Entre o 15 e o 20 de xullo, Bogotá (Colombia) acolleu a 12ª edición do Congreso Mundial da Raza Parda Suíza. O encontro celebrouse no marco da feira Agroexpo 2025, un evento de referencia agropecuaria en América Latina.
O congreso reuniu a máis de 175 participantes de 25 países e consolidouse como unha cita global para criadores, xenetistas e técnicos do sector. Os asistentes puideron coñecer de primeira man casos prácticos de produción de leite con xenética de alto nivel, cruzamentos estratéxicos e manexo eficiente en diversos contextos agroclimáticos.
Ademais, celebrouse unha xornada técnica con once relatorios. Abordáronse temas como as emisións de metano e a súa mitigación desde a produción gandeira, a adaptación do sector ao cambio climático, os avances nos programas de selección da Raza Parda e o rendemento destas vacas en contornas desafiantes, dende os 4.000 metros de altitude en Perú ata rexións áridas en Australia ou sistemas ecolóxicos no Ecuador.
Na Asemblea Xeral da Federación Mundial de Asociacións da Raza Parda acordouse organizar o vindeiro encontro mundial en Suíza (en abril de 2028) e en 2032 levalo a México. Deste xeito, Adrián Arnold, presidente da Asociación Suíza, asume a presidencia da Federación Mundial.
A delegación española estivo representada por Gumersindo de la Riera, director técnico da Asociación Nacional de Criadores de Gando Selecto de Raza Parda de España (Arapar). O veterinario asturiano destacou "a enorme calidade técnica do evento, a hospitalidade colombiana e a crecente importancia internacional da raza Parda en sistemas de produción sostibles e resilientes".