Recría Castro celebra unha xornada de portas abertas

Recría Castro celebra unha xornada de portas abertas

A empresa Recría Castro, vinculada a Seragro S. Coop. Galega, celebrou hoxe unha xornada de portas abertas á que asistiron máis dun cento de gandeiros que xa teñen alí os seus animais ou que están a valorar a posibilidade de recrialos nestas instalacións.

Durante a visita ás instalacións, o xerente de Recría Castro, Rogelio Grille, foilles explicando aos presentes os distintos protocolos de traballo e fases de desenvolvemento que seguen cos animais no centro.

Desde que o 5 de xuño de 2018 entraron as primeiras xatas, as cales empezarán a regresar ás súas explotacións de orixe a partir do mes que vén, a poboación do centro de recría foi aumentando ata os 1.120 animais que teñen na actualidade, procedentes de 51 explotacións da provincia de Lugo.

Segundo apunta Rogelio Grille, a porcentaxe de ocupación ascende “ao 70 %, tendo en conta as xatas que van entrar nos próximos meses”. Engade tamén que “a resposta dos gandeiros está a ser boa” e que están a incorporar “unha granxa nova cada semana”, o que demostra a boa evolución que está a ter o centro e a confianza dos gandeiros no servizo.