminar enfermidades non desexadas e a tomar decisións de investimento futuro”, manifestou.

Deseguido volveu ao estrado Gordon Jones, que desta volta desenvolveu unha serie de aspectos prácticos de manexo que teñen que ver co benestar animal e que el considera claves para conseguir altas producións e eficiencia produtiva.

A primeira xornada rematou co xa habitual encontro gandeiro, un espazo pensado para a charla distendida e a posta en común de experiencias acerca de todo o relacionado coa produción de leite.