Seminario sobre vacún leiteiro en pastoreo e uso de novas tecnoloxías

Seminario sobre vacún leiteiro en pastoreo e uso de novas tecnoloxías

É posible o uso de robot de muxido e o acceso a pasto en calquera gandería? Que tecnoloxías hai dispoñibles para facilitar o pastoreo? Que técnicas hai de pastoreo e cales son os erros máis comúns de manexo? A resposta a estas e outras preguntas é o que se pretende abordar no seminario que se celebrará o próximo 17 de outubro na Sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria de Lugo desde as 10:30 h ás 13:30 h da mañá.

A doutora Eva Spörndly, da Universidade Sueca de Ciencias Agrarias (SLU), exporá a súa experiencia e traballo de investigación sobre o uso de robots de muxido e pastoreo, en Suecia o pastoreo é obrigatorio en calquera explotación de vacún leiteiro, de modo que o robot coexiste co acceso ao pasto tanto en granxas grandes como pequenas.

Aida Xercavins e Aranzazu Varvaró, do Instituto de Investigación en Tecnoloxía Agroalimentaria (IRTA), farán un breve repaso das tecnoloxías existentes para o seu uso en pastoreo e como poden ser de utilidade. Xan Pouliquen, asesor da empresa Xestión Agrogandeira e Natureza SL, abordará distintas técnicas de pastoreo e os erros máis comúns de manexo. Finalmente, haberá un tempo de debate e de discusión, onde tamén poderán expresarse preguntas sobre calquera dos puntos tratados.

O seminario está destinado a gandeiros de vacún leiteiro, veterinarios, asesores ou calquera persoa interesada no uso de tecnoloxías e o pastoreo en vacún leiteiro.