Segalab e Ucadesa organizan o seminario técnico "Xuntos pola saúde e o benestar animal", que terá lugar o vindeiro xoves 22 de xaneiro no Espaço Agros de Póvoa de Varzim. A xornada conta coa colaboración de Hipra, MSD, Novavet, Univete, Virbac e Lusogenes.
O obxectivo principal do seminario é informar, orientar e concienciar aos produtores de leite e carne, así como a todos os axentes e estruturas vinculadas directa ou indirectamente ao sector gandeiro, sobre as novas ameazas que afectan aos efectivos pecuarios. Estas problemáticas levan consigo importantes consecuencias económicas, sanitarias, de benestar animal e emocionais, o que fai imprescindible unha actualización técnica continua.
O encontro, que se desenvolverá ao longo de toda a xornada, incluirá relatorios técnicos e mesas redondas impartidas por recoñecidos expertos do sector, fomentando o intercambio de coñecementos e experiencias en favor dunha produción gandeira máis respectuosa co benestar animal.