Sae á luz o número 12 de Vaca Pinta

Xa podedes consultar na hemeroteca desta web un novo exemplar da revista técnica do vacún leiteiro Vaca Pinta, o cal contén dous especiais, un sobre o ensilado do millo forraxeiro e outro sobre cultivos pratenses. Tamén inclúe unha reportaxe da gandería coruñesa San Rián Holstein, actualmente número 1 de Galicia por ICO e número 2 de España con 3.033 puntos. Ademais, en Vaca Pinta 12 atoparedes os resultados dos concursos morfolóxicos da raza frisona celebrados en Feiradeza (Lalín, Pontevedra), Murtosa (Aveiro, Portugal), Torrelavega (Cantabria) e Llanera (Asturias).

ESPECIAL: ENSILADO DO MILLO

Antón Camarero e Alexandre Udina, veterinario e director técnico de Adial, respectivamente, asinan un artigo no que poñen o foco nos dous procesos fundamentais do ensilado do millo, a respiración e a fermentación, a fin de lograr unha calidade óptima deste alimento fundamental para as vacas de produción de leite.

O enxeñeiro agrónomo Pablo Amado, que desempeña a súa actividade profesional como asesor agronómico de Dekalb, ofrece unha serie de recomendacións para un adecuado proceso de ensilado con millo de planta enteira..

ESPECIAL: CULTIVOS PRATENSES

O enxeñeiro técnico agrícola Ángel Menéndez González, do Departamento de Produción Vexetal de Campoastur, presenta un artigo que parte da premisa de que conseguir a maior cantidade de forraxes coa mellor calidade posible reduce os gastos de compra doutros alimentos, por iso, a recomendación de lograr boas producións forraxeiras para mellorar a rendibilidade das ganderías da cornixa cantábrica non debería perder importancia.

Ao anterior súmanse os resultados dun estudo realizado por varios investigadores do CIAM no que se avalía o valor nutricional de variedades comerciais de especies pratenses en sementeiras de primavera na zona atlántica de Galicia.

ENTREVISTA A TANYA GRESSLEY

Aproveitamos a visita a España da profesora de Bioloxía Ruminal do Departamento de Ciencia Animal da Universidade de Delaware, Tanya Gressley, para reunirnos con ela e afondar en conceptos como a alimentación de precisión e a súa relación coa biodispoñibilidade real de certos nutrientes.

Neste número de Vaca Pinta tamén publicamos unha entrevista co director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, sobre formación, investigación e calidade dos produtos agroalimentarios.

MANEXO E ZONA WELFARE

Por unha banda, na sección de ‘Manexo’ Ramiro Fouz (Africor Lugo) explica en que consiste o sistema produtivo das lactacións prolongadas e a súa influencia na rendibilidade da gandería e no benestar dos animais.

Por outra, varios investigadores da USC, o Servizo de Gandería da Xunta de Galicia e a Escola Superior Agraria do Instituto Politécnico de Viana do Castelo describen na sección ‘Zona Welfare’ as características que debe ter un bo cubículo para acadar os obxectivos de aloxamento na granxa.

ECONOMÍA

O webmaster de www.cowsulting.com Manuel Fernández avalía en Vaca Pinta 12 os ingresos e os custos ocultos na xestión económica co fin de mellorar os cálculos para poder obter maiores beneficios na explotación do rabaño.

MUXIDO, SAÚDE ANIMAL E ALIMENTACIÓN

Varios técnicos de Seragro e de Laboratorios Hipra analizan os factores de risco para o RCS en tanque en función do número de lactación e dos días en leite como ferramentas clave na prevención da mamite no rabaño.

Na sección de ‘Saúde Animal’ Marta Miranda, Lucas Rigueira, Víctor Pereira e Marta López-Alonso, todas da Facultade de Veterinaria da USC, amosan os resultados dunha investigación na que se avaliou a prevalencia da deficiencia de oligoelementos en gando vacún en diferentes sistemas de produción.

A investigadora do IRTA Elena García-Fruitós e as estudantes Laia Grife-Remon e Anna Arís asinan un artigo integrado no apartado de ‘Alimentación’ que titulan ‘Proteínas recombinantes e o seu potencial en produción animal’.

SAÚDE PODAL

Roger Bellet, da Asociación de Profesionais de Podoloxía Bovina (APBB), fala das coxeiras despois do verán, cuxa porcentaxe aumenta nesta época con respecto ao resto do ano.