Publicada a edición en castelán de Vaca Pinta 9

Logo do seu lanzamento en galego, sae agora o noveno número en castelán de Vaca Pinta, a revista técnica do vacún leiteiro que, desta vez, dedicamos ao cultivo do millo forraxeiro cun extenso especial no que se inclúen sete artigos técnicos e entrevistas a representantes de varias casas comerciais que achegan consellos a ter en conta nas diferentes fases do proceso. A explotación protagonista deste número é El Cerro, no concello de Cabeza del Buey, en Badaxoz, e na sección de opinión contamos cunha reflexión que asina Xoán Ramón Alvite, colaborador de La Voz de Galicia.

ESPECIAL: SEMENTEIRA DO MILLO FORRAXEIRO

Aos ensaios de variedades de Navarra (Jesús M.ª Mangado, Oihan Uharte e Sandra Aldaz, INTIA), Galicia (M.ª José Bande, CIAM) e Asturias (Alfonso Carballal, Silvia Baizán, Ana Soldado, Sagrario Modroño, Isabel Piñeiro, Cristina Cueto e Adela Martínez, SERIDA) súmanse unha guía práctica para o cultivo do millo forraxeiro (María Teresa Sánchez e Ignacio Delgado, Fertinagro), un artigo que afonda nas técnicas actuais para optimizar os recursos neste cultivo (Marcos García, Dekalb), outro sobre a técnica de sementeira variable (Pablo Amado, Dekalb) e, por último, un no que se fala de novas tecnoloxías aplicadas á semente do millo para axudar a combater o estrés hídrico (David Vilacoba e Gustavo García, Limagrain Ibérica).

Ademais, falamos con varios técnicos de casas comerciais sobre os condicionantes a ter en conta nas diferentes fases da sementeira do millo para obter os resultados esperados.

ECONOMÍA E AGRICULTURA

Na sección de ‘Economía’ publicamos un texto sobre a condicionalidade na PAC que nos remiten os servizos de Sanidade Vexetal e Sanidade Animal da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, mentres que na de ‘Agricultura’, Javier Bueno, director do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo, expón un artigo sobre o incremento de vendas dos tanques distribuidores de xurro derivado da condicionalidade da Política Agraria Común e do Plan Renove.

A PÉ DE PISTA E ACTUALIDADE

No apartado ‘A pé de pista’ recollemos os resultados dos concursos morfolóxicos celebrados en Menorca e Trofa (Portugal), así coma os das poxas que tiveron lugar recentemente en Curtis (A Coruña), Chantada (Lugo), Ordes (A Coruña) e Santa Comba (A Coruña).

No apartado ‘Actualidade’ publicamos un amplo resumo da xornada técnica anual que celebrou Africor Lugo, así como pequenas referencias dos Encontros Gandeiros de Ordes, das xornadas de NutriGenetik, da nova asociación de podólogos de España e Portugal e da primeira edición do Diploma en Podoloxía Bovina.