Logo do seu lanzamento en castelán, sae agora o décimo número en galego de Vaca Pinta, a revista técnica do vacún leiteiro. Entre os seus contidos destacan unha serie de artigos que abordan a mamite desde diversas perspectivas, unha reportaxe na que varios expertos falan de como o uso indiscriminado de antibióticos en animais lle afecta á saúde humana e outro sobre a explotación lucense Casa do Pintor, na que producen máis forraxes das que necesitan para o mantemento dos seus case 200 animais.
ACTUALIDADE
Nesta sección resúmense os principais puntos de interese de varias xornadas técnicas e presentacións, como foron a Conferencia Anual do Conselho Português de Saúde do Úbere, os Encontros Ibéricos de Calidade de Leite, a Reunión de Primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e a presentación do proxecto Aterra!: o teu futuro no agro.
ESPECIAL: MAMITE
Belén Guerreiro (Seragro), Sergio R. Pedrouzo (Laboratorios Ovejero) e Gabriel Moyano (Laboratorios Ovejero) asinan un artigo centrado na influencia do tratamento da mastite con inmunoterapia sobre os principais índices reprodutivos en vacas de leite. Varios investigadores do Invegasa e do Ligal reflexionan sobre a aplicación da qPCR no diagnóstico das mamites bovinas e orientan sobre as condicións nas que pode ter unha maior utilidade. Por último, o investigador da Universidade Central de Cataluña Josep Turet, xunto a varios colaboradores, presenta un estudo experimental de cama de estabulación para vacún de leite a partir da fracción sólida hixienizada dos seus xurros.
ZONA WELFARE E MANEXO
Neste apartado presentamos unha análise comparativa do benestar en explotacións de vacún leiteiro en Galicia, autoría de A. Bugueiro, F.J. Diéguez, E. Yus (Facultade de Veterinaria de Lugo, USC) e R. Fouz (Africor Lugo).
Na sección de ‘Manexo’, Simona May (Gea) asina un artigo no que se pregunta se o tempo de ruminación é a regra de ouro para controlar a saúde das vacas. O doutor Israel Flamenbaum ofrece os resultados dun proxecto de arrefriado de vacas realizado en establos do norte de México. Por último, o xefe de Alimentación Animal de CLUN, Alfonso Goris, pon o foco nas claves económicas e de manexo na recría de xovencas.
ALIMENTACIÓN E AGRICULTURA
Varios investigadores procedentes da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), a Universidade de Vigo e o Centro de Investigación e Desenvolvemento de Ottawa (Canadá) abordan, na sección de ‘Agricultura’, novos aproveitamentos do cultivo de millo e céntranse no caso de estudo dos híbridos de Sugar Corn.
Na sección de ‘Alimentación’, Pedro Sedano (Qualivet) explica como e para que serven as auditorías dos carros unifeed, mentres que A. Correa (estudante USC) e Y. Trillo (Lely) pon o foco nas racións que se fornecen nas granxas robotizadas.
SAÚDE ANIMAL
Cristina Muñoz e Sara Sancristán, coordinadora e técnica do Plan Nacional fronte á resistencia a Antibióticos, presentan en Vaca Pinta 10 os retos do novo PRAN.
A PÉ DE PISTA
En Vaca Pinta 10 recollemos os resultados dos concursos morfolóxicos celebrados en Muimenta (Lugo), Pozoblanco (Córdoba), Campos (Mallorca) e Libramont (Bélxica), lugar no que tivo lugar a nova edición do Concurso Holstein Europeo.