Publicado o número 5 de Vaca Pinta

Xa podedes consultar na hemeroteca da nosa web o novo exemplar da revista Vaca Pinta, a nova publicación técnica do vacún leiteiro que esta vez contén non un, senón dous especiais, un sobre ensilado do millo e outro sobre cultivos pratenses. Inclúe, ademais, unha serie de entrevistas feitas a varios expertos durante o Congreso Anembe e outra ao investigador do CIAM Julio López sobre as vantaxes dos trevos de catro follas. A granxa protagonista deste número é a gandería Carro, da Coruña, moi coñecida no sector pola súa participación nos concursos morfolóxicos da raza frisona.

O especial de ensilado do millo contén catro artigos sobre os seguintes temas: eficiencia produtiva (Marcos García, Dekalb), novas tecnoloxías aplicadas á produción de silos (Luis Queirós, Lallemand), o sorgo como alternativa forraxeira ao cultivo de millo (elaborado por varios investigadores do CIAM e do Instituto de Ciencias Agropecuarias y Rurales da Universidad Autónoma do Estado de México) e a cubicación de silos (Manuel Fernández, cowconsulting.com).

O especial de cultivos pratenses está integrado por outros tres artigos. Adela Martínez e outros compañeiros do Programa de Investigación en Pastos e Forraxes do Serida asinan un texto no que propoñen protocolos de mostraxe para a predición do rendemento de forraxes e cultivos forraxeiros. O asesor da rede de municipios agroecolóxicos Terrae Franco Llobera explica en que consiste a agrocompostaxe para a xestión de residuos. Finalmente, Gregorio Salcedo, do CIFP La Granja, de Cantabria, presenta un traballo no que se compara a produción e o valor nutritivo de raigrases puros e os asociados a outros raigrases ou leguminosas.

ECONOMÍA

En Vaca Pinta 5 recóllense os resultados preliminares dunhas enquisas realizadas a explotacións con vacún leiteiro en Cantabria tras a eliminación das cotas, co fin de coñecer cal é a súa estrutura produtiva e socioeconómica. O traballo é autoría de Ibán Vázquez e Elena González, do Centro de Investigación e Formación Agrarias de Cantabria. Tamén hai espazo neste número para un artigo no que Roberto Lorenzana (Ligal), Gonzalo Flores (Ingacal-CIAM) e María Luisa Barreal (Ligal) abordan a produción de sólidos en Galicia e a súa estacionalidade, en comparación co resto de España e da UE.

MANEXO

Por un lado, a veterinaria Yolanda Trillo analiza a situación actual da xestión do persoal nas ganderías galegas; por outro, Susana Astiz (INIA), Daniel Martínez (Embriovet) Francisco Sebastián (Cowvet), Octavi Fargas (Vapl), Raquel Patrón (Trialvet) e José Luis Pesantez (INIA) profundizan sobre a transferencia de embrións in vivo para mellorar a eficiencia reprodutiva durante épocas de estrés por calor.

MUXIDO

Neste apartado inclúese un artigo sobre o custo das mamites e a saúde do ubre asinado por Oriol Franquesa (Q-LLET) e preséntase o documento de consenso sobre o tratamento do secado, en cuxa elaboración participan representantes de varios países europeos.

A PÉ DE PISTA

En Vaca Pinta 5 recóllense os resultados do concurso rexional de Cantabria, Feiradeza (Lalín, Pontevedra), Murtosa (Aveiro, Portugal) e Llanera (Asturias).