Finca Fonteboa nace en 2011 da fusión doutras dúas granxas familiares: Gandeiría Mella SC, a dos pais de Sandra Mella, e Finca Fonteboa, a que lle dá nome á actual. Comezaron con 115 vacas en muxido e, pouco a pouco, a empresa foi medrando. En 2018 ampliouse a nave principal para que puidese albergar ata 100 animais máis, xa que se construíra con capacidade para 230.
A día de hoxe, o censo acada as 661 vacas, das cales 330 están en muxido e a idea é seguir aumentando o número de cabezas nos vindeiros dous ou tres anos. A súa produción media en 2024 foi de 12.132 litros a 305 días, cunhas calidades de 3,90 % de graxa e 3,52 % de proteína. Traballan cunha media de 183 DEL e 382 días entre partos, con 2 inseminacións por vaca; no caso das xatas recriadas na explotación, a cifra é de 1,84. A idade media no primeiro parto é de 21,4 meses.
A pesar de que Sandra se formou nun ámbito distinto ao do sector primario, compaxinaba a súa carreira co traballo na gandería nos momentos libres. “Ao final acabou gustándome máis isto ca o grao. Comecei como apoio en tarefas de muxido sinxelas e algo de administración. Fun aprendendo a facer tratamentos e agora mesmo encárgome principalmente da recría”, narra a gandeira.
Ares Rubies, pola súa parte, traballa en Granja San José. Estudou o Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal e, máis tarde, incorporouse a esta gandería, que é da súa familia e na que estivo toda a vida, desde pequena, coas vacas e as xatas.
Granja San José comezou a súa actividade en 1951. Foi fundada por José María Pont e, durante os dez primeiros anos, dedicouse unicamente á agricultura, con 180 hectáreas iniciais. En 1962 incorporáronse, xunto cun socio de Santander, as primeiras vacas leiteiras (cada un achegou seis cabezas). O negocio foi medrando e, en 1989, sumouse a terceira xeración co proxecto de expandir a granxa a 500 exemplares. Entre 1995 e 2010 implementouse un gran número de melloras tecnolóxicas en cow comfort, análises bioestatísticas, asesoramento externo e novas instalacións. En 2016 comezaron a muxir coa sala rotativa de 80 prazas que posúen actualmente e en 2017 construíron un encoro de rega e almacenamento de xurro de 350.000 m³. En 2023 implementaron unha instalación fotovoltaica de 1.000 kW e as amamantadoras automáticas.
Contan con 4.500 vacas adultas, 2.500 xovencas e xatos, 3.900 exemplares en muxido e 600 xestantes. A súa media de produción é de 46,9 kg/vaca/día, e rexistran unhas calidades de 4,15 % de graxa e 3,35 % de proteína. En total, dispoñen de 90 empregados.
Cambio de mentalidade: a importancia das xatas
En Finca Fonteboa a recría non contaba cun lugar específico, senón que ocupaba as instalacións antigas, en boxes no exterior. Foi en 2020 cando comezaron a xenotipar e a confiar en investir no futuro da gandería, e unha cousa levou á outra: “Se investiamos en xenética, tiñamos que investir en epixenética; co manexo conseguimos que esa xenética se desenvolva”, conta Mella. Así pois, en 2022 construíron a nave de recría para albergar estes animais.
Ao principio custoulles adaptarse a estas instalacións e implementar o manexo e os protocolos axeitados. Agora que xa funcionan correctamente, decatáronse de que as xatas non sofren no período de desteta; antes había bastante incidencia de enfermidades nesta etapa debido ao estrés. Tal e como anota Sandra Mella, “controlar o estrés permite obter animais sans e un crecemento óptimo”. Así, observaron que o crecemento se disparou, sobre todo a partir da desteta, e incrementaron a súa ganancia media diaria.
Algo máis dun ano foi o tempo que lles levou consolidar o manexo axeitado. Tiveron unha serie de problemas técnicos que lles impediu o desenvolvemento correcto das xatas. Esas consecuencias páganse a dous ou tres anos vista; por iso, agora están notando o efecto deses erros e non acadan os picos de produción que estiman. Con todo, confían en ver melloras pronto, agora que están a lograr un desenvolvemento óptimo.
No caso de Granja San José, sempre lle prestaron atención á recría. Porén, desde que implementaron as amamantadoras automáticas, Ares Rubies considera que “estamos máis pendentes das xatas: da ganancia media diaria, de estar máis por elas, coidalas máis… Ao final, son o futuro da granxa e as próximas produtoras”.
En canto ás instalacións, Rubies comenta que, se son axeitadas, se incrementa o confort e a recría non está tan estresada. Tamén engade a importancia de procurar manexar e mover o menos posible as xatas, para non abafalas.
Ademais de adquirir as amamantadoras, en Granja San José dedicaron tempo a formar o persoal sobre a recría, a motivalo e a estar aí día a día, aprendendo dos erros, que son os que lles axudan a construír unha recría sólida. Coma en Finca Fonteboa, teñen en conta a xenética.
Con respecto a esta área, en Finca Fonteboa tómase unha mostra de ADN a todos os animais antes dos tres meses de vida e compárase con outras mostras xa realizadas. Isto sérvelles para acoplar os touros en función do que lles interesa, compensando unhas características con outras.
Tanto Mella coma Rubies enumeran que vacinas administran na recría das súas granxas. Mella explica que as xatas reciben inmunidade a través do calostro da vaca, a cal se vacina 55 días antes do parto fronte a rota-coronavirus. Anualmente, vacinan a todo o rabaño contra BVD, IBR e Clostridium. Ás xatas proporciónaselles inmunidade contra o virus respiratorio sincitial e a parainfluenza mediante vacina intranasal ao nacer, aos 25 días e 28 días despois desa segunda dose.
Pola súa parte, Rubies expón que na segunda semana de vida vacinan as xatas por vía intranasal fronte ao virus respiratorio sincitial e PI3. Na sexta semana, levan a cabo de novo a vacinación do virus respiratorio sincitial e PI3, ademais de Mannheimia haemolytica. Na sétima, vacinan entre abril e setembro contra Moraxella. Nas semanas dez e once, dedícanse a revacinar. Así mesmo, na quinta semana realízase o descornado.
O día a día coa recría
Sandra Mella conta que as súas tarefas na granxa se centran na supervisión das xatas e no seu tratamento, revisando que todo estea ben, aínda que tamén participa no muxido, ocúpase do tratamento das vacas e abrangue parte da xestión administrativa.
A gandeira relata que os labores diarios de supervisión do gando e limpeza adoitan completarse nun período dunha hora e media ou dúas. Con todo, cada día hai unhas tarefas fixas ás que adoitan dedicar outras dúas horas, coma o encamado, o movemento de animais, o control da saúde e a reprodución… En definitiva, cada xornada enfócana a un ámbito diferente.
En Granja San José, están desde as 9:00 ata as 12:30 horas realizando traballos de limpeza e desinfección, entre outros labores. “Á parte de levar a cabo as tarefas do día a día, coma tomar temperaturas, rascar a zona limpa das nodrizas, o cambio de mamadelas…, estamos todo o día facendo limpeza e desinfección de todo. Tamén limpamos de forma manual o pasteurizador de calostro. Eu estou moi enriba da xente para que todo estea hixiénico”, asevera Rubies.
Sandra Mella expresa que en Finca Fonteboa están a vivir un momento de transición na dinámica de traballo, establecendo a xornada continua, con tres traballadores pola mañá e tres pola tarde. Cada unha das persoas que conforman ambos os grupos ten unha responsabilidade: unha encárgase do confort e a alimentación do rabaño, outra da saúde e a reprodución (ademais de servir como apoio nas tarefas de muxido) e outra, da recría, aínda que tamén se ocupa do muxido.
En canto ao caso de Ares Rubies en Granja San José, ela é quen forma a xente e xestiona o persoal. Cando falta alguén, ocúpase das tarefas necesarias, coma muxir, pasteurizar o calostro, embolsar, tomar temperaturas e axudar “no que faga falta”.
Na área de recría de Granja San José traballan entre cinco e seis persoas. Unha encárgase da recollida do calostro, do leite de transición e do leite de descarte; ademais, embolsa o calostro e encalostra os xatos, entre outras tarefas. Outro empregado ocúpase da preparación do leite para os xatos angus: reparte os biberóns, recólleos, límpaos, moxe os animais da enfermería e báixalles o leite de transición ás nodrizas. Outra persoa está na zona de nodrizas: acompaña as xatas para que beban, revisa as alertas, limpa esta área, cambia as mamadelas etc. Hai outro traballador que é o responsable de recoller os xatos e de encalostrar. Por último, contan con outro empregado de apoio: axuda nas nodrizas para que as xatas entren e no muxido se hai moitas cabezas, e repón sacos nas nodrizas e palla. Adicionalmente, están a veterinaria e a propia Rubies. “Un día á semana somos un máis porque temos que facer limpeza coa hidrolimpiadora”, agrega Ares.
A alimentación, unha das claves
Desde Finca Fonteboa manifestan que a alimentación na recría comeza a coidarse xa nos primeiros días de vida. Durante a fase do encalostrado, realizan dúas tomas de calostro, garantindo unha inxestión mínima de 4 litros. Posteriormente, na amamantadora, subministran ata 9 litros ao día, cunha concentración de 150 g/L. Sandra Mella apunta que probaron concentracións maiores, pero provocaba unha peor absorción do alimento. Na fase da desteta, nun primeiro momento preparaban unha ración de vacas de leite, porque estaban afeitos a xatas que sufrían estrés. Porén, tiveron que axustala porque chegaban á idade de inseminación con demasiada graxa.
Ares Rubies afirma que en Granja San José as xatas entran con tres días de vida á nodriza e van facendo unha subida de dose progresiva. Primeiro, consomen 10 litros de leite de transición ata o día 9 de vida, momento no que cambian ao leite en po. O día 20 aumentan a dose a 12 litros. Mantéñense nesa cifra ata o día 44, cando fan unha baixada a 10 litros. Do día 51 ao 70 continúan baixando a dose, levando a cabo unha desteta progresiva.
O cambio ás amamantadoras foi positivo en Granja San José, xa que agora o día da desteta pesan moito máis. “Antes pesaban entre 75 e 80 kg e agora están chegando a 140 kg, cos mesmos días de vida”, declara Rubies. É certo que a adaptación, ao principio, lles custou bastante, porque nun primeiro momento non estaban enriba dos exemplares. Decatáronse de que, incitándoas a beber máis e estando pendentes delas cada dúas ou tres horas, conseguían que asociasen onde está a amamantadora e o leite, o cal fai que logo acaden ese peso ideal.
Monitorización e avaliación
En Finca Fonteboa, anteriormente só utilizaban sesenta colares para as xovencas próximas á inseminación, o que lles servía para detectar os celos. Agora xa os están a usar desde os oito meses de vida: “Non só nos permiten unha detección precoz dos celos, senón tamén de enfermidades, e é fundamental tanto nas vacas leiteiras coma nestes animais”, argumenta a gandeira.
Sobre a monitorización, Rubies apunta que “cando vacinamos do que sexa, ao día seguinte, esas xatas saen con alerta, co cal si que funciona. A veterinaria xa sabe que ese dato é unha falsa alarma, pero os días seguintes si que poden saír entre tres e seis xatas con alertas. Esas revísaas todos os días con ecografía, para ver se as ten que tratar ou non”.
Por outra parte, para comprobar se a recría se desenvolveu de maneira correcta, en Finca Fonteboa recorren á ganancia media diaria, que está ao redor de 960 g/día. Así mesmo, é importante prestarlle atención á incidencia de enfermidades. Con respecto a etapas máis adultas, teñen en conta o peso co que chegan á idade de inseminación, que é de 12 meses, e establecen un mínimo de 420 kg.
En Granja San José recollen moitos datos. Teñen máis de 150 protocolos na recría; de feito, é a zona da granxa onde máis protocolos hai: “Debemos seguilos ao pé da letra. Contamos con moitas follas de control e pasamos todo ao ordenador. A análise de datos móstranos onde estamos a fallar para poder corrixilo a tempo”, relata Rubies.
O futuro das ganderías en relación coa recría
De cara ao futuro, en Finca Fonteboa esperan ver certos cambios ao comezar a darlle importancia recentemente á alta produción na xenética, algo que antes non facían e que xa están a corrixir. Tamén teñen pensado seguir mantendo a súa taxa de reposición actual, aspecto clave para continuar medrando.
Coma consello a todo aquel gandeiro que queira comezar a darlle importancia á recría na súa granxa, Mella indica que é clave intentar reducir o estrés, o cal cre que se consegue con movementos en grupo, tendo lotes reducidos de animais e facendo fincapé nos protocolos de limpeza e desinfección.
En Granja San José buscan seguir adaptándose ás novas tecnoloxías que van saíndo. Rubies, coma consello para outros gandeiros que queiran empezar a coidar máis a recría da súa granxa, asegura que é importante equivocarse e aprender dos erros, porque “cada gandería é un mundo. A min váleme isto, pero igual a ti non”. Ao igual que Sandra, incide na importancia que teñen a hixiene, a limpeza e a desinfección.
Tal e como reitera Sandra Mella, a recría é o futuro do negocio: “É un proceso lento, porque cando hai erros tardan en solucionarse, como estamos vendo nós agora, pero tamén é bonito, porque, se o fas ben, gañas moito de cara ao futuro da granxa”.